As claves para que Galicia non perda o tren da dixitalización

A UVigo debulla as potencialidades e os retos do país nun informe encargado polo Consello Económico e Social e asinado por un amplo equipo de investigadores

Xosé H. Vázquez, coordinador do equipo de traballo que elaborou o documento, presentando os resultados
Xosé H. Vázquez, coordinador do equipo de traballo que elaborou o documento, presentando os resultados

“A dixitalización non é o futuro, xa está aquí e require iniciativa e capacidade de adaptación. De aquí a 2030, o seu impacto na produtividade, no emprego ou na desigualdade dependerá das políticas públicas que se deseñen desde hoxe mesmo nas distintas administracións, pero dende logo cun protagonismo especial do goberno autonómico”. Así de rotundo se amosou este xoves o catedrático da Universidade de Vigo, Xosé H. Vázquez, na presentación do informe Galicia 2030: unha dixitalización 4.0 para unha sociedade 5.0, un documento elaborado por un amplo equipo de investigadoras e investigadores da Universidade de Vigo, liderados polo profesor Vázquez, a petición do Consello Económico e Social de Galicia. 

“Vivimos inmersos nunha nova revolución tecnolóxica, a dixital, e por máis que nos esforcemos, tal e como sucedeu con calquera outra das revolucións tecnolóxicas anteriores, non é posible enxergar con precisión como vai mudar a vida das persoas a medida que a dixitalización avance”, salientou o coordinador do informe. Vázquez tamén fixo fincapé en que, se ben “o futuro está por escribir, escríbese xa desde hoxe” e as decisión que se tomen agora terán un impacto decisivo á hora de acadar esa denominada Sociedade 5.0: “Unha sociedade centrada nas persoas que, integrando o ciberespazo e o espazo físico, logre equilibrar o avance económico coa resolución de problemas sociais”.

Unha cuestión de actualidade no económico e no social

A presentación do estudo no salón de graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias contou coa participación do reitor Manuel Reigosa; o presidente do Consello Económico e Social, Agustín Hernández; e o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Jorge Cebreiros. Os tres falaron neste acto do futuro do país, un futuro que, tal e como subliñaron, “será dixital ou non será”. Nesta liña, o presidente do CES salientou que “estamos ante unha cuestión de máxima actualidade, tanto no ámbito económico como no social” na que, o importante, ao igual que aconteceu en revolucións previas, é ser quen de acadar mellores traballos para máis persoas e de máis calidade. “O informe que hoxe se presenta acredita que iso é posible para Galicia”, recalcou Hernández. 

Xunto ao presidente do CES o responsable da patronal pontevedresa, Jorge Cebreiros, destacou como a pandemia acelerou de maneira pronunciada o proceso de dixitalización, sobre todo para as pequenas e medianas empresas, o 99% do tecido empresarial galego. “Ata o de agora a dixitalización era algo diferencial das grandes empresas, que eras as que tiñan capacidade para poder incorporala, pero as diferentes crises que temos vivido nos últimos anos fixeron que tamén as Pemes se meteran de cheo, e con moito éxito, neste proceso”, recalcou o responsable da CEP.

Tamén en ton positivo se pronunciou o reitor, que manifestou que Galicia conta con diferentes fortalezas que fan que sexa quen de competir e facer as cousas “igual de ben ou mellor que noutros puntos de Europa”. Nesa liña, indicou que se conta cunha xuventude “moi ben formada”, cun “bo sistema universitario que está xerando coñecemento” e, ao seu xuízo, o que falta é mellorar na colaboración e ser capaces de mesturar o coñecemento que se se xera nas universidades galegas, as empresas e a sociedade”. “Se somos quen de pór en conexión a todos os actores fundamentais, de facer que ese coñecemento chegue ás empresas e que xeren emprego de calidade, o futuro de Galicia será o mellor da nosa historia”, recalcou Reigosa.

Dixitalización das políticas

Elaborado a partir da realización de máis de 600 entrevistas, as conclusións do informe fan fincapé en que esta adaptación á Sociedade 5.0 require actuacións en moi diversos ámbitos: calidade institucional e dixitalización de políticas; emprego e prestacións sociais; educación e cualificacións; infraestruturas e capacidades de innovación, privacidade e ciberseguridade e competitividade empresarial. No que se refire á dixitalización das políticas, Xosé H. Vázquez considera que os piares da transformación dixital deben verse reflectidos en dous tipos de políticas: dun lado, no estímulo da transformación estrutural da economía cara a súa dixitalización (políticas de I+D, de apoio ao emprendemento, estímulos á modernización tecnolóxica…), e, do outro, na reforma das institucións formais e informais que configuren as “regras do xogo” no ecosistema empresarial galego.

Emprego e prestacións sociais

En canto a emprego e prestacións sociais, o informe destaca que os retos relacionados co paro, os salarios e a polarización da riqueza van requirir de políticas activas e pasivas de emprego “moito máis intensas e eficaces”. Neste sentido destácase que a nova revolución dixital, especialmente a que ten que ver coa introdución de intelixencia artificial, que substitúe competencias tipicamente humanas non só vinculadas a actividades rutineiras, vai ter un impacto significativamente maior e, sobre todo máis rápido, que as que produciron revolucións tecnolóxicas previas.

Educación

No eido da educación o estudo fai fincapé en que as políticas públicas deberían facer un seguimento en tempo real de todos os fenómenos que se poidan parametrizar, o que require un esforzo de captura de datos que agora mesmo aínda ten un gran percorrido por diante. A reforma dos contidos formativos debe ser máis flexible, atender á natureza dos estudos e responder tanto ás necesidades das empresas como da sociedade. “Educar ás persoas tan só en aspectos técnicos baixo o mantra do coñecemento aplicado non vai axudarnos a camiñar cara unha Sociedade 5.0, que non só amosa retos específicos de convivencia, senón que necesita de cidadáns creativos e con capacidade crítica para aspirar a orientar, e non só a replicar, a traxectoria tecnolóxica do paradigma dixital”.

Infraestruturas

No capítulo de infraestruturas destácase que Galicia conta cun nivel razoable de implantación, tanto de redes fixas como móbiles, “de feito estamos mellor ca seis rexións das oito suecas”, subliñou Vázquez, ao tempo que indicou que se ben queda moito por facer, sobre todo nas zonas rurais –“levar Internet de altas prestacións ao rural esixe investir dez veces máis ca nas cidades”-, en termos de vivendas con conexión de banda ancha “estamos mellor ca en moitas rexións da Unión Europea”. Aínda así, resáltase a necesidade de garantir infraestruturas de telecomunicacións eficientes e fiables, “non só pola difusión extraordinaria do teletraballo, senón porque o tráfico vai ir aumentando significativamente pola propia transformación dixital da economía”, facendo aquí mención, entre outros aspectos, o volumen de datos que se xerarán a partir do Internet das cousas, os dispositivos intelixentes e a comunicación entre máquinas autónomas.

Privacidade dos datos e ciberseguridade

As cuestións relacionadas coa privacidade dos datos e a ciberseguridade veñen marcadas no informe como cuestións prioritarias, pero tamén coma un “reto complexo” polos numerosos equilibrios que haberá que alcanzar. Nesta liña, destácase que “a idea de ciberseguridade como un problema técnico que require tan só de solucións técnicas debe mudar canto antes” e isto debe ter consecuencias na maneira de dirixir e organizar tanto a convivencia, a escala macro, como as rutinas organizativas das empresas e administracións públicas.

Competitividade empresarial

No eido da competitividade empresarial ponse o foco nas Pemes e no feito de que a dixitalización “non pasa sinxelamente por introducir novas tecnoloxías”, neste sentido, saliéntase que “as nosas empresas poden fracasar se non se dixitalizan, pero tamén si se dixitalizan incorrectamente ou con ritmos de investimento non apropiados”. Para que a transformación dixital sexa exitosa descansa, a xuízo do coordinador do informe, sobre a posibilidade de contar cun capital humano que non só debe ter as habilidades necesarias, senón tamén a motiviación correcta para colaborar no despregue das tecnoloxías. “O trinomio tecnoloxías, procesos e persoas seguirá vixente en calquera proceso de transformación, sexa dixital ou de calquera outra natureza”, recalcan nas conclusións do estudo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.