Xusto Rodríguez.

Xusto Rodríguez: “Nunca houbo tanta documentación científica en galego”

O lingüista Xusto Rodríguez (Foz, 1970) traballa para que o galego estea vivo, forte e san cada día na docencia e na investigación. É técnico do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela, onde se ocupa da Área de Terminoloxía, onde se pon a disposición da comunidade universitaria, e da sociedade en xeral, os termos necesarios para producir documentación técnica precisa e de calidade.

Este filólogo traballa con dúas vías: elaborando terminoloxía, ben en forma de léxicos e vocabularios, ben como propostas puntuais coa súa bitácora ‘Un idioma preciso‘, que tamén publica en GCiencia; e difundindo os materiais elaborados a través de diferentes soportes, pero sobre todo a través de bUSCatermos, o banco de datos terminolóxicos da USC. E así ve a situación do galego na ciencia…

-Como valoraría a calidade do galego científico?

-Intentar valorar a calidade do galego científico como un todo homoxéneo é moi aventurado: o que hai son persoas e medios que comunican sobre ciencia en galego, moitos deles cunha gran calidade lingüística, e outros cun nivel ben máis baixo. Por outra parte, o galego científico non deixa de ser un subconxunto do galego; por iso, ten moitas das eivas que se poden detectar na lingua xeral, e que poderiamos resumir nun achegamento cada vez maior aos trazos fonéticos, morfosintácticos ou fraseolóxicos do castelán (e no caso da linguaxe científica, do inglés).

En calquera caso, creo que a xente que sae ao espazo público para comunicar ciencia en galego fai un esforzo consciente por usar un galego de calidade, un esforzo que cómpre valorar e recoñecer. Dito todo isto, a calidade é importantísima, obviamente, pero tamén o é a cantidade. E en ningún momento da historia se produciu tanta documentación científica en galego, tan diversa en canto a temática e nivel de especialización, e difundida por tantas canles diferentes (por escrito, oralmente, por radio, por televisión, a través da internet…).

-Cre que unha boa expresión científica contribúe a normalización do galego?

-Evidentemente, si. Empregar o galego en calquera ámbito —especialmente nos que é menos habitual, coma o científico— axuda a consolidalo nel. Ademais, se quen o usa emprega unha lingua coidada, expresiva e coa que os galegofalantes se poidan identificar, o prestixio social que ten a comunicación científica transfírese ao idioma que serve como vehículo. Pero cómpre ter claro que “unha boa expresión científica” non é só nin principalmente unha cuestión de terminoloxía. De pouco serve escribir rastrexabilidade, neon ou lactase (no canto de trazabilidadneón lactasa) se quen o fai non é quen de distinguir vogais abertas de pechadas, ou se pronuncia frases como Grazas a estos resultados, hemos chegado á conclusión…  

-Pode realmente competir o galego na lingua científica cando o estándar universal é hoxe o inglés, que é o idioma de todas as revistas?

-Neste momento, ningunha lingua pode competir co inglés para a publicación de resultados de investigación. A estrutura de incentivos que rexe na carreira investigadora estimula ás e aos profesionais a publicar nas revistas de maior impacto, e estas —na súa inmensa maioría— só aceptan orixinais en inglés. Este fenómeno, os seus efectos e as medidas que poderían axudar a revertelo está estudado de forma detallada para o caso galego.

Pero máis alá dese espazo concreto, quedan outros moitos en que o galego pode ter unha presenza significativa e nos que a presión do inglés é menos relevante: a docencia universitaria e no ensino secundario, as primeiras etapas da investigación (traballos vinculados a mestrados, elaboración de teses de doutoramento), a divulgación científica… Son situacións comunicativas cun alcance máis local, e nos que o galego ten aínda moito terreo para medrar.

-Que palabras e de que eidos científicos bota de menos no dicionario da RAG?

-Tradicionalmente, os dicionarios prestábanlle máis atención ás disciplinas humanísticas ca ás experimentais. E aínda que nas últimas décadas este nesgo foi corrixíndose, parece que nunca chegaron a reequilibrar totalmente a situación. Ademais, se falamos de dicionarios académicos (como é o da RAG), estes non adoitan ser moi áxiles á hora de incorporar novos termos. Normalmente esperan a que estes se asenten de forma duradoira na lingua. Se sumamos esas dúas realidades, faise máis doado entender que no Dicionario da RAG haxa tantos termos de Heráldica como de Meteoroloxía, que recolla máis entradas de Filosofía ca de Deporte, ou que non haxa unha área explícita para Cociña. 

En calquera caso, creo que a Academia está facendo esforzos por achegarse aos ámbitos de especialidade cunha mirada do século XXI, intentando reequilibrar o peso que as distintas disciplinas teñen no Dicionario, para facer que reflictan mellor a importancia que teñen na vida diaria da nosa sociedade, unha vida diaria na que disciplinas como as TIC, a biotecnoloxía e outras ocupan un lugar moito máis relevante do que parecen dar a entender os nosos dicionarios. E para ese traballo de actualización, a RAG debería buscar a colaboración de entidades e colectivos profesionais, como fixo hai uns meses para revisar o léxico matemático, pois son estes colectivos quen mellor pode determinar cales son os conceptos básicos das súas disciplinas no momento presente, e cal é a forma máis precisa de definilos.

-Que tipo de consultas son as máis comúns das que reciben dos investigadores da USC?

-Nunha institución coma esta, con profesionais que traballan nas disciplinas máis diversas, as consultas que recibimos teñen un grao de amplitude semellante.
 Son habituais, por exemplo, as provocadas polo corrector ortográfico que usamos para revisar os textos. O interese por usar un galego de calidade combínase cunha alta inseguridade, e iso provoca que, se o corrector ortográfico marca unha palabra, inmediatamente xurdan dúbidas á hora de usala. Poden preguntarnos, por exemplo, “Non é correcto nitroxenación en galego? É que o corrector marcoumo como erro.”, cando en realidade esa marca aparece porque nitroxenación é especializado de máis para ser recoñecido polo corrector.

E tamén son frecuentes as preguntas relacionadas coa forma de tratar termos que claramente non son galegos (streamingvellosidadfibrilla…), ou formas do castelán que ‘soan raras’ ao seren adaptadas literalmente ao galego (cabestriño?, renovo?, seaborxio?…).

En calquera caso, o volume de consultas que recibimos diminuíu bastante nos últimos anos, xa que grazas a bUSCatermos as persoas interesadas poden resolver autonomamente moitas das súas dúbidas. 

-Que criterios seguen para adaptar os neoloxismos en inglés das novidades científicas?

-Non aplicamos un único criterio (oxalá fose posible!) senón unha combinación de argumentos lingüísticos e pragmáticos que nos levan cara a unha proposta que intentamos que sexa coherente co que recomenda a Academia Galega e co que nós mesmos xa propuxemos en casos semellantes.

O principio de partida é que unha expresión doutro idioma non é mala por definición; pero se vén substituír unha palabra galega, é preferible desaconsellar o seu uso. (Para que incorporar partner ao galego se para o mesmo concepto nós xa temos ao noso dispor socio?). Se o neoloxismo expresa un concepto novo, entran en xogo outros argumentos, como o seu nivel de uso en galego (canto máis usado máis razóns para incorporalo, como fixo hai poucos meses a RAG con flashback), ou o ben ou mal que encaixe nas estruturas desta lingua (o inglés scanner pode adaptarse doadamente como escáner).

Tamén se busca a coherencia coas linguas do noso contorno, nomeadamente co portugués. Se os nomes dos enzimas en galego rematan en -ase (amilase, maltase, lactase…) é porque esta é a terminación usada en portugués, inglés, francés, alemán e algunhas outras linguas europeas.

-Teñen atopado dificultades especiais con algún eido científico ou algún termo para transferilo ao galego?

-Non creo que se poida falar de ámbitos ou eidos que creen no seu conxunto dificultades especiais. Pero é certo que o traballo terminolóxico é máis doado cando os novos termos se constrúen a partir de regras internacionais consensuadas, como ocorre coa nomenclatura química (en parte establecida a partir das recomendacións da IUPAC). E pola contra, é máis difícil traballar sobre termos creados a partir de metáforas, xogos de palabras e outros mecanismos moi difíciles de reproducir en galego.

Ocorre, por exemplo, con webinar (unha palabra inglesa formada a partir de fusionar web seminar). Se quixésemos reproducir o procedemento en galego teriamos que partir de seminario web, pero desde ese momento o resultado sería moi diferente ao orixinal e resultaríalles estraño aos usuarios (semiweb?, seminaweb?). Por iso, acabouse incorporando directamente a forma inglesa cunha mínima adaptación formal (webinario).

-Que erros máis comúns cometen científicos e divulgadores en galego?

-Paréceme inxusto poñer o foco sobre os erros que poidan cometer as persoas que comunican ciencia en galego, sen dar un pouco de contexto. Hai que valorar o esforzo de intentar empregar un galego científico de calidade cando as oportunidades de adquirilo de xeito espontáneo son tan escasas. Refírome con isto a actividades como ler textos, escoitar conferencias, ver vídeos, asistir a clases… en fin, todas aquelas que permiten aprender as variedades científicas do castelán, do portugués ou do francés).

Por iso realidades como o mal chamado “Decreto de plurilingüismo” ou a pouca presenza do galego na docencia universitaria son tan graves: porque privan a xeracións de adolescentes e de futuros profesionais da posibilidade de aprender neste idioma as linguaxes de especialidade das ciencias experimentais. Con este panorama, enténdese que o galego científico acabe sendo na boca ou nos teclados dalgunha xente pouco máis ca unha reelaboración do castelán ou do inglés, por estrutura discursiva, por escollas sintácticas e léxicas…

E velaquí o que para min é o problema máis relevante: o uso de castelán e inglés como moldes a partir dos cales se constrúe o galego científico, e como referencias do que é ou non ‘correcto’. É este enfoque o que permite que escoitemos argumentos como “Por que non se vai poder escribir en galego Seleccionáronse suxeitos de estudo polos investigadores… se en castelán se di Se seleccionaron sujetos de estudio por los investigadores… e en inglés Study subjects have been selected by the investigators…”? Ou “Por que me dis que non use pociño, se en castelán a estas cavidades que se poden atopar nalgúns tipos de placa de laboratorio se lles chama pocillo?”

-Ten escoitado que en galego ‘3 ao cubo’ se di ‘3 ao caldeiro’? Que opina cando escoita cousas como esta?

-Que é unha mentira repetida (porque ninguén di “3 ao caldeiro”) que se intenta propagar cando hai un interese en desacreditar a presenza do galego no ensino ou na comunicación científica. Se se fai unha busca en Google pódese comprobar como a maior parte das mencións datan de 2008-2010, a época do combate contra a ‘imposición del gallego’.

Pero é importante aclarar algo. Se fose certo, iso non diría nada en contra da capacidade do galego para ser unha lingua científica, porque só sería un erro puntual na escolla dun termo que se popularizou ata converterse na forma maioritaria na lingua. Nada que non vexamos noutras linguas cando miramos arredor. Ou imos dicir que o castelán non vale para a zooloxía porque use murciélago, deturpando a forma que etimoloxicamente lle correspondería a ese animal (murciégalo)? Ou que non vale para as matemáticas porque recomenda ji como nome para a letra grega, pero despois lle chama chi cuadrado ao concepto estatístico que se representa con esa mesma letra?

-Decátase de que o himno galego está cheo de termos científicos: a Lúa, os astros, o raio transparente, o chan, os sons, a luz…?

-Nunca me parara a pensalo, pero a verdade é que si. É que na lingua popular hai unha terminoloxía moi precisa para determinados conceptos, o que ocorre é que non os identificamos como especializados porque os percibimos como moi próximos a nós. Ou non é especializado (sen deixar o himno) arume? Un termo específico para a folla dunha única especie vexetal… queres máis precisión?

-En resumo: é o galego unha lingua para a ciencia?

-Despois de todo o que levamos falado, é evidente que si. E cinco anos de GCiencia son unha magnífica mostra.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.