Recreación da Facultade de Medicina da USC proxectada na Choupana. Fonte: CDB Arquitectura.
Recreación da Facultade de Medicina da USC proxectada na Choupana. Fonte: CDB Arquitectura.

A nova Facultade de Medicina de Santiago, no aire

O reitor da USC recoñece que as previsións de investimento son maiores das agardadas e abre a porta a unha rehabilitación do edificio actual

“O proxecto que está sobre a mesa non é viable, salvo que alguén estea disposto a financialo”. Así se referiu o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, sobre a construción da nova Facultade de Medicina proxectada na Choupana, no entorno do CHUS. As primeiras estimacións, hai apenas dous anos, falaban de que as obras poderían comezar a finais de 2018, e os alumnos xa poderían rematar o actual curso nas novas instalacións. Pero o reitor recoñeceu este venres, nun encontro con xornalistas, que xa se está pensando nun plan alternativo que podería pasar pola rehabilitación do edificio actual, en San Francisco.

O principal obstáculo para facer realidade o novo edificio é o aumento nos custos previstos, que se duplicaron en apenas dous anos. “Nas primeiras conversas entre Xunta e USC falábase dunha obra que ía valer una 30 millóns de euros. 22 ía poñelos a Xunta, co compromiso de que a universidade lle cedía por 75 anos a actual Facultade. E o resto ía poñelo a USC, con algo máis de 7 millóns conversas licitouse o proxecto para unha obra qeu tiña un tope de 30 millósn de euros. 22 millóns da Xunta e 7 da USC da venda do antigo hospital de Galeras”, explicou Antonio López.

A alternativa á nova Facultade é a rehabilitación do edificio de San Francisco.
A alternativa á nova Facultade é a rehabilitación do edificio de San Francisco.

Porén, mentres se achegaba a data prevista para o comezo das obras, o investimento preciso aumentou ata máis de 60 millóns. “Despois de seleccionar un dos proxectos xa se fixo unha nova estimación, que era de 45 millóns. Pero había serios indicios de que a obra aínda ía ser máis cara. Fíxose unha valoración na que tamén se tiveron en conta o equipamento e outros aspectos, e xa nos metemos en cifras que están máis preto dos 70 que dos 60 millóns”.

“Cifras que dan vertixe”

Esta diferenza é, hoxe en día, un obstáculo que podería botar por terra a construción do novo. “Son cifras que dan un pouco de vertixe, porque a USC non pode facer un esforzo maior, nin hoxe nin nun futuro próximo, e posiblemente a Xunta tampouco; sería unha sorpresa que poida pasar 22 millóns a poñer 50 ou 60″, expuxo López. Engadiu o reitor que “ao mellor hai que buscar outras alternativas, que poderían pasar por unha rehabilitación integral da Facultade actual; aínda que son cousas que por agora, á espera da reunión que teñamos coa Xunta, están máis no campo das ideas que no dos proxectos”.

Con todo, e aínda que o proceso finalmente sexa posible, os prazos mudarán de forma substancial respecto aos iniciais. O reitor fala dun mínimo de “entre 12 e 15 anos”, debido ás modificacións que require o plan xeral de ordenación municipal, as adaptacións precisas no CHUS, o cambio de titularidade do Gil Casares ou a ordenación do tráfico, entre outros aspectos.

A obra iría enmarcada no futuro Campus da Saúde, ao que tamén se incorporarían as facultades de Odontoloxía e Enfermería. O complexo ocuparía a confluencia dos recintos do Hospital Clínico e o Gil Casares, que sería reformado e quedaría ‘envolto’ polo edificio prinicipal.

Todo queda pendente dunha reunión que se celebrará proximamente entre Xunta e universidade. O reitor adiantou que a USC quere abordar o custo definitivo do proxecto, para ver se é posible financialo ou non. “Se se pode financiar, adiante; se non, imos traballar en buscar outra solución”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.