Os resultados da enquisa sobre a teoría da evolución evidencian a necesidade de revisar os plans de estudos en todo o sistema educativo.
Os resultados da enquisa sobre a teoría da evolución evidencian a necesidade de revisar os plans de estudos en todo o sistema educativo.

O alumnado universitario, cun coñecemento “moi baixo” da teoría da evolución

Un estudo no que participaron estudantes das universidades de Vigo e Santiago constata un "fallo en todo o sistema educativo" sobre este tema

É preciso mellorar o plan de estudos en todas as etapas do ensino básico no referente á teoría da evolución, un dos postulados máis revolucionarios da historia da ciencia. É a conclusión dun equipo de investigadores, dirixidos por profesores das universidades de Vigo e A Coruña, que acaban de publicar na revista Plos One un artigo sobre o coñecemento e a aceptación desta teoría entre 1.050 estudantes de 10 universidades españolas. Os resultados son, canto menos, pouco alentadores. “O nivel de coñecemento é moi baixo”, di Emilio Rolán, catedrático da UVigo e coordinador da investigación.

Para comezar o proxecto, os docentes deseñaron un estudo que implicaba seleccionar catro graos (Bioloxía, Química, Historia e Filoloxía Inglesa) impartidos en case todas as universidades españolas e realizar enquisas ao seu alumnado a través de GoogleForm. A través da Sociedad Española de Biología Evolutiva solicitaron a colaboración doutros docentes dispostos en cadansúa universidade a desprazarse a unha clase de 3º destes catro graos para contactar co alumado e propoñerlles a enquisa. Finalmente foron dez as universidades implicadas e “ademais estudamos unha mostra de profesores de dúas universidades”. A avaliación a través de dous cuestionarios: a Medida de Aceptación da Teoría da Evolución (MATE), e o Exame de Coñecemento da Evolución (siglas en inglés, KEE).

Aceptación moi alta, coñecemento moi baixo

Aínda que no primeiro dos casos, a aceptación foi alta (87,2 %), resultou “preocupante” o baixo coñecemento da teoría da evolución, cunha nota global de 5,4 sobre 10. A orde de puntuación foi na orde agardada, de maior a menor, Bioloxía, Química, Historia e Filoloxía Inglesa.

Por unha banda, Emilio Rolán explica que o nivel de aceptación da teoría evolutiva en estudantes universitarios españois foi alto. De feito, os poucos estudos que existen en Europa, sitúan o alumnado español, xunto co alemán, entre os que teñen amosan maior aceptación. “Isto era esperado, dado que xa na década de 1990 se suxería que os problemas de aceptación non afectaban aos países europeos”, apunta o docente. Pola contra, o nivel de coñecemento resultou ser baixo. Mentres Bioloxía acadaba “apenas o aprobado”, o resto dos graos “suspendían, aínda que con valores semellantes”. Segundo Rolán, isto significa que “cursar tres anos de Bioloxía non lles dá aos estudantes un armazón o suficientemente robusto para destacar en aspectos básicos dunha teoría clave do seu ámbito. Isto non é o esperado nin o desexado”.

“A teoría da evolución é un aspecto teórico clave no noso grao, de igual xeito que o é na cultura científica e filosófica das nosas sociedades, cun impacto absoluto na forma de ver e interpretar o mundo moderno”. Non obstante, recoñece, “non somos capaces de transmitir e ensinar isto aos nosos alumnos”, láiase Rolán e, sen a base de coñecementos que supón a teoría da evolución, apunta “sería difícil entender que é un xenoma ou como é que todos os seres vivos somos parentes máis ou menos afastados”. É por isto que os docentes da materia de Evolución en primeiro de Bioloxía “nos frustramos todos os anos ao constatar un nivel tan baixo de comprensión de aspectos básicos de dita teoría entre o noso alumnado”.

Os resultados supoñen “a constatación dun fallo en todo o sistema educativo español”

Segundo Rolán, os resultados da enquisa supoñen “a constatación dun fallo en todo o sistema educativo español, dende a ensinanza primaria ata a universitaria e suxire que non se resolve solo con ter máis ou menos horas nunha materia concreta, senón que todas as materias deberían nuclear parte do seu contido cun enfoque evolutivo”.

Miguel Botella, catedrático emérito do departamento de Medicina Legal, Toxicología y Antropología Física da Universidad de Granada, que tamén participou no traballo, é da mesma opinión. Neste estudo víronse , segundo el, “gravísimas carencias, mesmo en estudantes de bioloxía onde o grao de coñecemento tamén é relativamente baixo”, recalca.

Fronte a esta situación, o catedrático da UVigo urxe tomar decisións. “A solución é complexa e non se resolve dun ano para outro”, relata, pero tamén aposta por certas medidas como un “cambio radical” da materia que se imparte de bioloxía dende Primaria ata Bacharelato. “Nestes momento hai un exceso de información e materia non importante e, non obstante, non se dan os coñecementos nucleares que permiten unha comprensión mínima da evolución”, remarca Rolán.

Ademais, os resultados do estudo tamén sinalan ao profesorado, que tanto na etapa previa como na universitaria, “ten un coñecemento moi deficiente da evolución”. Na súa opinión “habería que comezar por retocar os currículos de Primaria, Secundaria e Bacharelato e, logo, xa o cambio continuaría só” e fai un chamamento “a calquera político con influencia para facer chegar esta demanda ás instancias relevantes para propiciar calquera cambio”.


Referencia: Acceptance and knowledge of evolutionary theory among third-year university students in Spain (Publicado en Plos One).


Podes consultar a noticia do Duvi nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.