Venres 29 Marzo 2024

Un profesor da UVigo dirixe unha xuntanza anual da Axencia Internacional de Enerxía

O fraude das emisións contaminantes de Volkswagen supuxo un antes e un despois no mercado dos coches diésel, sobre todo en Europa, onde representan arredor do 40% do total de turismos. Foi a última pinga que axudou a incrementar a mala fama dun motor, o diésel, ao que se lle atribúe o feito de ser moito máis contaminante que os de gasolina, xa que a pesares de emitir menos CO2 –porque consumen menos combustible- lanzan á atmosfera máis óxidos de nitróxeno (NOx), principais responsables das boinas de contaminación que padecen as grandes cidades. Así e todo, novas evidencias científicas apuntan a que os motores de gasolina requirirán sistemas de tratamento de emisións comparables ao diésel, xa que comeza a observarse que o número de partículas emitidas por motores modernos de gasolina empezan a ser maiores do agardado, o que pode requirir a aplicación de sistemas equivalentes aos dos diésel e eliminaría as principais vantaxes que a día de hoxe se lle atribúen a estes motores.

Estes achados científicos son parte das conclusións extraídas trala última xuntanza anual do Comité de Combustión da Axencia Internacional de Enerxía (IEA), unha rede de expertos e expertas a nivel mundial que por primeira vez se reuniu España baixo a dirección do profesor e investigador da Escola de Enxeñería Industrial Jacobo Porteiro, quen explica que o encontro –celebrado en Baiona a finais de xuño- contou coa participación de 55 especialistas de 15 países “coa responsabilidade de informarlle a IEA dos principais avances acadados no último ano en materia de combustión e axudar/asesorar nas tarefas de previsión e asesoramento”.

Publicidade

O escándalo das emisións de Volkswagen marcou un antes e un despois no sector

“Tras o escándalo das emisións de Volkswagen estanse a tomar moitas medidas encamiñadas á eliminación dos vehículos diésel, pero debido ao maior consumo dos vehículos con motor de gasolina, o máis probable é que as emisións de CO2 asociadas ao transporte suban lixeiramente nos próximos anos, afastándonos dos obxectivos pactados en París”, explica Porteiro, quen, tras exercer como presidente do comité durante un ano cedeu o cargo á representante de Francia e el foi nomeado vicepresidente, cargo que se decidiu que exerza de forma permanente, algo excepcional, xa que a tradición no comité é a de rotar os cargos.

Aínda que a venda de coches eléctricos en España segue a ser minoritaria –está por debaixo do 1%-, os integrantes deste comité teñen claro que o coche do futuro será eléctrico, automóbiles polos que se está a facer unha forte aposta mundial, se ben advirten que as infraestruturas non se están a preparar da forma axeitada, un tema non menor se, tal e como indica o investigador vigués, cada casa, posto de traballo, etc. ten que ter a capacidade eléctrica de recargar un vehículo en poucas horas e, a maiores, a rede eléctrica tería que ter a potencia suficiente para soportar a carga simultánea de múltiples vehículos.

O coche eléctrico non será maioritario ata despois de 2030, segundo os expertos

Neste senso os expertos lembran que existen xa varios proxectos a nivel nacional e europeo para dotar as estradas dunha infraestrutura de recarga rápida, algo que cualifican como “moi necesario”, pois mentres o coche eléctrico só aspirou a ser unha alternativa urbana e de curto recorrido os puntos de recarga situáronse nas cidades, pero para que o coche eléctrico poida ser unha alternativa real, ten que ofrecer unhas prestacións semellantes aos vehículos convencionais. “Semella que o sector do automóbil está en disposición de ofrecer para isto vehículos eléctricos con autonomías superiores aos 300 km pero a rede de estradas non esta preparada para a recarga en ruta destes vehículos”, engade Porteiro.

“Hai moitísimas evidencias que apuntan a que o vehículo eléctrico será un medio de transporte habitual no futuro, aínda que probablemente non tan axiña como ás veces se pensa” indica Porteiro, ao tempo que explica que as estimacións apuntan a que este tipo de vehículo será probablemente maioritario a partir de 2030, estando o período entre 2020 e 2030 liderado por vehículos híbridos progresivamente máis eléctricos e menos térmicos.

Os especialistas avogan por substituír o diésel e a gasolina por combustibles de orixe non fósil. Foto: Duvi.
Os especialistas avogan por substituír o diésel e a gasolina por combustibles de orixe non fósil. Foto: Duvi.

En canto aos retos principais que teñen que superar os vehículos eléctricos os expertos e expertas que asistiron á xuntanza fan referencia a súa aínda curta autonomía, elevado custe e altos tempos de recarga, cuestións ás que habería que sumar outros detalles como a súa adaptación a climas extremos (frío ou calor). “Tamén está en dúbida se as reservas de litio son suficientes para permitir a expansión do vehículo eléctrico que se prevé, aínda que estou seguro de que haberá solucións tecnolóxicas que hoxe en día nin sequera contemplamos”, engade Porteiro.

Se as previsión dos países en canto a crecemento do numero de vehículos eléctricos se cumpre os expertos prevén que en poucos anos se produza un desequilibrio entre a demanda de puntos de recarga e a súa capacidade, e as necesidades dos vehículos eléctricos. Ante este desequilibrio, consideran máis axeitado unha transición a través do vehículo híbrido (térmico-eléctrico). “Isto significa que na próxima década seguirán predominando os motores de combustión baseados en gasolina e diésel e tamén se prevé a incorporación dun número sensible de vehículos de gas”, indica Porteiro, que explica que os vehículos a gas sempre foron unha alternativa aos motores de gasolina e recentemente vólvese a ver neles unha opción interesante xa que son máis limpos e o seu consumo é máis barato.

En canto a outras alternativas de futuro de cara a lograr un transporte máis limpo e con menos emisión de CO2 á atmosfera, mantendo os vehículos máis ou menos convencionais, podería ser substituír a gasolina e o gasóleo por combustibles compatibles pero cun orixe non fósil. Nesta liña sinalan que existen varias liñas de traballo para facer da biomasa combustibles líquidos e gasosos que sexan compatibles cos motores convencionais. “Se ademais se dispón dunha electricidade barata e renovable, ábrense novas posibilidades a o que se chama Power-to-liquid e Power-to-gas, combustibles que, polo de agora, non son competitivos en prezo, pero a mellora nos seus procesos, o enorme problema de cambio climático que estamos a xerar e a subida do prezo do petróleo poder facer que nun futuro sexan unha alternativa real”, conclúe Porteiro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os ’pellets’ xa invaden zonas mariñas protexidas de Galicia

Unha simulación realizada pola organización internacional Oceana predí que os plásticos están presentes en todo o litoral da comunidade

Un equipo galego utiliza materiais que respiran CO2 para refrixerar e quentar fogares

O grupo da UDC busca substituír os actuais compoñentes de calefacción, daniños para o medioambiente, por outros máis sostibles e eficientes

Un equipo galego usará IA para detectar contaminantes nas augas termais

Investigadores da UVigo lideran o proxecto Aquapred que predicirá a posibilidade de aparición de bacterias como a lexionela e a E. coli

O petróleo e os seus residuos inducen a metamorfose en invertebrados mariños

Un estudo internacional apunta que estas substancias poden alterar o ciclo e os procesos naturais destes animais