Unha das actividades da xornada
Unha das actividades da xornada "Exxperimenta en feminino". Fonte: Duvi.

Ourense acolle a feira “Exxperimenta en feminino”

90 investigadoras e 230 escolares celebran un encontro a prol do papel feminino na Divulgación en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas

O edificio Politécnico do campus de Ourense acolleu este mércores a celebración da II Xornada de Divulgación en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas Exxperimenta en feminino. Nela, 90 investigadoras e universitarias e 230 escolares compartiron tempo e coñecementos co obxectivo de fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre rapazas e rapaces facendo fincapé na visibilización das mulleres científicas e tecnólogas e do seu traballo.

A xornada celebrouse no marco da programación que na Universidade de Vigo, concretamente nos campus de Ourense e Vigo, se desenvolve co gallo do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, que é o 11 de febreiro. Exxperimenta en feminino naceu o pasado curso a iniciativa de investigadoras da Facultade de Ciencias, da Escola Superior de Enxeñaría Informática e da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, contando co apoio da Vicerreitoría do Campus de Ourense e a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo. Na súa segunda edición, a feira contou coa asistencia de estudantes de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato de tres centros da cidade de Ourense e un de Verín. En Vigo será o vindeiro luns 11 no Edificio de Ciencias Experimentais, no Cinbio e nas escolas de Enxeñería Industrial e Enxeñaría de Telecomunicación.

Investigadoras e voluntarias da Escola de Enxeñaría Informática. Foto: Duvi.
Investigadoras e voluntarias da Escola de Enxeñaría Informática. Foto: Duvi.

Trala benvida conxunta, as e os estudantes dividíronse en pequenos grupos para percorrer os diferentes postos da feira. En cada un deles puideron participar das actividades divulgativas deseñadas polas investigadoras e estudantes para transmitirlle algunha faciana do traballo que realizan no seu día a día. Concretamente tomaron parte nesta edición investigadoras de Microbioloxía; de Enxeñaría Química; de Xeografía, Edafoloxía e Química Agrícola; de Bioquímica, Nutrición e Bromatoloxía; de Ephyslab; de Tecnoloxía dos Alimentos; de Enxeñaría Aeroespacial; de Química Orgánica; de Informática, Linguaxes e Sistemas e de Enfermaría.

O grupo máis numeroso de investigadoras foi o procedente da Facultade de Ciencias, que desenvolveron un amplo abano de actividades e postos. As e os estudantes puideron ver microorganismos da auga mediante microscopio e coñecer valores “ocultos” da biomasa. Tamén puideron participar en demostracións das propiedades dos elementos, afondar na organización de moléculas e realizar pequenos experimentos sobre as propiedades do solo ou sobre os fenómenos da meteoroloxía e a oceanografía. Acorde coas liñas de investigación deste centro, a alimentación tivo un protagonismo especial. En diversos postos, as e os asistentes puideron ter unha visión panorámica da ciencia e da tecnoloxía culinaria; xogar a separar ou mesturar colorantes alimentarios; coñecer o azucre que se esconde nos alimentos e aprender a descubrir aromas e sabores nos alimentos.

Entre as novidades deste ano, investigadoras e alumnas da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo atenderon un stand no que baixo o título Contra Efecto Matilda, explicaron ás e aos escolares como voa un avión, empregando unha maqueta dun túnel de vento feito por elas mesmas. Xa da Escola Superior de Enxeñaría Informática, as investigadoras desenvolveron unha actividade centrada en amosar ferramentas sinxelas que permiten ás e aos escolares crear pequenos videoxogos ou dirixir avatares. Outro tema presente foi a saúde, podendo o público asistente coñecer o seu grupo sanguíneo ou como salvar unha vida. Por último, durante Exxperimenta en feminino tivo lugar a entrega dos premios do III Concurso de Redacción e Debuxo do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.