Xoves 18 Abril 2024

O Nobel de Química 2021 David MacMillan visitará en marzo a USC

O científico intervirá nun abano de actividades no marco do décimo aniversario do CiQUS e do programa ConCiencia

O Premio Nobel de Química 2021 David W.C. MacMillan visitará Compostela a fins do mes de marzo no marco das actividades do décimo aniversario do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS), así como do programa ConCiencia, unha iniciativa da USC e do Consorcio de Santiago. Dirixido polo catedrático Jorge Mira, ConCiencia quere servir de ponte para o reforzamento de contactos científicos entre líderes da máxima relevancia científica mundial —nomeadamente, premios Nobel— e o persoal investigador da USC. Así, na súa estadía en Santiago, David MacMillan pronunciará diferentes relatorios e intervirá no programa de actividades ‘100 anos de estudos en Química’.

A traxectoria científica de David MacMillan destaca polos seus achados no eido da organocatálise asimétrica, baseada en pequenas moléculas orgánicas. A capacidade para fabricar moléculas é fundamental no progreso da humanidade. Para iso son clave os chamados catalizadores, substancias que controlan e aceleran as reaccións químicas, sen ser parte do produto final. Por exemplo, nos coches transforman as substancias tóxicas do tubo de escape en moléculas inofensivas. O corpo humano tamén contén miles de catalizadores que regulan a formación das moléculas necesarias para a vida.

Publicidade

Durante moito tempo pensouse que só había dous tipos de catalizadores, ata que David MacMillan e Benjamin List descubriron a terceira vía da organocatálise asimétrica, temática na que MacMillan afondará durante a súa estadía en Compostela. Grazas á organocatálise asimétrica convértense determinadas substancias químicas en produtos moito máis valiosos, dunha forma medioambientalmente sostible e económica, algo de enorme relevancia a nivel industrial, sobre todo no eido farmacéutico. 

Currículo de David MacMillan

David MacMillan naceu en Bellshill (Escocia) en marzo de 1968, no seo dunha familia traballadora. Despois dunha educación secundaria da que se sente moi orgulloso, cursou química na Universidade de Glasgow. En 1991 mudouse aos Estados Unidos para facer a tese de doutoramento na Universidade de California-Irvine, rematada en 1996. Despois dunha estadía posdoutoral de dous anos na Universidade de Harvard, comezou o seu traballo independente na Universidade de Berkeley, en California, en 1998.

Alí foi onde o seu grupo fixo os primeiros experimentos que levaron no ano 2000 a unha publicación clave na revista Journal of the American Chemical Society, describindo os primeiros exemplos que permitiron conceptualizar o campo da organocatálise asimétrica, polo que recibiría o Premio Nobel en 2021 xunto co alemán Benjamin List, que no mesmo ano publicou outro artigo na mesma revista, cunha estratexia de organocatálise alternativa.

O programa ConCiencia retoma actividade

O programa ConCiencia viuse na obriga de interromper a súa actividade por mor da pandemia da covid-19. Así, o último premio Nobel que visitou Compostela foi Tomas Lindahl en novembro de 2019. A situación de emerxencia sanitaria implicou a cancelación das visitas que xa estaban programadas naquela altura. Este foi o caso de Kip Thorne (Nobel de Física, 2017), Frances Arnold (Nobel de Química, 2018) e Fraser Stoddart (Nobel de Química, 2016).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A credibilidade na ciencia é menor entre a mocidade que entre o público adulto

Só o 72,6% das persoas de entre 18 e 24 anos cre que as disciplinas científicas buscan a verdade, fronte ao 90,2% da poboación maior de 65 anos

As ‘Cantigas de Santa María’, traducidas por vez primeira ao galego actual

A versión realizada polo Grupo de Románicas da USC estará dispoñible na páxina web do Centro Ramón Piñeiro

O uso (e abuso) de pantallas pode resecar seriamente a túa vista: isto é o que podes facer para evitalo

Estar pegados a unha pantalla é unha condición case inesquivable da vida moderna que dificulta a adecuada lubricación dos nosos ollos
00:04:39

Pode caer un raio dúas veces no mesmo sitio?

Grazas aos pararraios a humanidade non teme hoxe as tormentas e o seu poder destrutivo, pero o lugar onde caen as descargas ten pouco de azar e moito de fondo científico