osteoporose
As matemáticas poden ser de gran utilidade en estudos para a remodelación osea.

Matemáticas contra a osteoporose

Cos números se pode demostrar case todo, incluso no campo da medicina. A aplicación de modelos matemáticos está a ser un bo aliado para profesores de Matemática Aplicada da Universidade de Vigo, que están a traballar no eido da remodelación ósea. Trátase dunha liña de investigación que ten como obxectivo determinar como a estrutura ósea pode adaptarse e evolucionar en diferentes casuísticas. En resumo, “chegar a predicir como se vai a comportar o óso”, explica o profesor e investigador José Ramón Fernández, quen iniciou esta liña de investigación hai xa 15 anos, primeiro na Universidade de Santiago de Compostela e dende fai catro anos no grupo do catedrático José Durany na Universidade de Vigo.

Todo comezou coa simulación numérica de diversos problemas de biomecánica da mandíbula humana e, dende entón, non pararon ata conseguir demostrar os numerosos avances de aplicar as matemáticas en ortodoncia e ortopedia, segundo informa o Diario da Universidade de Vigo (Duvi). Nesta primeira etapa aplicaron modelos matemáticos e simulacións numéricas con elementos finitos a diversos problemas da mecánica mandibular, como fracturas ou distracción osteoxénica, “un método para tratar malformacións e defectos do esqueleto maxilofacial” e nos freos de queixelo ou ‘mentoneras’, “un aparato que se coloca na parte exterior da mandíbula co obxectivo de corrixir deficiencias”, explica o profesor, que tamén afondou nas dificultades experimentais e no reto computacional que presentou traballar con cuestións como “brackets e implantes”.

O obxectivo do proxecto é predecir a adaptación do oso en diferentes casos

En colaboración coa propia Universidade de Santiago de Compostela e co Grupo de Biomecánica da Universidade de Zaragoza, céntranse agora na análise de novos modelos de remodelación dos ósos, un campo que ten interesantes aplicacións no estudo e tratamento de enfermidades de elevada prevalencia nestes intres, como é o caso da osteoporose; no seguimento de fracturas; en novos implantes para cadeiras e fémures “e mesmo no seguimento de pacientes que estiveron un longo período de tempo encamados”, subliña Fernández, que explica que cando un paciente está ingresado nun hospital moito tempo os seus ósos tamén cambian internamente, volvéndose máis débiles e fráxiles.

A idea é determinar con modelos matemáticos como se vai modificar a estrutura interna do óso co tempo tras aplicar cargas mecánicas ou correntes eléctricas. “O máis importante agora é poder comprobalo experimentalmente”, subliña Fernández, ao tempo que explica que “desde un punto de vista matemático vese que hai influencia, pero non sabemos canta, por iso son tan necesarios os datos experimentais, aínda case inexistentes xa que se trata de estudos moi moi recentes”, subliña o docente, que fai fincapé en que estes experimentos consisten en aplicar correntes eléctricas a un paciente e ver si se modifica a estrutura interna do óso “por suposto sempre a nivel experimental”. 

Conscientes das enormes dificultades de acadar financiamento que ten actualmente a ciencia en España, os investigadores buscan en Europa os fondos que lles permitan continuar con todas estas liñas de investigación e emprender outras novas. “Sen financiamento non podemos contratar investigadores, e sen investigadores non se poden acadar resultados”, subliña José Ramón Fernández, quen adianta que tratará de acceder ás axudas Consolidator Grant coas que o Consello Europeo de Investigación financiou en 2013 a posta en marcha de 312 proxectos con 575 millóns de euros. “Son axudas moi importantes, pero tamén extremadamente difíciles de conseguir”, engade o investigador, ao tempo que explica que “xa concorremos a estas axudas o ano pasado e o noso proxecto foi seleccionado para a segunda fase, pero finalmente non foi seleccionado. Este ano volveremos a intentalo”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.