Mércores 24 Abril 2024

Miguel Correa sucede a África González á fronte do Cinbio

Miguel Ángel Correa-Duarte, docente e investigador do Departamento de Química Física, asume desde hoxe a dirección do Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo (Cinbio), en substitución da catedrática África González, que durante dez anos exerceu como directora. O reitor, Manuel Reigosa, deu conta no seu informe ante os membros do Consello de Goberno, que hoxe celebrou unha sesión ordinaria, deste cambio na dirección do Cinbio, ao tempo que agradeceu a África González o seu labor á fronte do centro de investigación singular de Galicia.

“Estiven dez anos como directora do Cinbio e foi un traballo moi duro, pero moi ilusionante, sobre todo a súa consecución como centro de investigación singular de Galicia”, asegura África González, que no momento de dar a remuda da dirección do centro a Miguel Correa, agradece a confianza que nela depositaron as vicerreitoras de Investigación Elsa Vázquez, Asunción Longo e Belén Rubio, así como a da comisionada do Vigo Tecnolóxico, Edita de Lorenzo.

Publicidade

Acadada a consolidación do centro, a catedrática de Inmunoloxía afirma que “este é un bo momento para deixar o camiño a outros e creo que Miguel Correa vai facer un magnífico traballo e por suposto conta con todo o meu apoio”, ao tempo que recoñece que estaba a ser moi complicado compaxinar docencia, investigación e xestión. “Este ano solicitamos a renovación de Cinbio como centro de excelencia da Xunta e considerei que era un bo momento para pasar a remuda. Síntome moi feliz do conseguido entre todos, que foi un labor de todo o persoal que co seu traballo, esforzo e calidade, levou o centro ao que é agora mesmo”, detalla González, que continuará como presidenta da Sociedad Española de Inmunología, ao tempo que asegura que “teño moitas ideas por desenvolver, polo que non vou esta parada”.

Miguel Correa asume o cargo de director do Cinbio agradecéndolle a súa antecesora “no nome de todo o centro e no meu particular, o tremendo traballo que realizou ata agora”. O docente e investigador do Departamento de Química Física asegura que o posto representa “unha gran responsabilidade ante todo o persoal do Cinbio e ante as persoas que depositaron a súa confianza en min para continuar co traballo desenvolvido por África”. Correa-Duarte apunta a consolidación do Cinbio como centro de excelencia investigadora, como o principal obxectivo no horizonte, “para o que teremos que asumir o reto de aumentar a competitividade do centro, para o que será fundamental a implementación de novas estratexias que permitan atraer talento investigador e reter o novo que temos na Universidade”. En canto ao que o investigador de TeamNanoTech considera que pode achegar á dirección do Cinbio, sinala “moitas ganas de traballar, seguir o camiño iniciado por África e xestionar o talento que temos no centro para situalo nun lugar destacado, tanto nacional, coma internacionalmente”, enumera.

A remuda da catedrática do Grupo de Inmunoloxía non foi o único cambio no organigrama da institución académica do que hoxe informou o reitor, que tamén avanzou a nova estrutura da Xerencia trala marcha do vicexerente de Asuntos Económicos, Francisco López Corrales. A partir deste momento, a Xerencia, con Raquel Souto á cabeza, reorganízase cunha Vicexerencia de Contratación e Servizos Xerais, en substitución da de Asuntos Económicos, coa docente e investigadora do Departamento de Dereito Público Patricia Valcárcel á fronte e complétase coa Vicexerencia de Recursos Humanos, que xa existía, baixo a dirección de José González Groba, mentres que Rodrigo Cerviño Rodríguez seguirá ocupando o cargo de director de administración.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Daniel Rey, director do CIM: “Queremos atraer as mellores científicas e científicos do mundo”

O centro vigués sitúase entre os mellores centros de investigación oceanográfica internacional

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

O festival CinVigo volve esta fin de semana á Porta do Sol con ciencia e diversión

A programación do CINBIO inclúe unha feira científica, obradoiros infantís, unha xincana, maxia e espectáculos

Un proxecto da UVigo sérvese da IA para mellorar a detección de cancro colorrectal

A rede AI4PolypNet está formada por oito grupos de investigación de Galicia, Estremadura, País Vasco e Cataluña