Arredor de 200 especialistas participarán o vindeiro mes de xuño en Vigo no Congreso Nacional de Biotecnología, Biotec 2019, un evento auspiciado pola Sociedade Española de Biotecnología e organizado polo grupo de Bioenxeñaría e Procesos Sostibles, Biosuv, da Universidade de Vigo.
A cita, que terá lugar o 10 ao 13 dese mes na sede de Afundación en Vigo, constituirá un dos principais foros de reunión dos investigadores e investigadoras españolas no ámbito da Biotecnoloxía e servirá de plataforma de interrelación entre o persoal investigador e os axentes claves de empresas, administracións públicas e asociacións privadas interesadas na innovación e as novas tecnoloxías neste sector.
“Para nós organizar este encontro é un reto importante e unha gran responsabilidade que afrontamos con enorme ilusión”, di Mª Asunción Longo, presidenta do comité organizador
“Para nós organizar este encontro é un reto importante e unha gran responsabilidade que afontamos con enorme ilusión” expón Mª Asunción Longo, profesora do Departamento de Enxeñaría Química e presidenta de comité organizador. Tamén destaca que será unha oportunidade única “para visibilizar toda a actividade en biotecnoloxía que se fai en Vigo, e en Galicia en xeral, que é moita e de altísima calidade”.
Aplicacións “importantísimas” en saúde, alimentación ou medio ambiente
A presidenta do comité organizador explica que todos os procesos industriais nos que se utilizan microorganismos ou compoñentes celulares, como poden ser as enzimas, son considerados procesos biotecnolóxicos. Recalca así que existen aplicacións “importantísimas” en saúde, alimentación ou medio ambiente.

No congreso abordaranse tódolos aspectos relacionados con este tipo de procesos, dende o estudo detallado dos microorganismos e os seus mecanismos de actuación –“un dos obxectivos da biotecnoloxía microbiana”-, e das enzimas (biocatálise), ata os aspectos relacionados coa implementación de procesos a grande escala (biotecnoloxía industrial). Tamén se abordarán novas tendencias que teñen unha influencia transversal, como a bioinformática, as tecnoloxías ómicas ou a simulación matemática e, por suposto, as implicacións entre biotecnoloxía e sociedade”, recalca Longo.
Biotecnoloxía azul
Como principal novidade desta 17º edición do congreso o comité organizador quixo incluír de modo específico, “e por primeira vez neste evento” a área temática da biotecnoloxía azul, centrada no desenvolvemento de novos produtos e procesos biotecnolóxicos de orixe mariña. “Pareceunos unha excelente oportunidade para pór en valor a importantísima actividade da Universidade de Vigo e os seus socios en Campus do Mar neste sector”, explica a presidenta do comité organizador. Mº Asunción Longo é a principal cabeza visible dun equipo do que tamén forman parte os investigadores/as da Universidade de Vigo Mª Ángeles Sanromán, Mª Salomé Álvarez, Francisco J. Deive, Diego Moldes, Marta Mª Pazos e Emilio Rosales.
Aproveitando a celebración en Vigo e a proximidade e fortes vínculos con Portugal, nesta edición propiciarase especialmente a participación da comunidade científica deste país. “É importante favorecer a investigación multidisciplinar e potenciar a transferencia de coñecemento xerado á sociedade”, recalca Longo.
Ángel Carracedo falará sobre o uso de tecnoloxías xenómicas para previr enfermidades comúns
Xunto ás sesións paralelas, o congreso acollerá catro conferencias plenarias que correrán a cargo de recoñecidos especialistas. Entre outros, contarase coa participación do director do Instituto de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela, Ángel Carracedo, que falará sobre o uso de tecnoloxías xenómicas para a predición de risco de enfermidades comúns.
O prazo de presentación de comunicacións está aberto ata o vindeiro luns 15 de abril.