"O galego está en perigo de se converter nunha lingua estranxeira na súa propia patria"

Investigación e lingua
Os departamentos de Galego das universidades de Santiago de Compostela (USC), Vigo (UVigo) e A Coruña (UDC) veñen de publicar unha declaración conxunta na que expresan a súa “profunda preocupación pola situación actual e polo futuro da lingua e da cultura galegas”.
O documento foi asinado polos departamentos de Galego-Portugués, Francés e Lingüística da UDC, Filoloxía Galega da USC e Filoloxía Galega e Latina da UVigo, as principais institucións universitarias con responsabilidade docente e investigadora no ámbito estratéxico dos estudos galegos no país. A declaración pon énfase nos alarmantes datos sobre o baixo uso do galego entre as novas xeracións, “o que implica que a lingua galega está en perigo de se converter nunha lingua estranxeira na súa propia patria”, alertan.
Os asinantes tamén denuncian os recortes en persoal e investimentos “en todos os ámbitos relacionados coa promoción do uso e normalización da lingua galega, así como coa industria cultural a ela vinculada”, e critican a caída no uso do galego tanto na administración públicaincluíndo as propias universidades— como no sector privado.
Por iso, esixen o desenvolvemento do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado polo Parlamento de Galicia en 2004, e solicitan a paralización do controvertido Decreto ‘de plurilingüísmo’, do ano 2010, para que “a sociedade galega poida transformarse en sociedade de información competitiva nun contexto globalizado sen deixar de coidar e desenvolver os seus trazos inherentes”.
“A lingua galega ábrenos ao mundo, sitúanos nun contexto global de oportunidades e constitúe un valor económico duradeiro e de extraordinaria relevancia”, conclúe a declaración, publicada hoxe.
Velaquí o texto completo:

Os Departamentos de Galego-Portugués, Francés e Lingüística (Universidade da Coruña), Filoloxía Galega (Universidade de Santiago de Compostela) e Filoloxía Galega e Latina (Universidade de Vigo) son as principais institucións universitarias con responsabilidade docente e investigadora no ámbito estratéxico dos estudos galegos no país. Somos, desde hai case medio século, as entidades encargadas da formación de sectores imprescindíbeis nunha sociedade galega democrática: o persoal investigador en estudos galegos; o profesorado de Lingua e Literatura Galegas nos seus diferentes niveis educativos; moitas mulleres e homes que traballan na industria cultural e nos medios de comunicación en galego; moitas creadoras e creadores que hoxe son de recoñecido prestixio; intelectuais, axentes culturais e persoal laboral que sustentan xa e terán que sustentar no futuro non só as grandes e pequenas institucións culturais mais tamén as empresas relacionadas. É da nosa responsabilidade velarmos por que as futuras xeracións de tituladas e titulados, amplamente formadas, poidan continuar a ofrecer a súa contribución ao futuro da sociedade galega nun contexto globalizado, onde quen amosar unha condición ben articulada entre o global e o local vai dispor dunha estratéxica posición de vantaxe de incalculábel valor.

Por iso mesmo, tendo en conta os diferentes datos estatísticos recentemente publicados sobre o uso e transmisión da lingua galega e o panorama social e político do país no último lustro, vémonos na obriga de mostrar a nosa profunda preocupación pola situación actual e polo futuro da lingua e da cultura galegas. Confirmouse, por exemplo, que o nivel de uso efectivo da lingua propia do país retrocedeu de forma alarmante nas xeracións máis novas, o que implica que a lingua galega está en perigo de se converter nunha lingua estranxeira na súa propia patria. A isto acrecéntase a preocupante redución de persoal e a drástica e alarmante diminución de investimentos en todos os ámbitos relacionados coa promoción do uso e normalización da lingua galega, así como coa industria cultural a ela vinculada, por non falarmos do recuamento da lingua galega na administración pública (incluíndo as propias universidades) e no sector privado.

Os departamentos denuncian o recuamento do galego na administración pública, incluíndo as propias universidades

Estas e outras circunstancias ameazantes para a lingua e cultura propias do país derivan, ao noso ver, en primeiro lugar e en grande parte, da falta de desenvolvemento do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado polo Parlamento de Galicia en 2004 por unanimidade e, en segundo lugar e de forma subseguinte, dos efectos contraproducentes do Decreto denominado (aínda que de forma academicamente incorrecta) ‘de plurilingüismo’, do ano 2010.

A sociedade galega actual, querendo preservar a súa identidade histórica e proxectarse asemade no futuro, forzosamente terá que se transformar en sociedade de información competitiva nun contexto globalizado sen deixar de coidar e desenvolver os seus trazos inherentes. O primeiro deles é a súa lingua propia, que é patrimonio e debera ser orgullo de todas as galegas e galegos sen excepción e que, ao tempo que nos singulariza cunha identidade milenaria, nos permite acceder facilmente a un universo de 276 millóns de falantes en 27 países e á quinta parte de toda a internet.

A lingua galega ábrenos ao mundo, sitúanos nun contexto global de oportunidades e constitúe un valor económico duradeiro e de extraordinaria relevancia. Mais, para podermos tirar proveito desas vantaxes e seguir sendo donos da nosa identidade, os poderes políticos teñen que actuar con afouteza e apostar decididamente pola normalización lingüística, emendando todo o que for preciso a liña de actuación política nesta materia e cumprindo as súas obrigas legais.

A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, día 11 de maio de 2015

6 COMENTÁRIOS

  1. Pois que queres que che diga… é unha mágoa que a xente non entenda que non hai outro xeito de conservar unha lingua máis que falala; a xente non ama o galego porque non o usa. Como mestra, bendigo o día en que me fixeron falar galego na aula, non entendo á xente que se considera unha persoa de cultura e non se decata que conservar o galego non é só un dereito, é un deber que levo con moita honra para os meus fillos e para os fillos dos meus fillos.
    Non lles podo falar os meus alumnos con coherencia da defensa dos dereitos humanos, incluso da nosa constitución ou estatuto e deixar morrer o galego; temos séculos de prexuizos ás nosas costas que temos a obriga de facerlles ver e de facerlles sentirse orgullosos do que son.

  2. Yo no le veo nada de preocupante a que las nuevas generaciones no hablemos gallego. Se hablarlo pero no lo hago nunca, principalmente porque prefiero perfeccionar mi sudo del castellano o el ingles, que me van a llevar a mas sitios que el gallego (sobre todo teniendo en cuenta que el 99% de los que hablan gallego tambien hablan español, pero no al reves)

    • pareceme unha maneira de pensar un tanto egoista po la tua parte….pero non importa..se o vas facer a forza e mellor q sijas coas tuas ideas e punto…ahora eso si…derspois non presumas de galego en nincun sitio porque non seria coherente…

  3. Esta ultimada una acreditación que distingue a cada gallego como Embaixador de Galicia para o mundo . e similar a un DNI frito en Galego , para presumir de Galicia e da nosa língua
    Achego iinformación para quen quería colaborar na sus promoción.
    Embajadaperegrimo@hotmail.com

  4. Eu son arxentino e fillo de arxentinos, pero crioume un avó galego, que veu á Argentina aos trece anos. Non esqueceu á súa terra nin a súa lingua que me aprendeu a min. As veces que andei por Galiza, poucas veces falei en galego, cando un pregunta algo nesa fermosa lingua, contéstanlle en castelán. A ademáis estiven con parentes da miña muller (ele é galega e falamos na casa isa lingua), e os parentes presentaronnos moitos amigos, que si, falaban o galego, pero cos fillos falaban castelán. É lamentable que un idioma tan doce, como a lingua galega vaia a desaparecer polo pouco amor que lle teñen os mesmos galegos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.