Martes 23 Abril 2024

Estudan diminuír o uso de antibióticos en animais a partir dun extracto de uva branca

O consorcio internacional coordinado pola profesora da USC Marta Lores desenvolveu en Porto a súa terceira asemblea xeral

A terceira asemblea xeral do proxecto NeoGiANT desenvolveuse esta semana na localidade portuguesa de Porto. ‘The power of grape extracts: antimicrobial and antioxidant properties to prevent the use of antibiotics in farmed animals’ pretende desenvolver un conxunto de novos produtos para animais —alimentos, profilácticos e diluíntes de esperma— baseados en extractos naturais. Deste xeito, aspírase a  diminuír o uso de antibióticos na cría e substituír os conservantes sintéticos. Estes novos produtos levarán como ingrediente activo un extracto de bagazo de uva branca (e-Vitis), obtido de Vitis vinifera, concretamente da variedade Albariño, mediante unha técnica de extracción sostible e patentada. 
 
O consorcio internacional do programa H2020 está coordinado pola catedrática de Química Analítica da USC, Marta Lores, e está integrado por 20 socios de nove países, dos cales catro son institucións de educación superior: alén da USC, participan as universidades de Porto, Berlín e Bohemia do Sur na República Checa. O equipo da USC está formado polos investigadores Carmen García Jares, Trini de Miguel, Sandra Sánchez, Patricia Díaz, Roberto Bermúdez e Maribel Quiroga. Ao longo destes dous días, as persoas participantes expuxeron e discutiron os avances e logros acadados ata o momento e definiron a axenda dos vindeiros meses.

Reducir as resistencias 

“A proposta baséase na valorización de residuos da industria vitivinícola (co-produtos) procedentes da produción de viños brancos de alta calidade que conservan, tras o proceso de vinificación, unha importante carga dos compostos bioactivos orixinalmente presentes na uva”, explica a profesora Lores. Co fin de obter un extracto multicompoñente listo para o seu uso dun modo eficiente e “verde”, aplícase unha metodoloxía alternativa á extracción convencional que é, ademais, facilmente escalable. Así obtéñense ingredientes funcionais en sistemas de produción sostibles que contribúen a implementar accións de economía circular no sector do viño. “O obxectivo último do proxecto é reducir a aparición de novas resistencias antimicrobianas e controlar mellor as resistencias antimicrobianas existentes no eido da cría e reprodución de animais destinados ao consumo humano”, sinala a responsable do proxecto.

Publicidade

“As excelentes propiedades do extracto natural, baseadas nos polifenois bioactivos da uva Albariño, proporcionarán protección antimicrobiana e antioxidante aos animais, mellorando o seu benestar e rendemento e actuando como terapias preventivas”, continúa a profesora Lores. Os produtos que se desenvolvan estarán deseñados para controlar un bo número de enfermidades infecciosas de grande importancia na produción animal, tanto en gandería —bovina, porcina e avícola— como en acuicultura; pero non só para evitar o crecemento de microorganismos, senón para mellorar a saúde e o benestar dos animais, aumentando así ademais a rendibilidade das instalacións gandeiras e das piscifactorías. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os bebés expostos ao tabaco teñen maior probabilidade de consumir antibióticos

Un estudo galego analiza os factores asociados ao consumo deste medicamento cunha mostra de 18.882 mulleres

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844

Este mecanismo dana a capa dos nervios en doenzas como a esclerose múltiple

O estudo realizado por un equipo de investigación do CiMUS publícase este venres na prestixiosa revista ‘Science Advances'