Venres 19 Abril 2024

O Boeiro I: primeiro barco solar da Universidade de Vigo

As baterías estarán alimentadas por unhas 400 células fotovoltaicas situadas na cuberta da embarcación, que subministrarán a enerxía necesaria

O alumnado da asociación CES-UVigo conta con que a botadura do primeiro barco solar da Universidade de Vigo (UVigo) sexa a finais do mes de marzo, unha proba de lume para un proxecto nacido hai apenas dous anos da man dun grupo de estudantes da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación que, guiados polo fundador da empresa Marine Instruments, Francisco Pino, comezaron un proxecto ilusionante: a construción dun trimarán propulsado unicamente con enerxía solar.

O barco é xa unha realidade e acaban de bautizalo como Boeiro I, illote menor do arquipélago das Cíes, illas que, dalgún xeito, xa estaban presentes no propio nome do equipo, CES, acrónimo de Clean Energy Ship, que pronunciado en inglés recorda ás illas da costa viguesa. “Quixemos continuar con esa liña que establecemos desde o principio e levar sempre presente a nosa terra”, explica a líder do equipo, Lorena Gil, estudante do Máster en Enxeñaría de Telecomunicación e cabeza visible dun equipo composto na actualidade por 13 estudantes das tres escolas de enxeñaría do campus de Vigo: Enxeñaría de Telecomunicación, Enxeñaría Industrial e Enxeñaría de Minas e Enerxía.

Publicidade

Semanas de duro traballo

Por diante quédanlle aínda unhas semanas de intenso traballo nas que se centrarán na fabricación da cuberta sobre a que irán os paneis solares. O obxectivo é facer un primeiro test do funcionamento da embarcación e facelo coa marxe temporal suficiente para que a embarcación chegue a xullo, data fixada para a súa estrea nunha competición internacional en Mónaco, en condicións óptimas. “Contamos con ter rematado a finais de mes e facer xa a botadura para poder probar os sistemas fabricados ata agora e comezar o proceso de mellora e optimización”, explica a responsable do equipo, ao que engade que “a idea é detectar con marxe de tempo os posibles puntos de mellora e alcanzar o maior rendemento en termos de potencia, eficiencia e velocidade”.

400 células fotovoltaicas farán que o Boeiro “voe” sobre a auga

Actualmente o Boeiro conta cun primeiro deseño dos foils, as superficies de contacto mergulladas na auga que crean unha forza de sustentación que eleva o casco da embarcación fóra da auga, reducindo drasticamente o rozamento do barco contra o mar, o que lle permite alcanzar unha maior velocidade. “Fabricámolos mediante técnicas de infusión por baleiro, cun núcleo de madeira ou escuma de alta densidade, e un exterior reforzado con láminas de carbono”, salienta Gil, ao que engade que todos os mecanismos que levan os foils son de deseño e fabricación propia.

“Empregamos técnicas que nos dan un amplo rango de mellora nas pezas, como é a fabricación aditiva ou o fresado. Desta maneira estamos sempre en continua mellora dos sistemas que deseñamos, cun baixo custo”, recalca a estudante. Por outro lado, as baterías estarán alimentadas por unhas 400 células fotovoltaicas situadas na cuberta da embarcación, que subministrarán a enerxía necesaria para facer que o Boeiro “voe” sobre a auga. “O barco contará cun sistema de telemetría que permitirá monitorizalo e actuar sobre os foils para estabilizar a navegación, ademais de permitir manter unha comunicación constante co piloto”, engade Gil.

O alumnado da asociación CES-UVigo que participa no proxecto.
O alumnado da asociación CES-UVigo que participa no proxecto.

Competición de Mónaco

A primeira competición na que participará o Boeiro I é a Mónaco Energy Boat Challenge, do 4 ao 9 de xullo, un encontro do que formarán parte 35 equipos de 20 nacionalidades. Organizado polo Yacht Club de Monaco, incubadora que apoia o I+D de iates, esta cita ten como principal obxectivo estimular a creatividade, tanto dos enxeñeiros que están en proceso de formación, como da propia industria, de cara a desenvolver métodos de propulsión utilizando enerxía limpa.

“Queremos ter un barco competitivo, que dea o mellor de si mesmo en Mónaco, e poder volver cunha morea de ideas novas para incorporar nas competicións que están por chegar”, explica a alumna, quen tamén fai fincapé en que unha das principais finalidades deste tipo de competicións é “poder pór en común cos outros equipos universitarios deseños e ir mellorando ano tras ano”.

Na procura de novos patrocinios e integrantes para o equipo

Neste momento o equipo atópase en pleno proceso de captación de novos patrocinadores que se sumen aos que xa teñen na actualidade —Marine Instrumentes, Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e Vigo Tecnolóxico— e que lles axuden a conseguir os fondos necesarios que lles permitan sufragar os gastos que suporá o desprazamento a Mónaco.

Ademais de novos patrocinadores, desde o equipo destacan tamén que, aínda que teñen prazos específicos para a ampliación de integrantes, estarán encantados de falar con todas as persoas que poidan estar interesadas neste proxecto. “Dende o inicio tivemos en conta que era preciso expandir o proxecto ao resto das titulacións do campus”, recalca Gil, quen se marca como un dos retos para esta tempada “dar a coñecer o equipo, tanto nas carreiras máis técnicas como nas humanísticas, para conseguir un grupo de persoas máis interdisciplinario e no que os integrantes poidamos coñecer de primeira man os labores que se levan a cabo en carreiras alleas ás propias”.


Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático

O CINBIO, seleccionado para crear os dispositivos que marcarán o futuro da enerxía solar

No marco do consorcio europeo ‘Adaptation’, a entidade elaborará partículas capaces de captar luz do Sol con capacidade de refrixeración

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas