O catedrático da USC José Manuel Sabucedo, novo Premio Ibérico da Psicoloxía

O premio do Consello Xeral de Psicoloxía de España e a Orde de Psicólogos Portugueses recoñece o labor investigador do profesor da USC

José Manuel Sabucedo, catedrático de Psicoloxía Social da Universidade de Santiago de Compostela. Foto: Santi Alvite.
José Manuel Sabucedo, catedrático de Psicoloxía Social da Universidade de Santiago de Compostela. Foto: Santi Alvite.

José Manuel Sabucedo, catedrático de Psicoloxía Social da Univesidade de Santiago de Compostela (USC) acaba de ser recoñecido co Premio Ibérico da Psicoloxía que concede o Consello Xeral de Psicoloxía de España e a Orde de Psicólogos Portugueses. Un premio que, segundo apunta, “permite dar visibilidade á USC nesta área de coñecemento”. Será no marco do V Encontro Hispano Luso onde o profesor recibirá o galardón pola súa importante contribución ao desenvolvemento da Psicoloxía.

“Este é un premio para o grupo de investigación no seu conxunto”, engadiu en referencia ao equipo que coordina baixo a denominación ‘Comportamento Social e Psicometría Aplicada’ (COSOYPA). “É un premio ao traballo de moitas persoas”. O labor investigador do profesor Sabucedo, polo que acaba de ser distinguido, céntrase no estudo de procesos psicosociais básicos e na súa aplicación a diferentes ámbitos, especialmente os de psicoloxía política e psicoloxía social e medio ambiente.

Toda unha vida de currículo

José Manuel Sabucedo Cameselle é catedrático de Psicoloxía Social na Facultade de Psicoloxía da USC e é membro do Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS). Ao longo das catro décadas que nutren a dilatada traxectoria dirixiu 22 teses de doutoramento —cinco delas con premio extraordinario—, e liderou ou participou en 21 proxectos de investigación, ademais de nun amplo número de contratos de investigación con empresas ou institucións.

Primeiro decano da Facultade de Psicoloxía da USC entre os anos 1991 e 1998, organizou a Primeira Conferencia de Decanos de Psicoloxía de España. Sabucedo tamén foi promotor e primeiro presidente da Sociedade Científica Española de Psicoloxía Social (SCEPS) entre 2012 e 2020. Entre os galardóns recibidos, destacan o Premio Eugenio Montero Ríos en investigación social (Premio Galicia de Investigación) en 2006 e a Medalla Domingo García-Sabell Rivas de Investigación en Ciencias Económicas e Sociais da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) en 2020. Sabucedo foi tamén editor da revista international Journal of Social Psychology entre 2010 e 2017.

V Encontro Hispano Luso

Sabucedo tamén apuntou que o recoñecemento “é de agradecer pola dúas entidades que o outorgan”. Así, quixo salientar que o Consello Xeral de Psicoloxía de España é a agrupación máis importante do Estado no seu ámbito e atópase integrada por máis de 77.000 persoas, tal e como sucede coa Orde de Psicólogos Portugueses, entidade análoga no país veciño. O profesor da USC recollerá o galardón o vindeiro 11 de marzo, no marco do V Encontro Hispano Luso que se celebrará no Auditorio da Facultade de Psicoloxía da Universidade Pontificia de Salamanca.

Os Encontros Hispano Lusos teñen como obxectivo primordial trasladar aos profesionais e á comunidade as novas achegas que nos dous países se veñen aplicando á solución de problemas actuais, que afectan nos contextos de infancia, adolescencia, idade adulta e durante os procesos de envellecemento. A forxa da identidade profesional e a necesaria presenza dos e das psicólogas en atención primaria serán dúas das cuestións a tratar neste foro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.