Martes 16 Abril 2024

A UVigo proba en primicia mundial unha nova tecnoloxía 5G

‘Network Slicing’ 5G mellora as comunicacións e as probas serán conxuntas entre o Grupo de Tecnoloxías de Información e as empresas Cisco e Telefónica

A Universidade de Vigo, como responsable do Laboratorio 5G e centro de investigación cunha ampla experiencia nesta temática,  vai acoller as primeiras probas piloto que se realizan en Galicia, e das primeiras que se fan a nivel mundial, de Network Slicing 5G, unha tecnoloxía que permitirá xerar novos servizos e avanzar na transformación dixital da sociedade. O proxecto vai dirixido a demostrar a flexibilidade desta rede para adaptarse aos distintos casos de uso empresariais e, da súa posta en marcha, vanse encargar o Grupo de Tecnoloxías de Información da Universidade de Vigo, adscrito ao centro de investigación atlanTTic, e as empresas Telefónica e Cisco, líder mundial en equipos de redes.

As redes 5G facilitarán casos de uso moi diversos e con distintos requisitos como vehículos autónomos, cidades intelixentes, robótica, Internet das Cousas… Para isto deben ser flexibles, programables e escalables e, neste senso, o Network Slicing permite crear capacidades de rede específicas para un servizo ou grupo de usuarios, ofrecendo así servizos diferenciados, algo que non era posible co 4G.

Publicidade

No marco do piloto 5G Galicia, impulsado polo Ministerio de Asuntos Económicos e transformación dixital, a través de Red.es, e apoiado polo Laboratorio 5G, que está promovido pola Amtega (Xunta de Galicia), Retegal e a Universidade de Vigo, este traballo pretender probar a tecnoloxía de diferentes provedores e empregar os resultados para definir as redes do futuro. A Universidade de Vigo vai traballar no deseño e despregue do demostrador, na súa validación e na medición das prestacións, demostrando os beneficios, a calidade e a versatilidade das tecnoloxías de Network Slicing.

Redes máis fiables e capaces

Segundo explica Felipe Gil, investigador de atlanTTic responsable na Universidade de Vigo deste proxecto, a tecnoloxía Network Slicing busca ter unha rede completa virtual sobre a infraestrutura física, o que permite diferentes avances tecnolóxicos que hoxe en día aínda non son posibles e que inclúen desde ter unha rede a medida para cada tipo de tráfico, ata contar cunha rede ‘propia’ para grandes clientes ou despregar outras ‘baixo demanda’ en función de necesidades puntuais. A proba piloto que se vai realizar na Universidade de Vigo está pensada especificamente para o primeiro caso, é dicir, para crear redes adaptadas a cada tipo de tráfico.

En concreto vaise traballar en tres aspectos: baixa latencia, alto ancho de banda e rede de emerxencias. Con respecto á baixa latencia, trátase de lograr que o tempo entre que se recibe a información e se fai chegar ao seu destino sexa moi baixo. “Por exemplo, podemos ter un sistema de control que mide un parámetro físico, llo envía a un servidor que analiza a información sobre a rede 5G e manda de volta instrucións a un actuador”, explica Gil.  Deste xeito, se o sensor mide unha situación anómala mándalle a información ao servidor que a detecta e actúa de xeito moi rápido para corrixir o problema.

No caso do alto ancho de banda, trátase de lograr transmitir moita información en moi pouco tempo. “Son as redes ás que nos estamos habituando e nas que, por exemplo, podemos ver vídeos cada vez de maior calidade sen telos que descargar”, recalca Gil, quen, con respecto á rede de emerxencias, recalca que sería específica para empregar os corpos de emerxencias en situacións problemáticas nas que se precise a máxima fiabilidade posible.

“Exemplo de colaboración”

Con esta iniciativa, Telefónica pretende non só demostrar a capacidade de Network Slicing nunha infraestrutura de 5G, senón tamén comezar a construír os servizos para clientes que se comercializarán a través da súa rede 5G, ofrecendo unha alta capacidade e unha baixa latencia para casos de uso como Internet das Cousas. “Con este proxecto de colaboración con Cisco e a Universidade de Vigo damos un importante impulso ao noso obxectivo de facer as nosas redes máis flexibles e escalables para dar resposta co 5G aos diferentes requirimentos que formulan os servizos e os clientes”, explica Mercedes Fernández, xerente de Innovación e responsable de Cidades Tecnolóxicas 5G de Telefónica España.

No caso de Cisco, como provedor contrastado en infraestrutura 5G, esta proba de concepto vaille permitir demostrar os beneficios do software cloud nativo  coa plataforma Cisco Ultra Packet Core, que é o corazón da creación de servizos e funciona xunto con tecnoloxías clave como Network Slicing, NFV e automatización a través de Cisco Network Services Orchestrator (NSO) para apoiar casos de uso específicos de clientes, tanto gran público como empresariais, constituíndo un dos múltiples proxectos de dixitalización en España impulsados polo seu programa Digitaliza. “O 5G representa unha grande oportunidade para que os provedores poidan xerar novos servizos dixitais, rendibilizar os seus investimentos en infraestraturas e, sobre todo, liderar a transformación dixital”, explica Andreu Vilamitjana, director xeral de Cisco España, quen subliña que este proxecto piloto constitúe “un exemplo de colaboración entre investigadores e provedores para acelerar a dixitalización”.

“Traballar en este proxecto con Telefónica e Cisco permítenos avanzar na investigación sobre redes 5G dinámicas e achegar estes resultados ao mercado, xa que  podemos colaborar coas persoas que están desenvolvendo os últimos produtos de Cisco e coas que están ideando as futuras redes de Telefónica”, recalca desde a Universidade Felipe Gil, principal cabeza visible dun equipo do que tamén forman parte  os investigadores Alberto Estévez Caldas, David Rodríguez Pereira e Rubén Pérez Vaz.

Aquí podes ler a nova no Duvi

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático

Tecnoloxía personalizada para o rural: “Se unha persoa maior se perde, o seu veciño pode saber onde está”

Un equipo de atlanTTic investiga a viabilidade de prestar servizos dixitais nas aldeas sen cobertura adaptados ás necesidades dos seus habitantes

A UVigo deseñará sensores fotónicos para identificar células tumorais

Membros de atlanTTic participan no proxecto europeo Retina para a mellora de procesos nos ámbitos da saúde, da automoción e da agricultura