Venres 19 Abril 2024

Clase maxistral dende a Antártida

Ás 11.00 horas da mañá en Galicia, 07.00 horas na base Gabriel de Castilla da illa Decepción, na Antártida, arrancaba unha das clases máis peculiares que os estudantes de Ciencias do Mar van ter durante a súa etapa universitaria. Dende o continente xeado, e salvando a diferenza horaria, os tres científicos da Universidade de Vigo que participan na Campaña Antártica explicáronlles en que consiste o proxecto de investigación que están a desenvolver a preto de 14.000 km de distancia. O reitor, Salustiano Mato, a decana de Ciencias do Mar, Belén Rubio, xunto con docentes e estudantes da facultade asistiron a esta videoconferencia con Mariano Lastra, Jesús López e Jesús Souza Troncoso, que levan dende a primeira semana de febreiro traballando nas praias da baía Foster da illa Decepción. O proxecto, sexto deste grupo de investigadores no continente antártico, ten unha duración total de tres anos, un orzamento de 50.000 euros, e comprende dúas campañas na Antártida, a deste mes de febreiro e outra xusto un ano despois. O seu estudo céntrase nos procesos ecolóxicos e bioxeoquímicos asociados á descomposición de algas en intermareais sedimentarios e desenvólvese en colaboración con investigadores da USC.

Os científicos galegos en Illa Decepción.
Os científicos galegos en Illa Decepción.

O reitor felicitounos por ter levado a investigación científica da Universidade á Antártida e destacou que é un “orgullo para institución, para Vigo e para Galicia”. Os investigadores destacaron que é “un privilexio” poder traballar nun lugar “tan emblemático, extremo e marabilloso, un laboratorio natural no que non é preciso manipular as condicións para facer os experimentos, xa chas dá a natureza”, como subliñaba Souza Troncoso, director da Ecimat. Jesús López, vicedecano de Ciencias do Mar, explicaba que con esta conexión inícianse os actos de celebración do 25 aniversario da titulación de Ciencias do Mar, que coincide tamén co 10 aniversario da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla.

Publicidade

O público asistente interesouse polas condicións de vida, horarios e meteoroloxía da base, información que lles achegou o comandante Alberto Salas, xefe da base militar Gabriel de Castilla. A rutina diaria na base antártica comeza ás 08.00, para iniciar o traballo ás 09.00 e, tras unha parada para comer, retómanse os labores ás 16.30. “O único intre de asueto que temos é de 19.30 h a 20.30h, e despois asistimos a unha reunión diaria de coordinación con todo o persoal científico e militar, onde o primeiro que se expón é o parte meteorolóxico, que é o que marca o ritmo de traballo da base”. Tras a cea, polo xeral unha  película e despois descanso, aínda que explicaba o comandante que o persoal científico adoita alongar as xornadas despois desta hora.

Illa Decepción é un volcán activo, con quentes fumarolas de vapor de auga

No tocante ás condicións meteorolóxicas, este mércores a temperatura estaba entre 1 e 0.5 grados, con ventos de 55 km/hora, aínda que como relataba Jesús López, as condicións nesta parte do mundo varían moi rapidamente. A pesares disto, determinadas zonas da Antártida estanse convertendo en lugares de grande interese turístico. Explicaban os investigadores que illa Decepción é un deses lugares, sendo “raro o día no que non temos un ou dous cruceiros con centos ou, ás veces, miles de visitantes”. Neste sentido, Mariano Lastra sinalou a necesidade de “limitar ou regular o turismo, porque aínda que se respectan a contorna e os ecosistemas, pode supor un risco”.

Base Gabriel de Castilla.
Base Gabriel de Castilla.

O vicedecano de Ciencias do Mar, Jesús López, relatou a accidentada viaxe dende Vigo á illa Decepción, que se prevía de seis días e finalmente foi de nove. “A travesía no buque oceanográfico Hespérides dende Punta Arenas foi complicada polas condicións do mar, sobre todo xa pasado o cabo de Hornos con ondas de 8 ou 10 metros e bastante xeo e icebergs” a medida que se achegan ao destino. O investigador tamén lle explicou ao público asistente que illa Decepción é un volcán activo, con fumarolas nas praias que poden superar o 100 graos e lembraba que, no pasado, a illa tivo bastante importancia na caza de baleas, chegándose a capturar 40.000 exemplares ao ano, e aínda hoxe se conservan restos das instalacións, protexidas como patrimonio.

Mariano Lastra, investigador principal deste proxecto, foi o encargado de explicar polo miúdo o obxectivo do proxecto científico, que se centra no estudo do proceso de descomposición das macroalgas que quedan varadas nas praias, “para analizar como son os procesos de reciclaxe de material, a calidade de nutrientes, as emisións, etc”. Paralelamente tamén tratan de analizar se o cambio climático pode afectar a estes procesos de descomposición das algas, para o que nestes días está a desenvolver un experimento que consiste na instalación de campás de policarbonato transparente nas praias que provocan un efecto invernadoiro. Deste xeito as macroalgas vense sometidas a un lixeiro incremento de temperatura, entre 0.5 e 1 grao, similar ao previsto na península antártica nas próximas décadas.

Os científicos estudan as macroalgas de Antártida e o efecto do cambio climático

Unha das peculiaridades da illa é o quentamento xeotérmico que presentan algunhas zonas de praia, aspecto que tamén está a ser estudado polos profesores galegos, xa que “a descomposición e mineralización da materia orgánica nunha contorna polar requentada, ademais de ser peculiar é tamén moi acelerado”. O litoral presenta frecuentes quentamentos xeotérmicos, é dicir, que o solo presenta elevadas temperaturas e fenómenos como fumarolas e emisións de vapor de auga e outros gases de orixe volcánico como metano, CO2 ou sulfuro de hidróxeno. “A nosa hipótese”, destaca Lastra, “é que tanto as elevadas temperaturas como os gases emitidos pola actividade volcánica afectan aos procesos ecolóxicos e bioxeoquímicos asociados á descomposición da biomasa de macroalgas depositada en grandes cantidades polas mareas”. O obxectivo final do proxecto é xerar un modelo do funcionamiento acoplado dos ecosistemas litorais da baía Foster.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático

Confirmada a presenza de gripe aviaria por primeira vez na Antártida

O virus detectouse en mostras de aves mortas, achadas por científicos arxentinos nas proximidades da base 'Primavera'

Científicos galegos buscan na Antártida procesos naturais que afecten á supervivencia do planeta

Falamos co investigador Mariano Lastra, quen estuda a degradación das algas baixo distintos niveis de radiación e como isto afecta aos nutrientes dispoñibles