Mércores 24 Abril 2024

Ourense comeza en setembro o grao de Enxeñaría Aeroespacial

Un día histórico para a cidade e para provincia de Ourense e un día esperanzador para o sistema produtivo, empresarial e laboral galego. Con estas palabras foi presentado este martes o novo grao de Enxeñaría Aeroespacial que o vindeiro curso académico 2016/2017 se comezará a impartir no campus de Ourense. Os novos estudos, destacouse na súa presentación, nacen co obxectivo de captar e formar talento que nutra a aposta polo desenvolvemento dun polo aeronáutico e aeroespacial galego que terá en Ourense o seu vértice académico. Co anuncio da nova titulación que se comeza a impartir en setembro culmina un dilatado proceso no que moitas persoas e entidades sumaron esforzos e ilusións coa arela común de ter algún día egresados e egresadas en Enxeñaría Aeroespacial pola Universidade de Vigo.

O grao de Enxeñaría Aeroespacial constará de 240 créditos repartidos en catro cursos académicos. Con 50 prazas dispoñibles, os estudantes poderán especializarse realizando nos dous últimos cursos a mención en Aeronaves ou a mención en Equipos e Materiais Aeroespaciais, dous dos cinco itinerarios curriculares estipulados para estes estudos.

Publicidade

Os alumnos poderán especializarse en Materiais Aeroespaciais ou en Aeronaves

“Esta nova titulación dotará de músculo ao incipiente sector aeronáutico e aeroespacial galego”, recalcou Salustiano Mato durante a presentación. Para facelo, indicou, o novo grao deseñouse “tendo en conta o tecido empresarial e produtivo galego e as súas necesidades”. O título de Enxeñaría Aeroespacial, subliñou Salustiano Mato, “é unha aposta que facemos desde a Universidade de Vigo para toda Galicia”, xa que será unha titulación única no Sistema Universitario Galego. Durante a súa intervención, o reitor quixo agradecer o traballo levado a cabo pola Xunta de Titulación deste grao; polo seu presidente, José Antonio Vilán, e por todas as persoas que participaron na maduración da proposta ata a súa definitiva aprobación. Nas súas palabras, o reitor tamén agradeceu á Xunta de Galicia e ao seu presidente o seu compromiso con esta proposta desde os seus inicios.

Para o tecido produtivo galego, apuntou Alberto Núñez Feijóo, “é un excelente noticia a que hoxe confirmamos” da posta en marcha do grao de Enxeñaría Aeroespacial en Ourense. No marco dunha “incipiente recuperación económica”, o presidente da Xunta recalcou que un dos obxectivos do goberno é “fixar un novo sistema produtivo” para ser menos dependentes ante as crises económicas que poidan xurdir. Neste contexto, indicou, está a aposta polo despegue do sector aeronáutico-aeroespacial galego. O presidente da Xunta explicou como a estratexia neste sector baséase nun triángulo formado por empresa (materializado no recentemente presentado Centro de Innovación Aeroespacial de Nigrán), industria (co proxecto de creación dun polígono de fabricación de drones en Rozas), e na formación, co grao anunciado este martes.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A falsa endemia de malaria e outros intentos para desecar a lagoa de Antela

A partir do século XVIII a zona húmida foi considerada inimiga da agricultura. Os veciños intentaron evitar o desaugamento das terras que utilizaban para o pastoreo

Galicia superará os 40 graos durante a cuarta onda de calor da península

O sur de Pontevedra a Ourense serán as zonas máis afectadas durante un episodio de calor intenso que durará ata o xoves

Alerta por 19 positivos por tuberculose en Ourense: estes son os seus síntomas

Un infectado contaxiou a case unha vintena de alumnos do IES Julio Prieto Nespereira que, de momento, non desenvolveron a enfermidade

A Coruña é a provincia con máis xeodestinos de Galicia

A actualización do mapa desta áreas turísticas destacadas suma 12 novos destinos e xa está integrado por un total de 26