Venres 29 Marzo 2024

O Campus do Mar supera outro exame

O Ministerio de Educación vén de confirmar a evolución positiva do proxecto do Campus do Mar, ao acadar a máxima cualificación no informe de seguimento realizado por unha comisión internacional. Desta forma, o Goberno recoñece o experimento colectivo nacido en 2010, que se ten convertido nunha realidade e nunha aposta firme pola excelencia, a investigación, a cooperación internacional e pola sustentabilidade arredor do mundo mariño e marítimo.

O equipo de expertos do ministerio certifica o “bo progreso” do Campus do Mar e subliña como unha das súas fortalezas a estratexia “clara e orixinal” para focalizar a inversión nos recursos humanos, tanto na formación do profesorado como na mobilidade ou o emprego, un eido ao que o campus de excelencia internacional ten dedicado o 36% do total dos fondos invertidos, segundo informa o Diario da Universidade de Vigo (Duvi).

Publicidade

O informe final remitido á Universidade recoñece tamén a capacidade “en tempos difíciles” de atraer socios e investimentos. De feito, o Campus captou fondos por valor de máis de tres millóns de euros, tendo realizado unha inversión de algo máis de 3,5 millóns. O anterior proceso de avaliación pasouno o Campus do Mar en 2012, cando recibiu a mesma cualificación que obtivo desta volta, a máxima. Educación considera que o proxecto non deben volver avaliarse ata 2015, cando se debe presentar o informe final.

O reitor vigués, Salustiano Mato, valora moi positivamente esta cualificación: “É a segunda vez consecutiva que obtemos a máxima puntuación, o que reforza o proxecto e as súas perspectivas de futuro e ademais asegúranos este selo de calidade ata o 2015”. De cara ao futuro, Mato destaca que o campus está “nunha senda da consolidación e este informe anima a traballar con máis intensidade no desenvolvemento do plan estratéxico”. Un pouco máis impreciso é o futuro a partir do 2015, cando rematan os cinco anos iniciais de vixencia dos campus de excelencia. “A partir desta data teremos que estar pendentes de cales van ser as políticas que se van aplicar a estes campus con selo de excelencia internacional”, apunta. Emilio Fernández, director do Campus do Mar, considera que dende o Ministerio de Educación existe unha percepción positiva e agarda que a partir de 2015 se articulen as medidas necesarias para que estes campus de excelencia se prolonguen no tempo.

Para Mato, esta máxima valoración supón tamén un pulo para CEI.MarNet, a rede de campus de excelencia mariños de España, a “única alianza existente de campus de excelencia internacionais”. Nela converxen Campus do Mar (universidades de Vigo, Santiago e A Coruña), Campus Mare Nostrum (Murcia e Politécnica de Cartagena), Campus Atlántico Tricontinental (Las Palmas e La Laguna) e CEI-MAR (Cádiz, Málaga, Huelva, Almería e Granada). O reitor vigués destaca que a máxima cualificación, que obtiveron Campus do Mar e Mare Nostrum, “servirá para mellorar en conxunto e posicionarnos firmemente en Europa e dar un paso á fronte de cara ao Horizonte 2020”.

O informe de seguimento considera o Campus do Mar como un “proxecto ambicioso” que abrangue 25 institucións de dous país e recoñece o continuo progreso da agregación das universidades galegas. Os avaliadores subliñan como positiva a atención prestada a temas como o emprendemento estudantil e a inserción laboral e destacan a conexión transfronteiriza e a estratexia de captación de talento en todos os niveis. A cooperación internacional con Cabo Verde e Colombia é considerado como outros dos puntos fortes do Campus do Mar así como a Escola Internacional de Posgrao.

O informe recomenda especificar a capacidade do tecido económico para absorber os impactos científicos

Pero o informe de seguimento fai tamén varias recomendacións para mellorar e fortalecer a agregación do Campus do Mar. Por unha banda, considera necesario delimitar os clústers e avoga tamén por especificar a capacidade do tecido económico rexional para absorber e desenvolver os impactos científicos. Para Emilio Fernández, este é un dos retos principais de futuro, “mobilizar a investigación para dar solucións a problemas reais dos sectores produtivos, das administracións, das empresas, etcétera” xerando unha conexión entre a capacidade investigadora e a sociedade. De xeito xeral, os expertos internacionais consideran que o Campus do Mar pode ter un impacto significativo nos procesos xerais das institucións participantes e tamén fóra delas, na contorna rexional galega e portuguesa.

Ademais de traballar para poñer a investigación ao servizo da contorna, no 2014, segundo explica Emilio Fernández, “deberemos traballar para consolidar e internacionalizar o programa de doutoramento; elaborar e presentar proxectos de investigación e apoiar a formación dos traballadores do sector do mar fomentando o emprendemento”. Ademais, neste ano impulsarase a elaboración de proxectos dentro do Horizonte 2020 a través dos clústers e seguirase a fomentar a divulgación, levando o coñecemento á rúa. 

Nestes tres primeiros de andaina, o Campus do Mar ten posto en marcha toda unha infraestrutura que permite conectar aos 3.500 investigadores que o compoñen. As novas tecnoloxías e o Campus Dixital do Mar, Digimar, fan posible este traballo en rede, contando ademais cunha videoteca de máis de 1.300 vídeos e 2.000 horas de contidos científicos e educativos, que foron visualizados 728.000 veces dende 2010 ata a actualidade. Estes investigadores e científicos organízanse arredor de catro clústers que coinciden cos retos identificados inicialmente: observación do océano e cambio global; usos sostibles dos recursos mariños; xestión integrada da zona costeira e competitividade: progreso tecnolóxico e xestión empresarial. No tocante á Área de Transferencia do Campus do Mar, desenvólvense tres eixos principais: a transferencia de tecnoloxía, o programa de fomento de cultura emprendedora e o apoio á empregabilidade de estudantes. En abril de 2013 púxose tamén en marcha Marjob, un portal de emprego con máis de 600 ofertas de traballo que ten recibido xa 30.000 visitas.

Outro puntal do proxecto do Campus do Mar é a internacionalización, un dos factores mellor valorados pola comisión. A delegación do campus de excelencia percorreu en 2012 máis de 104.000 km visitando 41 centros de investigación de referencia. Paralelamente actividades como Mergúllate no Océano ou Oceántica permitiron avanzar na divulgación e cultura científica, e programas de bolsas axudaron á mobilidade internacional e á captación de talento.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha tese estuda o proceso de artificialización litoral na ría de Vigo

A investigación da UVigo cuantifica e caracteriza o incremento de superficies artificiais nas zonas costeiras, de utilidade para unha xestión sostible

Facer visibles as pradarías mariñas para coidalas

As universidades de Vigo e Santiago participan no proxecto Zosteco, que estuda en detalle este ecosistema mariño na contorna da illa de San Simón

Os produtos de limpeza das bateas afectan ao organismo dos mexillóns

O investigador Vladimir Dobal expón nunha tese que estes compostos inducen alteracións nos sistemas respiratorio, dixestivo e reprodutor

O catedrático Ricardo Beiras publica un libro sobre contaminación mariña

O profesor da UVigo recolle nunha obra de 400 páxinas a experiencia de máis de 20 anos de investigación e docencia neste eido