Un equipo galego participará na creación de alimentos a partir de augas depuradas

Un proxecto europeo desenvolverá un sistema acuapónico que combina a acuicultura tradicional co cultivo de plantas en augas rexeneradas

Cando se aplican pasos de tratamento adicionais (tratamentos terciarios avanzados), a auga recuperada vólvese indistinguible da auga potable.
Cando se aplican pasos de tratamento adicionais (tratamentos terciarios avanzados), a auga recuperada vólvese indistinguible da auga potable.

A acuaponía é un sistema de cultivo que combina a acuicultura tradicional coa hidroponía, o cultivo de plantas na auga. O proxecto europeo Aware, no que participa a Universidade de Santiago (USC) xunto con outras 19 institucións, ten como principal obxectivo crear a primeira granxa en Europa que utilice auga depurada nun sistema acuapónico. En concreto, o equipo liderado polo catedrático Jesús López Romalde participará na avaliación da calidade das augas que saen das Estacións de Augas Residuais (EDAR) e que se utilizarán nos sistemas de acuaponía. O equipo tamén se centrará na avaliación da seguridade alimentaria dos produtos (peixes e plantas) que se produzan no devandito sistema.

Castellana Grotte, na rexión italiana de Puglia, é o lugar elixido para albergar a granxa piloto que está previsto que abra as súas portas ao público en 2026. “Imaxinádevos que unha planta de tratamento de augas residuais se converte nunha granxa”, explican dende a coordinación do proxecto, “coa tecnoloxía adecuada, podemos producir peixe e vexetais, en cada cidade, sen solo, nin auga doce, e sen emisións de gas”. As augas residuais en Europa sométense a un tratamento rigoroso e convértense en auga rexenerada que se pode verter legalmente na capa freática ou utilizarse para a rega. Con todo, cando se aplican pasos de tratamento adicionais (tratamentos terciarios avanzados), a auga recuperada vólvese indistinguible da auga potable.

“Existe un baleiro regulatorio en Europa: podemos usar auga rexenerada para a agricultura pero non para a acuicultura e a acuaponía”, relata o coordinador do proxecto, Fabio Ugolini, “queremos sentar as bases para un novo marco político en apoio da acuicultura europea e demostrar a viabilidade dunha cadea de valor alimentaria completamente nova”.

Accións

Para alcanzar o horizonte previsto para 2026, as institucións integrantes do consorcio deberán centrarse en que a auga depurada estea libre de todos os contaminantes potencialmente daniños, incluídos os contaminantes de preocupación emerxente que actualmente non están regulados na Directiva Europea de Augas Residuais; en segundo lugar, a granxa acuapónica debe producir peixe e vexetais que cumpran cos requisitos de seguridade e calidade máis estritos; en terceiro lugar, o sistema debe ser sostible dende unha perspectiva ambiental, social e económica; por último, os resultados deben ser o suficientemente sólidos como para convencer tanto os políticos como os consumidores dos beneficios de utilizar o que orixinalmente eran augas residuais para producir produtos comestibles.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.