Venres 29 Marzo 2024

Visita Compostela Serge Haroche, o Nobel que capturou o minúsculo

O 19 de xullo chega a Compostela o premio Nobel que observou as partículas minúsculas. O físico francés Serge Haroche conseguiu traballar a escala cuántica, medindo e manipulando fotóns, con orixinais sistemas para atrapalos con xogos de láseres e espellos. Polos seus traballos, recibiu o Nobel de Física no ano 2012.

Agora, o científico visita Santiago convidado polo programa ConCiencia, que dirixe o catedrático da USC Jorge Mira e que, dende o ano 2006, trae a Galicia a recoñecidos científicos galardoados co premio da Real Academia Sueca de Ciencias. Haroche dará unha conferencia o 19 de xullo no auditorio de Abanca, ás 20.00 horas, ademais de participar en encontros con científicos galegos.

Publicidade

Haroche gañou o Nobel “por innovadores métodos experimentais que permiten a medida e manipulación de sistemas cuánticos individuais”. Nado en Casablanca, trasladouse a Francia aos 12 anos e acabou vinculado aos dous centros máis representativos da elite científica francesa, o Collège de France e a École Normale Supérieure. Alí atopou ao que sería o seu director de tese de doutoramento, Claude Cohen-Tannoudji, Premio Nobel de Física 1997 e visitante do Programa ConCiencia en 2015.

Haroche foi discípulo doutro Nobel: Cohen-Tannoudji, que tamén visitou Santiago

Cando nos achegamos ás compoñentes máis minúsculas do noso universo, empeza a fallar o xeito no que entendemos o mundo, e fanse patentes novas regras que nos parecen sorprendentes. Nese momento entramos no reino da física cuántica. Unha desas normas indica que a mera observación dun sistema cuántico individual altera o seu comportamento. Nos anos 80, Serge Haroche marcouse como obxectivo algo que parecía imposible: observar directamente partículas cuánticas individuais sen destruílas. Conseguiuno deseñando enxeñosos experimentos con láseres para estudar fenómenos cuánticos cando a luz interacciona coa materia. Deu capturado fotóns usando unha trampa formada por dous espellos, entre os cales os rebotan fotóns. Deste xeito, Haroche estudounos facendo pasar átomos a través desa trampa.

A través do seu traballo na chamada óptica cuántica non só puido observar estados cuánticos fráxiles (algo considerado ata entón inexpugnable) senón tamén controlalos. Isto supón un dos primeiros pasos para a construción de computadores extraordinariamente rápidos baseados en física cuántica.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:04:39

Pode caer un raio dúas veces no mesmo sitio?

Grazas aos pararraios a humanidade non teme hoxe as tormentas e o seu poder destrutivo, pero o lugar onde caen as descargas ten pouco de azar e moito de fondo científico

O comportamento humano altérase de xeito notorio en grupos de máis de 180 persoas

Unha nova análise matemática permite comprender como cambiará unha empresa ou unha rexión por medrar de tamaño

Pódcast | É hora de entender o cambio horario, con Jorge Mira

O catedrático de Física da USC, membro do comité de expertos que asesorou ao Goberno, aclara as dúbidas respecto ao movemento do reloxo

Un estudo cuestiona os riscos para a saúde atribuídos ao movementos do reloxo

Investigadores das Universidades de Santiago de Compostela e Sevilla revisaron a literatura científica máis citada a este respecto