Venres 19 Abril 2024

Acordo na USC para pagar os trienios que reclamaban centos de investigadores

Universidade e sindicatos dan o paso para aboar a partir do 1 de setembro de 2021, e durante os vindeiros anos, os complementos de antigüidade

O equipo de goberno da Universidade de Santiago de Compostela e os sindicatos que representan aos traballadores e traballadoras da institución acadaron un acordo polo cal os investigadores predoutorais, posdoutorais e do capítulo VI (persoal contratado con cargo a proxectos de investigación) poderán recibir o pago dos trienios de antigüidade que lles correspondan. É un paso semellante ao acadado en xuño na Universidade da Coruña, que recoñeceu o dereito a cobrar os complementos de antigüidade a este persoal. Na USC, o colectivo hipotético que se podería beneficiar deste acordo é de arredor de 1.000 persoas, aínda que non todas, por agora, teñen dereito a trienios.

O acordo culmina, deste xeito, as negociacións que se desenvolveron nos últimos meses, impulsadas pola mobilización do persoal investigador e por sentenzas, tanto na USC como na UVigo, que recoñeceron o dereito aos trienios a investigadores pre e posdoutorais. En novembro de 2020, os tres principais sindicatos (CIG, UGT e CC.OO.) presentaran no Consello Galego de Relacións Laborais un escrito para solicitar o recoñecemento destes trienios. Diante das decisións xudiciais e outras frontes abertas, a USC deu o paso para negociar de forma conxunta o problema, que afecta a centos de persoas, encadrados no coñecido como capítulo VI. Este paso forma parte, segundo destaca a USC, do proceso de regularización da situación do persoal investigador que está a abordar a institución, que ten ao capítulo VI como fito destacado.

Publicidade

O capítulo VI abrangue a persoal da universidade que está contratado temporalmente a través de proxectos de investigación aos que se accede por convocatorias de concorrencia competitiva, dependentes tanto do goberno da Xunta, como do Estado ou institucións internacionais, así como de acordos con empresas privadas. Neste rango inclúense tamén os estudantes de doutoramento que están a facer a súa tese.

Termos do acordo sobre os trienios

O abono destes trienios comezará de forma progresiva, a partir do 1 de setembro de 2021. Todas as persoas que sumen máis de 3 anos de contrato en calquera universidade ou administración pública, poderán solicitar o abono deste primeiro trienio. Posteriormente, a partir de xaneiro de 2022, as persoas que reúnan 6 anos ou máis percibirán o importe de 2 trienio, no 2023 aboaranse tres trienios, en 2024 catro, e a partir de 2025 todos os que correspondan á súa antigüidade.

Fontes da USC destacan que se trata dun “recoñecemento laboral loxicamente razonable e merecido”, pero que obriga á institución “a sacar recursos económicos doutros lados para atender esta nova obriga, cando tamén se deberían implicar as institución financiadoras dos contratos”. Para isto xa se están a abordar negociacións co Goberno español e a Xunta para explorar opcións que axuden a financiar este recoñecemento laboral. Segundo recoñece o xerente da USC, Javier Ferreira, este apoio é indispensable para solucionar a “precariedade extrema” á que se enfronta boa parte do persoal investigador, con contratos temporais e retribucións moitas veces por baixo dos convenios colectivos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A ciencia confirma que as apertas alivian a dor, a ansiedade e a depresión

Un equipo internacional analiza os beneficios do contacto físico nas persoas a partir da revisión de 212 estudos

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos