Presentación de Aemat: De esquerda a dereita, López Quintela, Martiño Noriega, Antonio López, Carmen Pomar e José Rivas. Foto: Servimav.
Presentación de Aemat: De esquerda a dereita, López Quintela, Martiño Noriega, Antonio López, Carmen Pomar e José Rivas. Foto: Servimav.

Nace Aemat, a nova gran rede de coñecemento da USC

A Agrupación Estratéxica de Materiais reúne a máis de 120 investigadores de 11 grupos multidisciplinares no ámbito dos materiais

Máis de 120 investigadores de 11 grupos multidisciplinares da USC no ámbito dos materiais conforman a Aemat da USC, que vén de ser recoñecida pola Consellaría de Educación, Universidade e FP da Xunta de Galicia como agrupación estratéxica do Sistema Universitario de Galicia.

A rede, que nace co obxectivo común de elevar as súas capacidades científicas e de transferencia de coñecemento aos sectores produtivos, presentouse este martes no Instituto de Cerámica da USC nunha sesión que presidiu o reitor Antonio López e na que tamén participaron os coordinadores de AEMAT, os profesores Arturo López Quintela e José Rivas; a conselleira de Educación, Universidade e FP, Carmen Pomar, e o alcalde de Santiago, Martiño Noriega.

Os novos materiais son un dos piares da revolución industrial 4.0 e xogan un papel fundamental na abordaxe de retos globais como a transición enerxética, a minimización do impacto ambiental e a innovación biomédica. No acto, o profesor Rivas destacou como exemplos os avances que a nanotecnoloxía de materiais está a permitir en materia de xeración, distribución e almacenamento de enerxías limpas ou o uso de nanopartículas para transportar fármacos e rexenerar tecidos.

25 patentes nos últimos anos

Neste contexto, Aemat centra a súa investigación en catro áreas estratéxicas: os biomateriais, os materiais e dispositivos ópticos, os nanomateriais funcionais e outros materiais e a simulación computacional aplicada a este campo.

O plan de actividades da agrupación oriéntase cara a constitución dun instituto de investigación estable no campo dos materiais. Para logralo, estrutúrase en sete programas centrados na excelencia científica, a formación de investigadores, a captación de talento, a colaboración con empresas e con outros centros científicos de referencia, o posicionamento internacional, a transferencia de tecnoloxía e a divulgación á sociedade.

A maioría dos equipos de investigación que forman Aemat están recoñecidos  pola Xunta como grupos de referencia competitiva ou de potencial crecemento por parte da Xunta. Ademais, os seus indicadores de competitividade sitúan a súa capacidade de captación de fondos en convocatorias públicas nunha media anual de máis de dous millóns de euros e un promedio de contratación con empresas que supera os 2,5 millóns anuais. A isto súmase o rexistro de 25 patentes nos últimos anos (19 delas internacionais) e a constitución de varias spin-off para levar ao mercado os seus resultados de investigación.

Rivas destacou tamén como fortalezas de Aemat a multidisciplinariedade, o perfil excelente dos seus investigadores, o atractivo dos seus laboratorios para a formación e a captación de talento, a proxección internacional, a calidade das súas infraestruturas, a capacidade emprendedora e a longa traxectoria de colaboración coa industria, a través de empresas tan relevantes como Ferroatlántica, Endesa, Finsa, Televés ou Sargadelos, cuxos equipos directivos estaban presentes no acto de hoxe.

Sesión científica

Logo da presentación, tivo lugar unha sesión científica na que interviñeron a directora de unidade na Fundación Tekniker e co secretaria de EUMAT (European Technology Platform for Advanced Materials and Technologies), Amaya Igartua, e Nieves González, punto nacional de contacto Horizon 2020 NMBP (Nanotecnoloxías, materiais avanzados, biotecnoloxía e fabricación e transformación avanzadas) do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.