Sábado 20 Abril 2024

O Partido Paripé gaña as eleccións ficticias en Pontevedra

Os alumnos celebraron os seus resultados.
Os alumnos celebraron os seus resultados.

66 votos fronte a 64. Esa foi a diferenza que separou ao Partido Paripé e a La Madriguera nas eleccións ficticias que este xoves se celebraron na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, como parte da materia Técnicas de comunicación electoral, que imparte Xosé Rúas. O profesor responsable desta iniciativa destacou o disputado dunhas eleccións nas que votaron 207 persoas e nas que mesmo foi preciso un segundo reconto dos votos para confirmar que grupo de alumnos ía sumar 2,5 puntos á súa cualificación na materia. O Partido Dálle, con 42 votos, e a Alianza Rebelde, con 29, ocuparon o terceiro e o cuarto lugar respectivamente nuns comicios abertos ao alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos do centro.

Unha campaña virtual e real

Desde hai máis dunha década, Rúas promove cada ano unha campaña electoral ficticia coa que busca que o alumnado do grao en Publicidade e Relacións Públicas poida levar a un terreo práctico os coñecementos adquiridos nas aulas sobre estratexias electorais, comunicación ou creatividade. Así pois os dez días de campaña deron pé a debates entres os candidatos, mitins e a unha longa serie de accións que os partidos impulsaron co obxectivo de captar a atención do electorado. Neste senso, o profesor destaca que se algo definiu a campaña foi a aposta dos catro partidos “polas relacións públicas, polas accións que supuñan un contacto directo co electorado”. Unha opción que foi vista como unha “boa elección” por Rúas, e non só pola falta de medios económicos para realizar outro de tipo de accións, senón tamén pola eficacia que atribúe a este tipo de actuacións. “En tempos de crise, un investimento publicitario elevado mesmo pode chegar a ser contraproducente”, apunta.

Publicidade

“Alianza Rebelde pediu o cambio do programa de edición da facultade”

Mais, a gran diferenza desta campaña con respecto ás desenvolvidas en anos anteriores é que desta volta, “o virtual chegou ao real”, como salienta Rúas, que explica que un dos obxectivos que propuxo ao alumnado foi “que as propostas que comunicaban tivesen unha repercusión, que se concretasen algunhas das accións que propuñan”. Foi así como a campaña chegou a unha “virtualidade real”, con accións como a recollida solidaria de alimentos, que impulsou o partido gañador, ou coa recollida de sinaturas para reclamar o cambio do programa de edición de vídeo que se usa no centro que levou a cabo a Alianza Rebelde. Nesa mesma liña, Dálle pechou a súa campaña facendo entrega en Decanato dun escrito no que se recollían unha serie de demandas do alumnado e La Madriguera trasladou á cafetaría do centro uns botes nos que a xente pode coller os céntimos que precise para pagar a súa consumición e deixar aqueles que lles sobren.

Política espectáculo

Xunto a este tipo de iniciativas, desenvolvéronse tamén outra serie de accións máis enmarcadas dentro do que se podería considerar “política espectáculo”, como reparto de comida, concursos, proxeccións de filmes ou mesmo o secuestro finxido do profesor Daniel Martí por parte do Partido Dálle. “Este tipo de accións déronlles visibilidade na facultade”, salienta Rúas, que incide no valor que ten nunha campaña electoral “xerar empatía co electorado, o que é unha opción que os propios partidos reais empregan para captar o voto de xente nova realizando actuacións que mesturan a información e o entretemento”.

Unha das campañas electorais simulou o secuestro dun profesor

A diferenza do que moitas veces acontece nas campañas electorais, estas eleccións non estiveron marcadas por ningún cruce de acusacións, senón pola posta en valor do traballo desenvolvido polos rivais políticos, de aí que a candidata do partido gañador, Cecilia Allo, cualificase a súa vitoria electoral como “un premio compartido con La Madriguera, que fixo un labor moi importante á hora de fomentar o compañeirismo dentro da facultade”. A cabeza de lista do Partido Paripé destacou así mesmo que estes dez días de campaña lle permitiron “coñecer o mellor dos meus compañeiros, tanto do meu partido como do resto”.

Por iso, Allo cualificou a iniciativa impulsada por Rúas como “moi positiva”, como tamén fixo Micaela Campanini, do Partido Dálle. Patricia Rincón, candidata de La Madriguera, que destacou que se ben “ao principio, a campaña foi moi estresante á hora de coordinarnos entre todos, despois todos pensamos en actividades e a experiencia foi moi produtiva”. Por último, tamén saudaron a iniciativa desde a Alianza Rebelde. “Foi unha experiencia moi gratificante, que fixo que no noso equipo houbera unha unión como non se conseguira antes”, afirmou o seu candidato, Alejandro Rodríguez.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os antepasados dos pontevedreses tiñan desgaste dental severo polo consumo de peixe

Un equipo da USC demostra a relación entre dieta e saúde bucal despois de analizar restos óseos de 34 individuos que viviron entre os séculos XIII e XVII

Galicia superará os 40 graos durante a cuarta onda de calor da península

O sur de Pontevedra a Ourense serán as zonas máis afectadas durante un episodio de calor intenso que durará ata o xoves

Unhas xornadas afondan en como creatividade e innovación xeran un futuro máis sostible

Celebraranse este mércores 24 na Casa das Campás, en Pontevedra, ao abeiro do programa "Ciencia de ida e volta" impulsado pola UVigo

O Servizo de Dixestivo do Hospital de Pontevedra, o mellor de España contra a hepatite C

Esta unidade é pioneira na utilización de técnicas de intelixencia artificial e big data para a detección de pacientes ou implementando o diagnósticos dos mesmos nun só paso