Placas usadas para nomear os tres edificios do campus. Foto: Duvi.
Placas usadas para nomear os tres edificios do campus. Foto: Duvi.

Tres edificios do campus de Vigo estrean nome de muller

Ernestina Otero, Filomena Dato e Exeria dan nome desde esta semana ás instalacións de Xerencia-Servizos Centrais; Anexo a Xerencia e Reitoría

Os nomes de Exeria, Filomena Dato e Ernestina Otero insírense desde este luns, se cabe aínda un pouco máis, na paisaxe do campus de Vigo, despois que María Teresa Fernández de la Vega presidise o acto oficial de nomeamento dos edificios coñecidos ata hai uns meses como Xerencia-Servizos Centrais; Anexo a Xerencia e Reitoría, respectivamente. Foi o pasado mes de novembro cando o novo equipo de goberno decidiu, tras unha votación aberta á comunidade universitaria nas redes, “bautizar” os inmobles cos nomes de tres galegas que, asegurou esta mañá o reitor, Manuel Reigosa, “xogaron un papel fundamental que a historia non reflicte e que debe figurar, porque fai xustiza e aspiramos a unha sociedade mellor e feminista, sen dúbida”. A presidenta do Consello de Estado, María Teresa Fernández de la Vega, acompañada polo propio reitor; o alcalde de Vigo; a presidenta da Deputación de Pontevedra e a subdelegada do Estado na provincia de Pontevedra, entre outras autoridades, foi a encargada de presidir un acto que, asegurou, “recupera a memoria e o compromiso da historia de Galicia coas mulleres e a igualdade, un dos elementos máis importantes do progreso dos sistemas democráticos”.

A visita da presidenta do Consello de Estado ao campus de Vigo comezou cun encontro co equipo de goberno e despois da inauguración dos nomes dos edificios, que estivo seguida dunha representación teatral a cargo do grupo La Panadería, continuou cunha xuntanza coas alumnas do programa Mujeres por África, que preside Fernández de la Vega. A súa estancia no campus vigués rematou cun relatorio titulado Igualdad y estado de derecho, no que a presidenta do Consello de Estado falou sobre os metaprincipios constitucionais: democracia, estado de dereito e estado social, así como da grave crise que considera están a sufrir, así como dos efectos que a crise económica do ano 2008 tivo e está a ter sobre a desigualdade que sofren as mulleres.

María Fernández de la Vega desatando o lazo da nova sinalización do edificio Ernestina Otero. Foto: Duvi.
María Fernández de la Vega desatando o lazo da nova sinalización do edificio Ernestina Otero. Foto: Duvi.

Un acto que ten como palabra central “igualdade”

Tras desfacer o lazo que adornaba o totem do edificio Ernestina Otero, María Teresa Fernández de la Vega lembrou que dedicou boa parte da súa vida a traballar pola igualdade entre homes e mulleres, asegurando que “hoxe as mulleres aínda non acadamos a igualdade, aínda que se foi avanzando. Podemos sentirnos contentas, pero atentas porque aínda non rematamos de percorrer ese camiño”. A presidenta do Consello de Estado referiuse expresamente á violencia de xénero como “a lacra máis indigna que sofren as mulleres en todo o mundo, que lonxe de ser contida, resístese e non se poden minimizar os discursos que estamos escoitando para tratar de desvirtuar o poderío que aínda ten esta violencia no mundo”. De la Vega lembrou que só en Europa o 55% das mulleres sufriu algún tipo de acto de acoso sexual ou de violencia, unha situación cualificada pola ONU como unha pandemia, aínda que ” desgraciadamente temos que escoitar a grupos políticos cousas que non vou repetir porque son indignas”, dixo. Neste sentido, a presidenta do Consello de Estado considera que o medo ao feminismo deriva da ignorancia e do modelo patriarcal. “A vida e o progreso non transcorren por facer do feminino un valor subordinado e do masculino un valor preponderante. Transcorren pola paz, o progreso, a dignidade e iso transmitímolo as mulleres”, asegurou a presidenta do Consello de Estado, que advertiu que non se pode banalizar a situación que estamos a vivir “porque produce dor e violencia. É un modelo que nos mata e viola só por ser mulleres e é intolerable”, asegurou.

Pola súa banda, o reitor da Universidade de Vigo reiterou o compromiso da institución con manter o talento “que en gran parte vén do lado feminino”, dixo Reigosa, que gabou a traxectoria profesional de Fernández de la Vega e destacou a pegada de Exeria, Ernestina Otero e Filomena Dato, ata o punto que “modelou a Galicia que hoxe coñecemos. Para nós é un orgullo que os nosos edificios leven estes nomes”. Mentres, o alcalde de Vigo reivindicou a igualdade como “un principio que sitúa na proa das sociedades avanzadas o feminismo, a liberdade das mulleres e a obriga das sociedades de proporcionala”, dixo Abel Caballero.

Reflexións críticas sobre a igualdade e o estado de dereito

Non hai democracia sen estado de dereito, nin estado de dereito sen igualdade real e efectiva”. Con esta reflexión comezou María Teresa Fernández de la Vega o relatorio titulado Igualdad y estado de derecho que ofreceu na sala I do edificio Miralles e no que realizou unha defensa do público e alertou da grave crise na que considera que se atopan tanto a democracia, como o estado de dereito e tamén o estado social, tres metaprincipios ou supraprincipios “que manteñen unha relación indisoluble e que non poden existir un sen os outros”, asegurou a presidenta do Consello de Estado, que tamén lembrou que se trata “dunha conquista moi recente e un logro continxente, que non ten asegurada a súa continuidade se non loitamos por ela”. Fernández de la Vega sinalou na súa exposición os avances notables e positivos que se teñen producido en relación con estes tres elementos nos ámbitos dogmático e lexislativo, para a continuación asegurar que hai motivos para a preocupación. “A democracia está en crise, como se pon de manifesto en varios libros ‘obituarios’ que abordan a súa morte”, destacou a presidenta do Consello de Estado, que tamén se referiu aos discursos populistas incompatibles co espírito democrático e que, por exemplo, levaron á Unión Europea a abrir dous procesos contra estados en relación coa súa actuación contra a independencia xudicial, o control dos medios, a liberdade de expresión ou as minorías.

A presidenta do Consello de Estado afondou nos efectos da crise económica de 2008, “imposta polo Eurogrupo e máis concretamente Alemaña e que tivo consecuencias dramáticas para a nosa sociedade”. Esta situación que, segundo Fernández de la Vega xerou unha desigualdade sen precedentes en toda Europa, situou no caso de España nun 22% a taxa de risco de pobreza, “datos inasumibles e que reclaman unha acción inmediata”, dixo a presidenta do Consello de Estado que sinalou ás mulleres como un dos colectivos máis afectados por esta situación de desigualdade e que tamén sofre a violencia de xénero. “Non hai democracia que se xustifique. Cómpre facer un pacto de estado de verdade para acabar con isto e que non apoie esta loita está fóra do sistema”, asegurou Fernández de la Vega, que apostou por unha educación integradora e humanista das novas xeracións, así como propiciar o debate desde o espazo público.

Tras lamentar que a globalización non se estendese aos valores, os dereitos, a igualdade, o respecto e a diversidade, a presidenta do Consello de Estado rematou a súa conferencia reivindicando a contención e a tolerancia. “Somos diferentes pero iguais. A diferenza non te fai desigual, faite distinto e todo o que é distinto, non ten por que ser desigual. Non o esquezades”, finalizou.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.