A achega da Universidade de Vigo contra a Covid-19 en seis proxectos de investigación

A UVigo acadou fondos en convocatorias extraordinarias moi competitivas, colaborando con outras universidades, empresas, hospitais e centros de investigación

Laboratorio da Universidade de Vigo. Foto: UVigo.
Laboratorio da Universidade de Vigo. Foto: UVigo.

O impacto da pandemia na nosa sociedade puxo en valor a importancia da I+D+i e colocou a ciencia e a innovación na primeira páxina da axenda pública. Ante esta situación excepcional que estamos a vivir, “o persoal investigador da Universidade de Vigo colaborou desde o primeiro momento achegando materiais de protección e de desinfección desde os seus laboratorios e, máis adiante, desenvolvendo proxectos de investigación que achegasen solucións desde os diferentes ámbitos, demostrando que a interdisciplinariedade é un valor engadido na ciencia”, salienta a vicerreitora de Investigación Belén Rubio. Desta maneira, en colaboración con outras universidades, centros de investigación, empresas, hospitais e fundacións biomédicas, desde a Universidade de Vigo lográronse fondos en convocatorias extraordinarias moi competitivas.

A crise da Covid-19 puxo de manifesto que investir en ciencia impacta positiva e directamente na vida das persoas, un investimento que, en palabras da vicerreitora de Investigación, “transfórmase neste caso en diagnósticos, tratamentos e vacinas, aspectos nos que a UVigo tamén está a contribuír con estes proxectos de investigación”.

Seis proxectos, seis solucións

Ao abeiro do Fondo Supera Covid-19, froito da colaboración entre o Banco Santander, as universidades españolas, a Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE) e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a Universidade de Vigo acadou varios proxectos. Epicovigal, liderado polo catedrático David Posada, é un proxecto que ten o reto de entender a evolución e a circulación do SARS-CoV-2 en Galicia a través da análise xenómica de mostras de pacientes contaxiados, co obxectivo último de contribuír á toma de decisións no eido da saúde pública na loita contra este virus.

Belén Rubio é vicerreitora de Investigación da UVigo. Foto: uvigo.gal.
Belén Rubio é vicerreitora de Investigación da UVigo. Foto: uvigo.gal.

O potencial científico da institución na loita contra a pandemia tamén está presente a través de SERSforSARS, liderado por Lorena Vázquez-Iglesias e Jorge Pérez-Juste, investigadores do grupo de Química Coloidal. A principal vantaxe do test no que están a traballar é que faría posible detectar cantidades de virus máis baixas o que, á súa vez, permitiría detectalo antes.

Pola súa banda, o proxecto DIMCoVAR, no que está implicado o investigador do grupo BiotecnIA, Claudio Cameselle, pretende detectar a presenza do SARS-CoV-2 nas augas residuais de tal maneira que permita predicir a evolución da pandemia. O principal beneficio desta iniciativa está en poder detectar de forma temperá a presenza ou a ausencia do virus nunha comunidade.

Por último, e tamén financiado polo Fondo Supera Covid-19, o proxecto Lira-Covid19, no que participa o director do Laboratorio de Endocrinoloxía (LabEndo), Federico Mallo, é un ensaio clínico co que se trata de demostrar que o fármaco liraglutide, con capacidades moi importantes para mellorar a funcionalidade do pulmón, sería quen de mellorar a pneumonía grave por SARS-CoV-2.

Pola súa banda, o proxecto liderado polo profesor titular da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, Higinio González, e financiado pola Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, ten como obxectivo principal o desenvolvemento dun sistema de desinfección con dispersión de líquidos mediante sistemas aéreos non tripulados como os drones.

Con financiamento do Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII), o estudo Predico ten como obxectivo predicir a evolución da expansión e a incidencia da pandemia. O equipo de investigadores, entre os que está o profesor do Departamento de Matemática Aplicada II, Iván Area, deseñou un método para calcular o posible número de camas necesarias nas unidades de coidados intensivos (UCI) para evitar a saturación mediante a estimación de persoas infectadas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.