Xoves 28 Marzo 2024

A USC pon en marcha en Lugo a súa granxa experimental

O Consello de Goberno da USC aprobou este martes o convenio coa Deputación Provincial de Lugo para a construción da granxa experimental do Campus Terra nos terreos de que dispón o organismo provincial no municipio de Castro de Rei. A edificación e posta en marcha desta nova infraestrutura, apta para usos docentes e de I+D+i por parte da USC e cuxo proxecto se atopa na actualidade en fase de exposición pública trala súa aprobación por parte do organismo provincial, require unha inversión de máis de 1,3 millóns de euros, contía achegada integramente pola Deputación de Lugo.

A futura granxa experimental do Campus Terra constará dunha nave principal que acollerá o gando vacún para  a  produción de  leite  e  recría da  Granxa  Gayoso  Castro,  un  edificio  de  prácticas  cunha aula e un laboratorio, unha nave de maquinaria, silos de forraxe e unha fosa de xurro. A  granxa  está  rodeada  por  distintas  parcelas  cunha  superficie  total  de arredor  de  30  hectáreas.

Publicidade

A nova instalación, que se agarda que esté operativa e entre en funcionamento en 2018, pretende ser un referente en canto á súa xestión e á formación de profesionais en condicións reais. A granxa experimental do Campus Terra da USC será tamén como laboratorio para probar novas técnicas e tecnoloxías e a transferencia de resultados ao sector agro-gandeiro en xeral e aos produtores da contorna, en especial.

A granxa experimental terá unha superficie de 30 hectáreas en Castro de Rei

A granxa experimental cubrirá unha parte importante das prácticas da Facultade de Veterinaria e da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra. Daquela, alumnos e docentes poderán realizar nestas instalación prácticas de diferentes materias das titulacións de Veterinaria, Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, Máster en Enxeñaría Agronómica e Máster en Produción de Leite. As instalacións da Granxa Experimental do Campus Terra permitirán abordar a docencia cun enfoque máis profesional e práctico, en aspectos importantes como manexo sanitario, podoloxía, alimentación, benestar, calidade do leite, tecnoloxías da produción e reprodución animal ou a mecanización agraria entre outras.

A nova granxa experimental presenta tamén múltiples oportunidades no eido da investigación, en especial as relativas á gandaría de precisión (smart farming) e a sistemas de produción baixos en insumos como é o pastoreo. A granxa permitirá probar novas técnicas, tecnoloxías e diferentes materiais en condicións controladas e reverter os resultados dos ensaios ao sector produtivo, aproveitándose dos coñecementos e da experiencia acumulada. Entre as posibles actividades investigadoras a desenvolver estarán as relacionadas con sistemas de manexo e recría do gando, sistemas e equipos de muxidura, agricultura e gandería intelixente, sistemas de rega, alimentación e reprodución animal, manexo de pastos e forraxes, mecanización agraria… A posterior transferencia de coñecemento realizaríase mediante a programación dunha serie de actividades orientadas a formar e informar ao sector produtivo.

A reunión ordinaria do Consello de Goberno da USC presidida este martes en Santiago de Compostela polo reitor Juan Viaño serviu asemade para aprobar o nomeamento de Marilar Aleixandre e Francisco Sineiro García como profesores ad honorem da USC.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un bólido cruza a costa de Lugo ata caer no Cantábrico

A segunda bóla de lume visible dende Galicia en apenas dúas semanas procedía da chuvia de estrelas das delta-leónidas

Gciencia celebra o Día da Lingua Materna cun relatorio sobre a divulgación en galego

A xornalista Laura Filloy abordou a importancia de trasladar o coñecemento científico á sociedade nun acto celebrado no Campus de Lugo da USC

Novos achados revelan o carácter funerario da ‘roda’ de Adai, un xacemento único en Galicia

A descuberta dunha ola que se conserva completa e de pé sobre unha lousa suxiren que servía para actos rituais fundacional

Atopado o talón de Aquiles da rata toupa, a praga que azouta a montaña luguesa

O estudo do órgano vomeronasal deste mamífero subterráneo avala o uso de químicos para diminuír a súa poboación e frear o seu impacto na agricultura