Segundo un estudo realizado polo grupo MaReMa para a Cátedra Feminismos 4.0 Depo-UVigo.

As nenas gustan menos das matemáticas pero entenden máis para que serven

Coñecer a percepción que os nenos e nenas de primaria teñen das matemáticas, tendo en conta o nesgo de xénero existente nunha disciplina na que o número de investigadores é moi superior ao de investigadoras, era o cometido central do estudo que o grupo de innovación docente MaReMa (Materiais e Recursos en Matemáticas) desenvolveu no marco da Cátedra Feminismos 4.0 Depo-UVigo. A través dos cuestionarios e entrevistas realizados a 340 estudantes de primaria, o estudo Vocacións matemáticas na última etapa de educación primaria: perspectiva de xénero permitiu constatar que a porcentaxe de nenas ás que lles gustan as matemáticas é inferior á de nenos. Mais tamén que as alumnas perciben en maior grao a aplicabilidade dunha disciplina que, en termos xerais, é percibida como unha “ciencia sen aplicacións”, segundo recollen as conclusións do estudo.

Como explica a profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e coordinadora do grupo MaReMa, Marta Pérez, un dos propósitos deste estudo, seleccionado na convocatoria de axudas de investigación da cátedra que promoven a Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra, era realizar unha “diagnose da cuestión das vocacións matemáticas” e afondar nas posibles motivacións do “desequilibrio que existe nos investigadores en matemáticas”. Con ese obxectivo, o estudo, no que tamén participaron as investigadoras da Universidade de Vigo Ixchel Gutiérrez e Rosalía Rodríguez-Gigirey, o tamén docente na UVigo Eduardo Loureiro e a investigadora da Universidade de Santiago de Compostela Beatriz Álvarez, buscaba coñecer como esta disciplina era percibida polos nenos e nenas de primaria.

Concretamente, a investigación levouse a cabo coa participación de 172 alumnas e 168 alumnos de 5º e 6º curso de oito centros educativos de Vigo e Pontevedra, participantes no proxecto Te lo cuentan las matemáticas, que o grupo MaReMa desenvolve coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia e Innovación.

A eles gústanlles máis, elas vénas máis difíciles

As conclusións deste estudo, que o grupo MaReMa presentaba nas últimas semanas na World Conference on Teaching & Education, no Congreso Mundial de Educación Educa e no XXXIII Congreso de Enciga, amosan como o 89% dos nenos participantes afirmaban que si lles gustaban as matemáticas, fronte ao 74% das nenas, que no 39% dos casos as definían como unha materia difícil ou moi difícil, fronte ao 30% dos nenos. De feito, o 83% dos participantes cualificáronse como “bos” ou “moi bos” en matemáticas, porcentaxe que diminuía ao 68% no caso das nenas. Do mesmo xeito, tamén se detectaron diferencias entre alumnos e alumnas no referido á percepción da materia, que o 82% dos nenos cualificaron como “divertida ou moi divertida”, fronte ao 74% das nenas.

Esta análise cuantitativa viuse á súa vez complementada por entrevistas e grupos focais, que permitiron atopar unha correlación entre as actitudes e emocións que xera a materia e a “metodoloxía e os recursos educativos empregados”, que é ademais “máis forte” entre as nenas. “O interese nos nenos está quizais máis ligado á propia natureza da materia e nas nenas á metodoloxía educativa”, apunta Pérez Rodríguez, que sinala que os resultados do estudo amosan que as alumnas perciben tamén en maior grao que os nenos “a aplicabilidade das matemáticas”. Non obstante, engade, en termos xerais “percibimos que non hai unha conexión entre as matemáticas e a vida, saben que son útiles, pero non saben en que”, o que “achacamos a unha falta de aprendizaxe funcional” que faga que esta disciplina non sexa percibida polos escolares como “facer contas e máis contas”.

Do mesmo xeito, esta análise cualitativa permitiu detectar a existencia de “estereotipos de xénero” no referido ás profesións ligadas ás matemáticas, así como unha “falta de referentes investigadoras femininas”. Para afondar na existencia deste nesgo de xénero, Pérez sinala exemplos como o feito de que a utilidade das matemáticas para cociñar fose destacada en maior medida polas nenas.

‘Te lo cuentan las matemáticas’

Os resultados do estudo apuntan á necesidade de “implantar accións educativas” que a través de “metodoloxías activas, innovadoras e transversais” permitan, “sen abandonar o seu método e o seu rigor”, afondar nas matemáticas “desde o punto de vista das súas aplicacións”, á vez que traten tamén de dar visibilidade a figuras matemáticas de referencia e as súas contribucións á sociedade.

Ese é o obxectivo de Te lo cuentan las matemáticas, o proxecto que que, co financiamento da Fecyt, o grupo MaReMa desenvolve ao longo deste curso en oito colexios de Vigo e Pontevedra. De feito, o estudo foi realizado cos nenos e nenas participantes neste proxecto, de tal xeito que os resultados do traballo levado ao abeiro da Cátedra Feminismos 4.0 permitirán tamén, sinala Pérez, “valorar a situación que partíamos” de cara a observar “a onde chegamos finalmente” cando se complete un proxecto que abrangue actividades como obradoiros nos centros educativos e encontros con novos investigadores e investigadoras.

Aquí podes ler a nova no Duvi

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.