Participantes na edición do ESTALMAT do ano 2018.

Paixón polas matemáticas: récord de 426 aspirantes no ESTALMAT

A Facultade de Matemáticas da USC convoca o certame que pretende estimular o talento matemático en Galicia

Un total de 426 estudantes de toda Galicia nados en 2006 e 2007 participan este sábado 8 nas probas de selección dos 25 estudantes da 13ª promoción do Proxecto ESTALMAT-Galicia para a detección e estímulo do talento en matemáticas. Con este número de persoas inscritas, o proxecto consolida a súa andaina dende 2007 e sobrepasa a media dos 5 últimos anos.

Os participantes, 175 rapazas e 251 rapaces, proceden na súa maioría das provincias da Coruña (276) e Pontevedra (113), seguidas das de Lugo (18) e Ourense (19), tanto do ensino público (245) como do privado (181), de 136 centros públicos e 54 centros privados ou concertados. Representan a 91 localidades galegas diferentes. Con esta edición son xa case 4.000 as e os estudantes que teñen pasado pola Facultade de Matemáticas nos últimos trece anos para facer a proba de selección.

A proba, consistente na resolución de seis problemas de distinto tipo, celebrarase a partir das 9:45 horas na Facultade de Matemáticas, cunha duración de 2 dúas horas e 30 minutos. Ao remate, ás 12:45 horas, os participantes reuniranse para unha foto de grupo nas escaleiras da Facultade de Matemáticas aberta a todos os medios de comunicación.

Durante a primeira parte da proba, os familiares dos estudantes asistirán a unha sesión informativa que se impartirá na Facultade de Bioloxía sobre o proxecto Estalmat-Galicia. Dita sesión será impartida polo presidente do proxecto, o ex reitor da USC Juan Viaño, e pola decana da Facultade de Matemáticas,  Elena Vázquez Cendón.

A organización da proba, coordinada polo profesor Viaño, conta coa colaboración dos profesores Julio Rodríguez, Angel Rodríguez, Gonzalo Temperán, Enrique de la Torre, Víctor Pollán, Pablo González, e das profesoras Marina Germiñás,  Covadonga Rodríguez-Moldes, Cristina Aneiros, Teresa Otero, Trinidad Pérez, e coa axuda do equipo administrativo do proxecto Ana Paz e Manuel Porto.

As probas corríxeas de forma anónima un equipo de doce profesores, con dúas correccións independentes para cada problema, mentres que a preselección é feita polo conxunto do comité.

Dous cursos académicos

A lista alfabética dos preseleccionados farase pública na páxina web do proxecto e serán convocados xunto coas familias e/os titores a unha entrevista persoal, pois deberán adquirir o compromiso de acudir ás actividades do Proxecto.

As actividades terán lugar na Facultade de Matemáticas, en sesións de 3 horas, nas mañás dos sábados dos dous vindeiros cursos académicos (20 sesións cada ano), con posibilidade de continuar un curso mais no Estalmat Pi (12 sesións).

O equipo docente que atende o alumnado seleccionados está formado por 50 profesores de matemáticas do ensino medio e das universidades galegas.

Con esta iniciativa, trátase de detectar e prestar atención a nenos e nenas con talento que, en moitos casos, poden pasar inadvertidos ou quedar desatendidos nas esferas normais do ensino e da familia, desenvolvendo aspectos que permitan axudar a pensar en matemáticas,  resolver problemas e, en definitiva, gozar desta ciencia ao tempo que se detecta e canaliza o talento matemático para o seu mellor aproveitamento pola sociedade.

O Proxecto ESTALMAT-Galicia

O Proxecto ESTALMAT-Galicia para a detección e estímulo do talento en matemáticas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, forma parte do Proxecto ESTALMAT-España, implantado en varias comunidades autónomas. Conta co aval científico da Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais, da Consellería de Cultura,  Educación e Ordenación Universitaria, do Consejo Superior de Investigacións Científicas (CSIC),  e contou ou conta co apoio económico da Fundación Española para la Ciencia y la Ingeniería, das Deputacións da Coruña e Lugo, ademais da infraestrutura e apoio xeral aportados pola Universidade de Santiago de Compostela, dun xeito especial pola Facultade de Matemáticas. O proxecto está conectado tamén coas actividades da Olimpíada Matemática (Fase Galega e Española) e as actividades de divulgación da Asociación Galega de Profesores e Ensinantes de Matemáticas (AGAPEMA).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.