Dous alumnos da USC reciben o premio “Talento Mozo” de Galicia

Paula Rodríguez, experta na investigación en coellos, e Christian Vidal, químico do CiQUS, recolleron a pasada semana os galardóns que outorga Xuventude

Paula Rodríguez e Cristian Vidal, recoñecidos nos premios
Paula Rodríguez e Cristian Vidal, recoñecidos nos premios "Talento Mozo". Foto: USC.

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia entregou o pasado venres os galardóns de Talento Mozo, premios que recoñecen as traxectorias excelentes e proxectos impulsados e postos en marcha por mozos e mozas galegos de entre 18 e 30 anos de idade nas modalidades de Ciencia, Rural, Deporte, Empresa e Cultura e Creación. Nas dúas primeiras categorías, dous investigadores da USC, Paula Rodríguez e Christian Vidal, foron os premiados.

Paula Rodríguez Villamayor é graduada en Veterinaria e estudante de doutoramento na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo. O xurado valorou os resultados das pescudas que está a desenvolver no marco da comunicación química en coellos no marco da tese de doutoramento que dirixen os profesores da Facultade de Veterinaria da USC e integrantes da agrupación estratéxica de investigación do Campus Terra (BioReDes), Pablo Sánchez Quinteiro e Paulino Martínez Portela, foron algún dos méritos valorados pola comisión que avaliou os méritos da súa candidatura. Salientouse que era “a candidata que representa unha importante traxectoria a prol do coñecemento no eido da cunicultura, contribuíndo a mellorar as producións e a converter o medio rural”.

Veterinarios galegos, na vangarda do estudo do bulbo olfactivo dos coellos

O tribunal responsable de fallar este galardón tamén apoiou a súa decisión no notable rendemento académico acreditado por Rodríguez Villamayor, así como o alcance dos artigos científicos publicados en revistas especializadas Q1, e mesmo a consecución dun premio do certame NeuroArt, convocado pola Sociedade Española de Neurociencia, e ao que esta investigadora da USC concorreu con dúas imaxes do órgano vomeronasal do coello.

Pola súa parte, Christian Vidal Vides, investigador do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da USC, foi premiado pola traxectoria científica acreditada durante os seus primeiros anos de carreira. Vidal, doutor pola Universidade de Oviedo, integra na actualidade o cadro de investigadores do CiQUS da USC, e “representa un alto grao de innovación, orixinalidade e gran calidade”. O científico, que desenvolveu investigacións en entidades tanto nacionais como internacionais, nas que ampliou a súa formación e achegou valor investigador no eido tanto da química orgánica sintética como na química organometálica, responde ao perfil dun investigador mozo que destaca pola súa gran habilidade en cálculos teóricos e de análise de raios X.

O seu currículo é exemplo de grao de excelencia e de éxito, como traxectoria no ámbito da investigación científica premiada, con bolsa e con alto impacto nas súas publicacións (índice h=14). Trátase dunha persoa que traballa de forma colaborativa sendo o vínculo de unión entre universidades de referencia a nivel mundial e empresas, o que lle dá méritos como investigador que inicia procesos de transferencia ao eido empresarial.

Os galardóns, cunha gratificación económica de 5.000 euros en cada unha das modalidades, premiaron tamén á atleta Ana Peleteiro na categoría de Deporte, o empresario Jorge López na modalidade de Empresa e a Sara Donoso, graduada en Belas Artes e doutora en Historia da Arte, no epígrafe de Cultura e Creación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.