Sábado 20 Abril 2024

As claves do triunfo (político) en redes sociais

Se un partido político quere dar visibilidade ao seu candidato ou candidata a través das redes sociais, o mellor que pode facer é empregar nelas fotografías nas que apareza só ou en primeiro plano. Esta é unha das principais conclusións que os investigadores da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Xosé Rúas e Iván Puentes extraen do estudo que realizaron das imaxes publicadas na rede social Facebook por cinco candidatos nas eleccións xerais de xuño de 2016 mediante o uso do eye-tracking, un dispositivo de seguimento do movemento dos ollos diante da pantalla. “Polo xeral, a xente observa moito máis a imaxe que calquera entrada de texto”, salienta Puentes do estudo que realizaron xunto ao doutor en Comunicación pola Universidade Borja Dapena, co propósito de constatar a importancia crecente da imaxe na comunicación electoral a través das redes sociais.

g1
Xosé Rúas e Iván Puentes.

Para a realización deste estudo, recollido nun artigo publicado na revista Dígitos, os investigadores analizaron as actualizacións rexistradas nas contas de Mariano Rajoy (PP), Pedro Sánchez (PSOE), Pablo Iglesias e Alberto Garzón da coalición Unidos Podemos, e Albert Rivera (Ciudadanos), entre o 1 de maio e o 31 de xullo de 2016, período que abrangue da precampaña á postcampaña das últimas xerais. Concretamente, un total de 1.675 actualizacións, das que máis do 73%, 1.224, correspondían a imaxes e 216 a vídeos, preto do 13% do total. Son datos que, sumados ás investigacións desenvolvidas previamente por Dapena sobre a actividades dos candidatos e parlamentarios autonómicos en Facebook, confirman ese papel predominante que nos últimos anos foi adquirindo a imaxe na comunicación electoral a través de redes sociais

Publicidade

O estudo confirma o papel predominante da imaxe na comunicación electoral

Para comprobar que elementos da publicación captaban en maior ou medida a atención, os investigadores avaliaron con eye-tracking como eran observadas as tres publicacións con maior número de ‘gústame’ de cada un dos candidatos por parte dun grupo de 24 estudantes de Ciencias Sociais e da Comunicación, da Universidade de Vigo. “Vimos que as imaxes con presenza humana chaman máis a atención que as que son simplemente gráficos ou textos, e que as fotografías individuais facíano en maior medida que as grupais”, apunta Puentes, que explica que en todos os casos a imaxe era o primeiro elemento en captar a mirada, seguido do avatar e a información textual, quedando en último lugar os comentarios á publicación, “que pasan totalmente desapercibidos”.

A fotografía era tamén o aspecto ao que se dedicaba un maior tempo de visualización na maioría dos casos, mais no relativo ao elemento observado un maior número de veces, “aquel ao que reiteradamente se dirixe a mirada”, observáronse diferencias entre as imaxes “sen un elemento protagonista”, que facían que este pasase a ser o avatar e o nome do candidato, e aquelas no que este figuraba en primeiro plano, nas que era a súa cara a que captaba a atención un maior número de veces, como amosan os “mapas de calor” xerados a partires dos datos recollidos co eye-tracking. “A relevancia disto non é menor, posto que desde hai anos é obvio que a política e, en particular, a comunicación electoral, avanzaron cara un proceso de persoalización”, no que “cobra un protagonismo cada vez maior o líder ou candidato en detrimento do partido”, sinalan os autores do artigo.

g3
Pos coa imaxe do arco iris publicado por Pedro Sánchez, no que a atención centrouse no avatar. / DUVI

Das 1.675 actualizacións analizadas, 760, preto do 45%, correspondían ao candidato socialista Pedro Sánchez, o máis activo nesta rede, seguido do presidente do Goberno, Mariano Rajoy, con 345, e Alberto Garzón, con 285. As contas de Albert Rivera e Pablo Iglesias só actualizaron o seu estado en 153 e 132 ocasións, respectivamente, neste período, no que, pola contra, foron os candidatos que acumularo maior número de ‘gústames’.

Concretamente, as dúas imaxes con máis respostas positivas dos usuarios, 62.000 e preto de 55.000, foron publicadas polo secretario xeral de Podemos e trátase en ambos casos de elementos gráficos, unha mensaxe de agradecemento ás e os votantes tralas eleccións e a presentación do logotipo da coalición con Izquierda Unida, nos que o avatar de Iglesias sumou máis visualizacións que a propia imaxe. Non acontece así no caso da terceira imaxe con máis ‘gústames’, preto de 43.000, unha foto na que Albert Rivera aparece en primeiro plano cunha camiseta da selección española e na que é o seu rostro o que capta a atención en maior medida..

No caso de Rajoy, as dúas imaxes con máis respostas positivas, 20.000 e 14.000, son fotografías da noite electoral, mentres que Pedro Sánchez só supera os 5.000 gústame cunha imaxe relativa ao día do orgullo LGTBI e cunha foto co por aquel entón presidente dos Estados Unidos Barack Obama, mentres que Garzón só acadou esa cifra nunha ocasión, nunha imaxe xunto ao líder da Fronte Polisaria, Mohammed Addelaziz, con motivo do seu pasamento.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Instagram pide desculpas e recupera a foto “censurada” do cocido galego

Un portavoz de Facebook admite un "erro" ao eliminar o contido, que xa volve estar dispoñible no perfil do usuario que a publicou

A foto do cocido galego que Instagram “censurou” (pero Facebook non)

A noticia percorreu como o lume moitas pantallas desde primeira hora...

Noticias falsas e persoas maiores: temos un problema

Varios estudos advirten de que as persoas maiores de 60 anos están máis expostas á desinformación divulgada polas redes sociais

GCiencia, primeiro dixital galego en acadar os 50.000 seguidores en Facebook

Duplica aos seguintes dixitais, e é cuarto medio de Galicia, só por detrás de 'La Voz de Galicia', 'Faro de Vigo' e 'El Correo Gallego'