Enxeñería Informática é unha carreira con pleno emprego.
Enxeñería Informática é unha carreira con pleno emprego.

Enxeñería Informática convértese na carreira sen paro

Presentación do informe en Ourense.
Presentación do informe en Ourense.

En Economía, considérase “pleno emprego” unha  taxa de paro do 6 por cento. É a asumible para os que cambian dun traballo a outro (desemprego friccional) ou toman un descanso para formarse, por exemplo. Así que Enxeñería Informática é unha carreira con “pleno emprego”. Sen paro real. Porque o 92 por cento dos seus titulados están a traballar. E os que rematan a carreira só tardan 2 meses e medio en atopar ocupación.

Segundo un estudo realizado polos seus colexios profesionais, a inmensa maioría dos enxeñeiros informáticos teñen contrato indefinido e a tempo completo e traballan para o que foron formados. Unha imaxe idílica que, porén, non impide que descenda o número de alumnado matriculado nestas carreiras.

Preocupa a baixa taxa de mulleres matriculadas nesta carreira

O estudo, titulado Informe sobre a Situación Laboral das Enxeñarías en Informática, foi presentado este xoves na Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense nun acto que contou coa asistencia de alumnado do centro e coa participación de Ana Garriga, directora desta escola; Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia CPEIG; Felicitas Rodríguez, xefa do Departamento de Sociedade da Información da Amtega, e Marcos Mata, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia CPETIG. “Os datos deste informe son moi interesantes, sobre todo para o alumnado que este ano remata os seus estudos e que dentro duns meses se enfrontará ao mercado laboral”, destacou Ana Garriga. “Sodes afortunados pois como resalta o informe a profesión de enxeñeiro en informática ten unha empregabilidade elevada, o tempo para atopar un traballo é curto e a estabilidade alta”, apuntou Felicitas Rodríguez.

O perfil do enxeñeiro informático

Fernando Suárez foi o encargado de debullar as principais conclusións extraídas do informe, feito en base a 494 enquisas electrónicas realizadas a 341 colexiados do CPEIG e o resto a colexiados do CPETIG. Entre os datos obtidos, salientou a alta empregabilidade dos enxeñeiros, cun 91,77% traballando, o 80,4% deles por conta allea. A metade dos ocupados atoparon segundo o informe o seu primeiro emprego en menos dun mes e a media para que un titulado obteña o primeiro traballo é de dous meses e medio desde que comeza a busca. Como mostra da estabilidade laboral, o documento indica que o 79,35% dos enquisados ten contrato indefinido e que o 98,17% está a xornada completa, repartíndose entre o sector público e o privado.

Segundo destacou o presidente do colexio, o principal exercicio profesional destes enxeñeiros é a elaboración de proxectos informáticos, posto acorde coa súa formación e expectativas. As competencias que consideran máis importantes para o desempeño do seu traballo son a capacidade de aprendizaxe e a adaptabilidade. Ademais, subliña o informe, o nivel de satisfacción coa formación recibida na universidade é de 3,37 puntos sobre 5 e a principal motivación para realizar os estudos foi a vocación no caso dos homes (56,03%) e as saídas laborais no das mulleres (55,56%), mulleres que só representaban o 27,69% dos enquisados. Na presentación tamén se indicou que o tramo salarial máis común dos enxeñeiros e enxeñeiras en informática é o comprendido entre os 18.000 e 30.000 euros brutos ao ano.

Saídas laborais

A pesar destas desexables saídas laborais, comentou Fernando Suárez, en Galicia, ao igual que en toda Europa, as universidades non están a titular os suficientes profesionais en enxeñaría en informática como para cubrir a demanda do mercado laboral. De feito, advertiu, as taxas de matrícula están descendendo e segue a ser especialmente preocupante a falla de alumnas neste eido. “Estase perdendo un potencial enorme”, salientou o decano do CPEIG.

Por último, Marcos Mata destacou que este estudo é moi positivo para a profesión pero que hai que ter en conta que non describe a situación laboral dos non colexiados, que poderían matizar a realidade descrita no informe presentado este xoves no campus de Ourense. En todo caso, engadiu, “é necesario loitar por manter esta situación favorable” e para evitar que, por exemplo, cambios normativos mingúen os dereitos dos enxeñeiros en informática.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.