Venres 29 Marzo 2024

Ourense acollerá a investidura ‘honoris causa’ de Jacqueline Campbell

O campus de Ourense acollerá o día 20 de xuño por primeira vez na súa historia a investidura dun doutor ou doutora Honoris Causa pola Universidade de Vigo. Ese día, Jacquelyn C. Campbell, experta en violencia de xénero da Universidade Johns Hopkins, de Estados Unidos, converterase na cuarta muller a na vixésimo oitava persoa en recibir esta distinción por parte da institución académica. O acto celebrarase por primeira vez en Ourense porque a súa proposta de nomeamento foi impulsada desde este campus polo Departamento de Análise e Intervención Psicosocioeducativa da Universidade de Vigo, concretamente pola súa profesora María Lameiras.

María Lameiras.
María Lameiras.

O nomeamento de Jacquelyn C. Campbell foi aprobado xunto ao de María Inmaculada Paz Andrade, catedrática de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, no Consello de Goberno do 21 de marzo deste ano. Na argumentación da candidatura de Campbell, María Lameiras subliñou “o excepcional currículo académico” desta experta e o seu “destacado papel de liderado e activismo a favor da igualdade e contra todas as formas de violencia que sofren as mulleres no mundo”. “A súa figura achega ao panel de Honoris Causa da Universidade Vigo en primeiro lugar facer xustiza á representación das mulleres, que lamentablemente teñen estado inxustificadamente infrarrepresentadas, pois ata o ano 2018 só se tiñan nomeado a dúas mulleres”, subliña María Lameiras.

Publicidade

“É unha enorme satisfacción que un acto académico da altura que ten nomear un Honoris Causa poda realizarse por primeira vez no noso campus”, recalca a profesora da Facultade de Ciencias da Educación. Ademais do valor que ten para o campus a acollida deste evento, engade María Lameiras, este nomeamento “supón un recoñecemento explícito da institución ao traballo en favor da igualdade e da erradicación de todas as formas de violencia cometidas contra as mulleres nas sociedades patriarcais e sexistas, que en diferentes niveis seguen comprometendo a saúde e o benestar de todas as mulleres no mundo”.

A profesora Jacquelyn C. Campbell, sinálase na memoria de méritos presentados para abalar a súa candidatura á distinción de Honoris Causa, “está considerada unha das máis sobresaíntes académicas en materia de violencia de xénero a nivel internacional”.

O seu traballo no eido académico como docente, investigadora e clínica iníciase na década do anos 80 do século XX, no que comeza o pioneiro traballo arredor da problemática da violencia de xénero cando este era aínda un tema invisibilizado e en consecuencia afastado do foco da ciencia. O liderado que ten acadado a profesora Campbell como científica na problemática da violencia de xénero, e de xeito relevante sobre a violencia exercida contra as mulleres polas súas parellas afectivas, ven avalado por un extenso e relevante curriculum con case 300 publicacións en artigos científicos, libros e capítulos de libros nas máis prestixiosas revistas científicas e editoriais.

Campbell foi pioneira en abordar a violencia de xénero cunha perspectiva científica

Os seus traballos de investigación teñen acadado unha significativa repercusión a nivel mundial, sendo a investigadora máis citada sobre violencia de xénero exercida dentro das relacións de parella.

Pola relevancia do seu traballo, a profesora Campbell ten sido requirida para colaborar con numerosas institucións e organismos a nivel nacional e internacional, como a Word Health Organization (WHO) e a United Nations Development Fund for Women. Cabe destacar neste senso a extensa colaboración ca WHO que se inicia na década de 1990, cando foi chamada para colaborar no desenvolvemento de políticas e actuacións co obxectivo de erradicar a violencia de xénero en todo o mundo, con iniciativas como o estudo WHO.

Igualmente relevante na súa traxectoria, detállase na memoria da súa candidatura, ten sido o protocolo ético e de seguridade para as mulleres así como o cuestionario resultante desenvolvido durante o estudo ou a súa participación no programa Safer Motherhood para abordar o abuso durante o embarazo, ao que a profesora Campbell ten dedicado unha especial atención. O seu instrumento internacionalmente coñecido para avaliar o risco das mulleres de ser asasinadas polas súas parellas ou exparellas, Danger Assessment, estase a utilizar ademais de en 28 estados de Estados Unidos en sete países máis.

Jacquelyn C. Campbell ten sido ademais requirida para proporcionar capacitación, presentar os seus traballos e actuar de asesora para o desenvolvemento de políticas públicas en numerosos países, como México, Noruega, Suíza, Suecia, España, Portugal ou Exipto. Os traballos desta profesora tamén se estenden ao estudo da violencia de xénero dentro das contornas de traballo e nos ámbitos académicos. Ao longo da súa traxectoria foi recoñecida xa co doutoramento honorario en Estados Unidos e pola Universidade de Goteberg (Suecia) así como polo Simon Fellowship da Universidade de Manchester (Inglaterra).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas

A falsa endemia de malaria e outros intentos para desecar a lagoa de Antela

A partir do século XVIII a zona húmida foi considerada inimiga da agricultura. Os veciños intentaron evitar o desaugamento das terras que utilizaban para o pastoreo

Os bioplásticos e polímeros sintéticos teñen realmente capacidade de biodegradación?

O proxecto Polbio nace para determinar se este proceso pode ter algún efecto tóxico en ambientes terrestres e acuáticos

Un método estatístico permite detectar por primeira vez que liñaxes celulares evolucionan máis rápido

O estudo, no que colabora a Universidade de Vigo, axudaría a identificar mutacións con incidencia en enfermidades como o cancro