Xoves 25 Abril 2024

Premio para a USC polo libro de astrofotografía ‘Na procura da noite’

A publicación, coordinada por Salvador Bará e Jorge Mira, foi recoñecida como a mellor edición dixital das universidades españolas

Un xurado independente e de recoñecido prestixio acaba de elixir entre un total de 192 títulos candidatados, os mellores libros editados en 2018 polas universidades españolas organizados en 12 modalidades, e entre os que a USC acaba de colleitar o de Mellor edición dixital e multimedia.

A universidade compostelá foi recoñecida nestes XXII Premios Nacionais de Edicación Universitaria polo e-book en formato pdf editado polo Servizo de Publicacións Na procura da noite. Fotografando o ceo nocturno.

Publicidade

O  xurado que outorgou o recoñecemento conformábano Ernesto Pérez Zúñiga, xefe do departamento de actividades culturais do Instituto Cervantes; Manuel Rodríguez Rivero, crítico literario; Carmen Rodríguez Santos, colaboradora do suplemento ABC Cultural; Nuria Azancot, xefa de redacción de El Culturalde El Mundo; Iker Seisdedos, redactor xefe de Cultura e Babelia de El País; e Pampa García Molina, coordinadora e redactora xefa do Servizo de Información e Noticias Científicas (SINC) do CSIC. O xurado valorou o “soporte dixital axeitado á difusión dos contidos visuais desta obra, na que os investigadores realizan unha aproximación ao tema, sen deixar de lado a beleza das imaxes”.

Na procura da noite. Fotografando o ceo nocturno, que competía con obras dixitais e multimedia das Universidades de Sevilla, Autónoma de Madrid, Huelva, Cantabria e UNED, reúne 94 imaxes dos fotógrafos Óscar Blanco, Ana García, Daniel Llamas, Daniel Lois, Alfredo Madrigal, Pablo M. Alemparte, Fernando Rey, Ángel R. Arós e Alba Rodríguez.

En conxunto amósanse preto dun cento de instantáneas do ceo nocturno da man “dun grupo de soñadores que, sendo sensibles ao instinto ancestral de mirarmos cara ao ceo, se lanzaron á procura da noite a rescatar ese tesouro apagado polo malgasto de luz artificial”, tal e como apuntan no limiar da obra Salvador Bará Viñas e Jorge Mira Pérez, profesores do Departamento de Física Aplicada da USC, promotores e coordinadores da obra.

Para o director do Servizo de Publicacións, Juan L. Blanco Valdés, “o galardón é o recoñecemento a un labor de equipo que tivo unha ‘cociña’ moi complexa, tanto dende o punto de vista da xestión dos dereitos e condicións da cesión entre nove autores como da propia idea do libro, deseño, elaboración técnica, depuración de erros… ata un produto final que contentou a todas as partes, promotores, autores e editores”.

Como engade “trátase do tipo de obra imposible de executar sen o punto de entusiasmo indispensable para compensar as dificultades. Ao cabo, o premio é un recoñecemento global á Universidade, en canto institución coa capacidade de interconectar tantas sensibilidades”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:04:39

Pode caer un raio dúas veces no mesmo sitio?

Grazas aos pararraios a humanidade non teme hoxe as tormentas e o seu poder destrutivo, pero o lugar onde caen as descargas ten pouco de azar e moito de fondo científico

Pódcast | É hora de entender o cambio horario, con Jorge Mira

O catedrático de Física da USC, membro do comité de expertos que asesorou ao Goberno, aclara as dúbidas respecto ao movemento do reloxo

Un estudo cuestiona os riscos para a saúde atribuídos ao movementos do reloxo

Investigadores das Universidades de Santiago de Compostela e Sevilla revisaron a literatura científica máis citada a este respecto

A Academia de Ciencias premia a traxectoria de cinco científicos coas Medallas de Investigación

Jesús López Romalde, Ramón Máiz, Mª Ángeles Sanromán, Jorge Mira e Isabel Pastoriza son os premiados deste ano