Investigadores galegos deseñan unha aplicación para verificar información falsa

O proxecto, no que participan as tres universidades, estará orientado aos debates electorais e pretende crear unha plataforma gratuíta e de libre acceso

Julia Fontenla, Mónica Valderrama, Xosé Rúas, Talía Rodríguez, Iván Puentes e Montse Vázquez, integrantes do proxecto. Foto: DUVI
Julia Fontenla, Mónica Valderrama, Xosé Rúas, Talía Rodríguez, Iván Puentes e Montse Vázquez, integrantes do proxecto. Foto: DUVI

Está dicindo a verdade ou está mentindo? A dúbida sempre rodea os debates electorais e, en ocasións, non é tan sinxelo verificar as afirmacións feitas polos participantes. Agora, un equipo de investigadores das tres universidades galegas pretende deseñar unha aplicación que sirva para verificar as informacións falsas dos debates políticos. O proxecto, denominado DEBATrue, conta con 20 investigadores de diferentes ámbitos. O seu principal obxectivo é “loitar contra a desinformación” a través da identificación de “datos falsos que poidan desvirtuar a calidade democrática e alterar o normal desenvolvemento do proceso electoral”.

A iniciativa desenvolverase ata 2023 e ten como propósito sumar aos “actuais procesos manuais” de verificación unha aplicación dixital que automatice parte dese proceso, contribuíndo a que “se acelere a comprobación e verificación da información” e poidan rebaterse, “antes de que se viralicen”, as posibles afirmacións falsas ou inexactas. Aínda que o campo ao que está inicialmente orientado o proxecto é o debate político, a idea é que se poida empregar noutros ámbitos. DEBATrue está coordinado dende a Universidade de Vigo (UVigo) polos investigadores do grupo CP2 da Facultade de Ciencias da Comunicación, Xosé Rúas e Ana Belén Fernández Souto, e conta co financiamento do Ministerio de Ciencia e Innovación.

“É un proxecto de transferencia pura”, tal e como subliña o equipo investigador, que busca pór ao servizo da cidadanía unha plataforma de verificación de acceso libre e gratuíto. Trátase, así mesmo, dunha iniciativa derivada da investigación sobre debates electorais televisados DEBATv, que o grupo CP2 desenvolveu no marco do programa Retos de la Sociedad. “Naquel proxecto había xa unha parte que comezamos a realizar de xeito manual, que era comprobar se o que dicían os políticos nos debates era certo ou non e en que medida”, sinalan dende o equipo investigador.

Unha plataforma de acceso aberto

O proxecto abrangue a aplicación de “técnicas e ferramentas de aprendizaxe automático ou machine learning” aos procesos de verificación de datos, así como a creación “dun bot de análise conversacional e medición da actividade e impacto en Twitter” dos debates televisivos. A través destas ferramentas, buscarase tratar de “automatizar ou semiautomatizar este proceso de verificación de datos”, explica o equipo investigador, que matiza que o proxecto implicará tanto o traballo con “datos de grao 1”, aqueles que poden comprobarse en bases de datos de acceso público, como con informacións “de grao 2”, que obrigarían xa “á súa comprobación de forma manual”.

Ademais, tal e como recolle a memoria, proxéctase que esta ferramenta en liña permita non só coñecer que informacións son verdadeiras, falsas, incertas ou inexactas, senón poder tamén acceder “á fonte orixinal ou proba de veracidade”, como serían as bases de datos que xustificarían a exactitude ou inexactitude do afirmación.

Creación dun índice de calidade

“Estamos nun contexto de desconfianza e o que pretendemos é traballar sobre a economía da confianza a través dunha ferramenta acreditada”, sinala Rúas. Nese senso, o proxecto contempla o desenvolvemento dun “índice internacional de calidade dos debates electorais”, que partirá da revisión e ampliación dunha relación de 50 “indicadores de valor”, deseñada no marco de DEBATv, xunto co impulso dun “selo de calidade” que distinga aqueles debates “que aposten pola participación, a transparencia, a loita contra a desinformación e a participación democrática da cidadanía”.

Formación e sensibilización

Con esa mesma vontade de transferencia, proxéctase a elaboración dun manual de boas prácticas na organización de debate, así como dunha guía escolar de “sensibilización, educación e loita contra a desinformación no debate político”. De feito, co propósito de contribuír á “sensibilización e capacitación dos futuros votantes, especialmente na contorna das redes sociais”, o proxecto abrangue tamén a realización dunha estudo sobre as “necesidades educativas e de traballo na aula” que neste ámbito poida requirir a poboación infantil e xuvenil, así como o deseño e organización de talleres e de actividades formativas para educadores.

Amais diso, o DEBATrue reúne “expertos no desenvolvemento de aplicacións informáticas, en minería de datos en redes sociais e modelos de confianza e reputación, así como no ámbito da ciberseguridade e as conspiracións”, recolle a súa memoria. Por parte da USC toma parte no proxecto o investigador Paulo Carlos López. Ademais, xunto a Rúas e Fernández Souto, forman parte do proxecto os investigadores da UVigo Manuel Pérez Cota, Montse Vázquez, Iván Puentes, Yolanda Blanco, Andrés Mazaira, Mónica Valderrama, Talía Rodríguez e Julia Fontenla; xunto cos docentes da UDC Laura Milagros Castro, David Cabrero, Natalia Quintas, José Ángel Holgado e José Manuel Lage; aos que se suman os investigadores Francisco Javier Paniagua, da Universidad de Málaga; Concepción Pérez, da Universidad de Sevilla; Alejandro Romero, da Universidad de Granada; e o coronel Ángel Gómez, experto en análise xeopolítica.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.