Venres 29 Marzo 2024

Biocaps estuda as novas terapias para a loita contra o cancro

O reto é curar o cancro ou convivir con el. E que, en moitos casos, deixe de poder ser unha enfermidade mortal. Así o manifestaron os investigadores en oncoloxía, que o pasado venres participaron nun seminario científico do proxecto Biocaps, organizado polo Instituto de Investigación Biomédica de Vigo (IBIV).

Na xornada, celebrada no campus de Vigo, abordáronse os últimos avances na aplicación da química ao cancro, tanto desde o punto de vista das ferramentas de diagnóstico como das terapias e fármacos máis innovadores, segundo informa o DUVI, o xornal dixital da Universidade de Vigo. Lograr fórmulas cada vez máis sofisticadas e certeiras é a vía para conseguir que esta enfermidade, con máis de 14 millóns de novos casos diagnosticados en 2012 en todo o mundo segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), se converta cada vez máis en crónica e menos en causa de morte.

Publicidade

A cita científica foi organizada polos catedráticos da Universidade de Vigo Ángel Rodríguez de Lera e África González Fernández, investigadores responsables de dúas áreas de Biocaps: Novas ferramentas en diagnóstico e terapia e Enfermidades infecciosas, inflamación e inmunidade, respectivamente.

Da quimioterapia ás tecnoloxías ómicas

O oncólogo Martín Lázaro Quintela, do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, explicou que nos últimos anos os tratamentos cambiaron bastante, avanzando desde a quimioterapia a tratamentos dirixidos contra as alteracións específicas que se presentan en cada tumor. “O coñecemento destas novas dianas terapéuticas está a levar a que seleccionemos mellor tanto os tratamentos como aos pacientes que se van beneficiar deles, o que en moitos casos redunda en supervivencias máis prolongadas”, expuxo, ao que engadiu que isto irá mellorando progresivamente.

Durante o seminario expuxéronse os últimos avances en ferramentas de diagnóstico, moi ligadas ás denominadas tecnoloxías ómicas, que permiten realizar predicións sobre a evolución de células e tecidos grazas á análise masiva de información xenética. Mónica Carreira, experta en proteómica do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, e Juan Antonio Barba, representante da empresa Life Technologies, explicaron a importancia da xenómica e transcriptómica masiva no diagnóstico temperán e o seguimento posterior dos tumores. Carreira destacou que o equipo de espectrometría de masas de alta resolución que a Universidade de Vigo está a piques de adquirir “porá o Instituto Biomédico de Vigo á vangarda nas novas tecnoloxías ómicas”.

Maior eficacia e menor toxicidade

Xa no ámbito do tratamento, Ángel Rodríguez de Lera detallou que actualmente o 50% dos fármacos antitumorais son produtos naturais, derivados destes ou inspirados na súa estrutura. Ademais, defendeu a terapia de combinación de fármacos para tratar o cancro, dado que desa maneira conséguese actuar sobre diferentes trazos distintivos da enfermidade, como a división celular e a metástase.

Con todo, as terapias dirixidas abren un novo campo no que a administración dun só fármaco pode ser suficiente, xa que actúan corrixindo a causa molecular da enfermidade, é dicir, a raíz do problema, o que á súa vez reduce aínda máis a toxicidade, un dos principais estigmas da quimioterapia. É neste campo no que traballan laboratorios como o que dirixe María del Mar Vivanco no Centro de Investigación Cooperativa en Biociencias Biogune. En concreto, esta investigadora expuxo os avances do seu equipo en terapias dirixidas ás células nai cancerosas, as responsables da iniciación do tumor. Vivanco metaforizou estas novas terapias con “matar a raíz, ademais de cortar as ramas” do cancro, dado que ademais de ser especialmente resistentes aos tratamentos convencionais, estas células son as responsables da reaparición dos tumores.

Pola súa banda, Javier Piedrafita, do Instituto Torrey Pines de Estudos Moleculares (San Diego, California), detallou os seus logros noutro tipo de terapia diana: a interferencia coas vías de sinalización das células malignas para interromper o desenvolvemento do cancro.

O poder dos anticorpos

África González foi a encargada de expor as vantaxes das terapias biolóxicas no tratamento do cancro. Estes fármacos, que non proceden da síntese química senón que son semellantes aos que produce o propio organismo, presentan a vantaxe de ser moito máis específicos e, por tanto, provocar menos efectos secundarios, segundo explicou a investigadora de Biocaps. A maior parte destas terapias empregan compoñentes do sistema inmune, especialmente anticorpos monoclonais. “En pacientes con metástase, onde a terapia convencional pode non ser tan efectiva, a combinación con anticorpos monoclonais pode levar á curación completa ou á remisión parcial dun tumor”, explicou González, que detallou que hoxe en día hai xa máis de 30 anticorpos aprobados polas axencias reguladoras e moitos máis en diversas fases clínicas.

Completou esta parte do seminario Andrés Francesch Solloso, da empresa Pharmamar, que explicou as últimas novidades sobre o fármaco de orixe mariña Yondelis, desenvolvido pola súa compañía.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Con suficiente investigación, a maioría dos cancros poderanse tratar na década de 2040”

Jesús Sánchez, responsable de proxectos na Fundación CRIS, asegura que as terapias CAR-T foron unha revolución no tratamento dos tumores do sangue

O disruptores endócrinos poden aumentar o risco de cancro de endometrio

Observada unha asociación entre as mesturas de contaminantes ambientais e a maior probabilidade de desenvolver este tumor

Galicia rexistra 16.000 novos casos de cancro e 8.000 mortes cada ano

A Fundación CRIS reúnese con Sanidade para solicitar unha maior cobertura aos pacientes oncolóxicos que requiren de medicamentos CAR-T

Un equipo con participación galega desenvolve un novo tipo de axente contra o cancro

O composto actúa de maneira potente e selectiva sobre a respiración mitocondrial das células nai do tumor, diminuíndo o seu potencial canceríxeno