Venres 29 Marzo 2024

Ciencia de ida e volta: o persoal investigador proxéctase cara a sociedade

O curso, inserido no programa de Cultura Científica da Universidade de Vigo, proponse formar aos docentes no eido da divulgación

O programa de divulgación Ciencia de ida e volta, promovido pola Unidade de Cultura Científica da Universidade de Vigo (UCC+i) e coa colaboración da FECYT, arrancou motores esta semana coa primeira das actividades programadas,  un curso de formación dirixido ao persoal docente e investigador (PDI) para mellorar as súas capacidades comunicativas e de divulgación. O obradoiro cubriu as 30 prazas ofertadas e ao longo de dúas xornadas, as e os participantes recibiron formación sobre como organizar actividades de divulgación científica, como empregar as redes sociais para comunicar a ciencia ou como achegar á sociedade a través de charlas ou mostras as diferentes liñas de investigación que se desenvolven na Universidade.

Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, foi a encargada de dar a benvida este xoves ás e aos docentes que participaron neste obradoiro que, nas súas verbas, “ten como obxectivo que o PDI da nosa Universidade poida presentar os seus traballos e as súas investigacións dun xeito máis acaído para poder chegar a un público máis heteroxéneo, un público sen coñecementos específicos sobre as materias nas que están a traballar”.

Publicidade

O curso, de dous días de duración, arrancou este xoves cun primeiro módulo dirixido por Manuel Vicente, divulgador científico e director e presentador do programa Efervesciencia da Radio Galega. Na súa intervención achegoulles as claves para facer divulgación e actividades de cultura científica e para afrontarse a unha entrevista nun medio de comunicación e explicoulles os diferentes formatos para facer divulgación. Nesa primeira xornada do obradoiro, o segundo convidado foi Óscar Menéndez, comunicador científico e fundador de Ciencia en Redes, que como explica Valderrama, “posúe unha grande experiencia no eido da comunicación e da divulgación en redes sociais”. Na súa intervención, Menéndez centrouse en amosarlles ás e aos investigadores a potencialidade das diferentes redes sociais para a divulgación científica, achegando casos reais de “como facer rede” e analizando exemplos de “boas e malas prácticas”.

A ‘experiencia da casa’

A segunda xornada arrancou coa intervención de Déborah García Bello, investigadora en ciencia de materiais, divulgadora científica con varios libros publicados e colaboradora de programas como Órbita Laika. O seu taller centrouse en traballar cos principios básicos da expresión oral e a oratoria, dende a selección dos contidos e a estruturación do discurso ata o deseño da presentación que acompañará as verbas dos investigadores e investigadoras.

A segunda parte do día centrouse en achegar a experiencia de docentes “da casa” que xa desenvolven actividades de divulgación científica no seu eido de coñecemento e mesmo contan con premios polo seu labor. Este é o caso de Luis Navarro, director do Laboratorio de Ecoloxía e Evolución de Plantas da Universidade de Vigo e responsable do proxecto Divulgare. O científico centrase no emprego de estratexias de comunicación audiovisuais para a difusión das investigacións.

Pechou este curso promovido pola UCC+i Raquel Pérez Orozco, docente e investigadora do Grupo de Tecnoloxía Enerxética do Cintecx, que participa no proxecto de divulgación da Aula Aberta á Tecnociencia da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía (EEME) da Universidade de Vigo. No seu relatorio explicou en que consiste o seu proxecto Adoles-ciencia, unha iniciativa de divulgación dirixida a estudantes de educación secundaria que emprega métodos baseados en actividades manipulativas e diferentes técnicas de dinamización da aprendizaxe, coas que se busca promover a participación activa e o espertar da vocación científica nos máis novos e novas. Deste xeito, a súa intervención fixo fincapé na importancia da divulgación e a formación científica e tamén na súa utilidade para xerar vocacións e captar estudantado para determinados eidos do coñecemento.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O CIM impulsa a súa presenza na investigación mariña europea

O centro vigués busca converterse nun referente establecendo colaboracións con persoal investigador e institucións internacionais

A UVigo reivindica no Día Mundial da Auga a importancia do seu acceso universal

A universidade impulsa a concienciación través dunha serie de pódcast con nenos e nenas e dun concurso escolar de microrrelatos

Por que a clonación é tan rara na natureza

A partenoxénese é un tipo de reprodución asexual que empregan as femias dalgunhas especies para realizar copias de si mesmas

Aumenta a matriculación feminina en Enxeñaría Informática na UDC e na UVigo

Na universidade coruñesa as rapazas xa representan un 18% das incorporacións, mentres que na viguesa acadan o 19%