Venres 19 Abril 2024

As mulleres da USC visten de home por Concepción Arenal

Estudantes, profesoras e PAS renden homenaxe á pensadora galega no 200 aniversario do seu nacemento en 1820

A Universidade de Santiago viste de home para reivindicar a figura de Concepción Arenal, a pensadora galega que tivo que se disfrazar de varón para acceder á Universidade Central de Madrid e cursar a carreira de Dereito, vetada daquela ás mulleres.

Ataviadas con capa e sombreiros de copa acudiron o xoves aos seus respectivos centros moitas das mulleres que conforman a USC, dende alumnas, ata profesoras, pasando polo persoal de administración e servizos. Este venres, foron as alumnas e profesoras de Medicina as que fixeron a mesma actuación para homenaxear a esta pioneira da defensa dos dereitos da muller nada en Ferrol hai agora 200 anos.

Publicidade

Concepción Arenal nas aulas, na homenaxe da USC.

A Universidade de Santiago acaba de botar a andar o ano Concepción Arenal co se pretende reivindicar a figura desta escritora, xornalista, poeta e autora dramática, que para poder cursar estudos de Dereito tivo que facerse pasar por home.

A Facultade de Formación do Profesorado no Campus de Lugo, así como as facultades de Ciencias da Comunicación, Ciencias Políticas e Sociais, Filosofía, Matemáticas, Ciencias da Educación, Óptica e Optometría e Química en Santiago acolleron distintas performances para render homenaxe a esta precursora do feminismo no ano no que se conmemora o bicentenario do seu nacemento. Este venres 31 foi a quenda da Facultade de Medicina e Odontoloxía que celebrará un posado reivindicativo ás 11.20 horas ante a fachada do centro ao que lle seguirá un acto conmemorativo.

Inauguración dun busto e conferencia de Manuela Carmena
O programa de actividades continuou hoxe coa xuíza emérita e ex alcaldesa de Madrid, Manuela Carmena, quen impartiu este venres 31, a partir das 13.00 horas, un relatorio no Salón de Actos da Facultade de Dereito, baixo o título ‘Concepción Arenal hoxe’.

Manuela Carmena ante o busto de Concepción Arenal.

Como limiar deste acto, o reitor Antonio López, xunto ao alcalde de Santiago, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, tomará parte, ás 12.15 horas, no acto de inauguración do busto de Concepción Arenal nos xardíns detrás do Pazo de Raxoi.

Actividades ao longo de 2020
A Universidade traballa no desenvolvemento de diferentes iniciativas para homenaxear a esta xornalista ao longo de 2020, entre as que destaca unha exposición no Colexio de Fonseca, programada para o mes de setembro baixo o título ‘Concepción Arenal. A conciencia da razón’.

O obxecto da mostra é achegar ao público a figura da escritura nas súas diferentes facetas e contextualizala na súa época. Permanecerá aberta ao público no Salón de Graos e na capela gótica do Colexio de Fonseca ata outubro.

Outra das performances organizadas na USC.

A celebración dun congreso internacional no mes de outubro, partindo da figura de Concepción Arenal, pretende levar a cabo unha reflexión sobre as súas facetas máis destacadas tecendo lazos cara ao presente. O congreso quere dar cabida a enfoques diversos -xurídicos, sociolóxicos, literarios, históricos, ou pedagóxicos- que estuden ben a figura da pensadora, ben aspectos da súa obra e actividades ou ben poñan en relación o seu papel con debates científicos sobre os ámbitos aos que ela dedicou a súa vida.

21 frases de Concepción Arenal que son imprescindibles

Outro dos elementos deste bicentenario será a expresión artística materializada nun ciclo de concertos, en cuxa concepción e desenvolvemento colabora o grupo de investigación Organistrum. O criterio na selección do repertorio estará guiado pola súa relación con Concepción Arenal desde diferentes ángulos: compositores do Rexurdimento que formaban parte dos salóns habituais da época como o moi coñecido de Emilia Pardo Bazán ou obras do violinista Jesús de Monasterio, amigo íntimo da autora, e do seu alumno Andrés Gaos. Dada a importancia dentro do feminismo de Concepción Arenal, farase especial fincapé en incorporar compositoras e intérpretes mulleres.

Asemade, a USC súmase á iniciativa do Ateneo Compostelá de acometer a publicación dunha edición facsimilar das obras La mujer del porvenir La mujer de su casa, textos seminais para entender o pensamento feminista da autora ferrolá. Esta edición contará cun estudo introdutorio a cargo da profesora Carmen Blanco da Facultade de Humanidades. Nesta mesma liña, a Universidade publicará dentro da colección Clásicos do Pensamento Universal, colección coeditada coa Fundación BBVA, a tradución ao galego da obra El visitador del preso.

Baixo a asesoría do departamento de Historia da Arte estase a traballar no deseño dunha intervención escultórica a modo de vitor. Ademais, impulsarase o premio ‘Concepción Arenal’ en Ciencias Sociais e Xurídicas e Humanidades. Un ciclo de conferencias a celebrar ao longo do ano por especialistas na figura da escritora en colaboración con foros cidadás; así como a colaboración con Institucións Penitenciarias para a difusión do pensamento de Concepción Arenal nos cárceres; e algunha intervención do eido teatral completan o programa de actividades.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Como de accesible é a rúa na que vives? Compróbao neste mapa

A aplicación 'City Access Map' permite comprobar que servizos están a menos de 15 minutos camiñando nas cidades e areas metropolitanas de Vigo e A Coruña

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204