O ourizo da castaña, potencial fonte de biomoléculas con aplicacións alimentarias

O investigador Iván Costa da UVigo centrou a súa tese de doutoramento na busca de procesos de biorrefinería eficaces

Diferentes mostras do ourizo da castaña xa pretratado. Crédito: DUVI
Diferentes mostras do ourizo da castaña xa pretratado. Crédito: DUVI

Nun contexto xeral de aposta crecente pola economía circular, os residuos agroindustriais ou subprodutos están sendo abordados pola ciencia como posible fonte de ingredientes valiosos, susceptibles de ser valorizados seguindo os principios da biorrefinería. Na súa tese de doutoramento, o investigador da Universidade de Vigo (UVigo) Iván Costa demostrou o potencial do ourizo de castaña para a obtención de biomoléculas de alto valor engadido con aplicacións alimentarias.

A tese, titulada Application of the circular economy in the chestnut production cycle, estivo dirixida desde a Facultade de Ciencias do campus de Ourense polos catedráticos José Manuel Domínguez e Nelson Pérez. Egresado en Ciencias Ambientais e co Mestrado en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria e Ambiental, ambos pola UVigo, Iván Costa explica que o obxectivo xeral da súa tese foi a busca de procesos de biorrefinería eficaces en subprodutos da castaña para a obtención de biomoléculas con aplicación no propio campo alimentario.

Dispoñibilidade e potencial

Sobre a importancia desta liña de investigación, o xa doutor pola UVigo comenta que para reducir a contaminación ambiental, o aproveitamento axeitado da biomasa lignocelulósica xorde como unha alternativa ás fontes non renovables. Sobre todo, debido á súa abundancia e composición rica en polisacáridos e lignina, que a converten nunha excelente opción para xerar produtos de valor engadido, como biocombustibles, biocompostos e bioenerxía. Neste contexto, engade, “as biorrefinerías son as plataformas nas que se transforma esta biomasa lignocelulósica para obter produtos de valor engadido”.

“Os ourizos son un subproduto pouco explotado que se xera en grandes cantidades”

IVÁN COSTA, investigador da UVigo

No seu traballo, o investigador do Grupo BiotecnIA (Biotecnoloxía Industrial e Enxeñaría Ambiental) escolleu como biomasa de estudo a do castiñeiro (Castanea sativa), “un cultivo amplamente distribuído en Europa, principalmente nos países mediterráneos, sendo España un dos maiores produtores europeos, e en particular destacando Galicia”, onde é “fonte de emprego e recursos económicos”. Neste senso, apunta Iván Costa, varios subprodutos resultantes do procesado da castaña (follas, poda, casca e ourizos) “son candidatos de alto potencial para ser utilizados nun proceso de biorrefinería e obter compostos de alto valor engadido debido á súa dispoñibilidade e baixo custo”. En particular, detalla, os ourizos de castaña “son un subproduto pouco explotado que se xera en grandes cantidades, xa que a súa produción pode superar entre 2,5 e 3 veces a produción de carne de castaña”. Tendo en conta que a produción mundial de castañas supera os 2 millóns de toneladas anuais, indica o investigador, estes ourizos preséntanse como un candidato susceptible de ser valorizado mediante procesos de biorrefinería.

Iván Costa nos laboratorios do edificio Campus Auga onde traballa.
Iván Costa nos laboratorios do edificio Campus Auga onde traballa.

Os catro citados subprodutos ou residuos xerados no procesado industrial da castaña (follas, podas, ourizos e cascas) foron analizados nesta tese e determinouse “o seu contido en carbohidratos e polo tanto a súa potencial aplicación nos procesos de biorrefinería”, destacado a súa presenza maior no caso dos ourizos. Ademais, na investigación Iván Costa, entre outros aspectos, profundou na comprensión das interaccións fisicoquímicas e termodinámicas que interveñen no proceso de adsorción entre os compostos fenólicos contidos nos hidrolizados hemicelulósicos e o carbón activo e abordou a mellora da sacarificación do ourizo de castaña pretratado para a produción de bacteriocinas.

Froito da investigación realizada, a tese recolle que os ourizos da castaña demostraron, seguindo os preceptos da economía circular, “ser un material axeitado para implementar nun proceso de biorrefinería, sendo un substrato económico para preparar caldos de cultivo nos que, mediante procesos biotecnolóxicos e empregando diferentes cepas de bacterias acidolácticas, se obteñen producións eficientes de bacteriocinas, ácido láctico e biosurfactantes”. Para obter estes biocompostos de alto valor engadido, a biomasa do castaño empregada, ao igual que a demais biomasa, tivo que ser sometida a pretratamentos como primeiro paso para descompoñer a súa estrutura e producir compoñentes básicos. Nesta tese, o seu autor probou que o pretratamento verde implementado nesta biorrefinería de castañas, DES, podería mellorar a sostibilidade de todo o proceso, aínda que, apunta, este último punto aínda  é “un campo novo por explorar”.


Podes ler a noticia completa do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.