Unha empresa galega patenta un disolvente verde a base de aceite de xirasol

O produto, desenvolvido en colaboración coa Feuga e a UVigo, avanza no campo dos diluíntes ecolóxicos e reduce a dependencia de combustibles fósiles contaminantes

Imaxe dos laboratorios de DROVI, onde se levou a cabo a investigación

A empresa galega Drogas Vigo (DROVI), en colaboración co equipo de asesoramento en I+D da Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA) e o grupo de investigación de Enxeñería Química da Universidade de Vigo, dá un paso máis na creación de disolventes verdes de base bio. A compañía, con sede no Porriño, vén de rexistrar a patente dunha nova formulación destes produtos baseada en derivados do aceite de xirasol.

O novo disolvente é o resultado do proxecto NewBioSol, cofinanciado polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), que se levou a cabo nas instalacións da compañía.

A base do novo produto supón unha importante innovación fronte ás investigacións realizadas ata agora pola comunidade científica. Estas, estaban baseadas nos ésteres metílicos do aceite de soia, unha materia prima abundante en lugares como Arxentina, pero escasa en España. Polo tanto, parte da innovación tecnolóxica reside precisamente na formulación e síntese destes novos produtos a partir do aceite obtido do xirasol mesturado con outras substancias naturais como o ácido láctico e os cítricos.

O produto

Girasolato, o novo disolvente desenvolvido por DROVI no ámbito da denominada química verde, supón un avance no campo dos disolventes ecolóxicos de base bío. Trátase dun composto sostible e que evita a dependencia dos mercados internacionais. Ademais, é un xeito de potenciar as materias primas renovables en liña cos intereses europeos en materia de medio ambiente, fronte aos disolventes industrais convencionais que proveñen maioritariamente do petróleo.

Isto supón vantaxes, tanto dende o punto de vista medioambiental como á hora de minimizar os riscos para a saúde, evitando a dependencia de combustibles máis contaminantes. Todo isto sen prexudicar a súa efectividade, xa que o proxecto NewBioSol ten probado que os biodisolventes teñen unha eficacia equiparable aos compostos petroquímicos.

O proxecto desenvolvido por DROVI contribúe tamén a fomentar a economía circular, xa que permite recuperar disolventes xa utilizados para transformalos en produtos de valor engadido. Dende a firma calculan que este innovador produto terá un importante impacto na industria galega.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.