Xoves 28 Marzo 2024

A UVigo edita un nova catálogo de investigadoras co que seguir “espertando vocacións”

Distribuiranse 650 exemplares en institutos de toda Galicia a partir de setembro

Amosar á mocidade, sobre todo, ás nenas e ás mozas, que moi preto da súa casa existen mulleres investigadoras que están a realizar un traballo de gran importancia para o conxunto da sociedade. A Universidade de Vigo presentou este xoves a segunda edición do catálogo Quero ser investigadora, un volume no que dez investigadoras da institución académica viguesa contan en primeira persoa como foi o camiño que as levou, cada unha desde eidos moi distintos, a elixir a ciencia como  profesión.

A presentación levouse a cabo no edificio Redeiras e contou coa participación das vicerreitoras de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, e a de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama. Ambas fixeron fincapé  na necesidade de “espertar conciencias entre os máis novos” e facerlle ver as mozas e mozos, que en breve terán que elixir os seus estudos, “que na súa propia contorna hai mulleres científicas que son referentes”. Neste senso, Belén Rubio subliñou a necesidade de facer ver, “que a ciencia non sempre é traballar con probetas nun laboratorio, senón que se fai ciencia desde todos os ámbitos do coñecemento, tal e como se demostra neste catálogo”.

Publicidade

Dez novas referentes

Nesta segunda edición, herdeira da que se publicou no ano 2020, vólvese a difundir a historia de dez novas referentes, dez mulleres, dez investigadoras, dez nenas que quixeron dedicarse ao que máis lles gusta: achegar novos coñecementos sobre a súa área de traballo que axuden á sociedade a avanzar cara un futuro mellor. Cada unha conta coa súa propia ilustración, realizadas pola ex-alumna da UVigo Patricia Fernández Ruibal, quen interveu no acto a través dun vídeo no que explicou o proceso creativo.

A finalidade, tal e como explicou Valderrama, é que as rapazas e rapaces coñezan a estas persoas e, para iso, repartirase, como xa se fixo en 2020-2021, en institutos de secundaria de toda Galicia. Ademais, está dispoñible na páxina web da Unidade de Cultura Científica, UCC+i, e acompañarase dunha sinxela unidade didáctica coa que se facilitará o traballo con esta ferramenta na clase.

As investigadoras

O catálogo ábrese coa participación da docente Inmaculada Báez Montero, da Área de Lingua Española, investigadora do Grupo GRILES, desde onde están a pór en marcha o corpus anotado de lingua de signos española, Coralse, unha fotografía actualizada da Lingua de Signos no Estado español.

No caso da arqueóloga Beatriz Comendador, investigadora do grupo GEAAT, lembra neste catálogo as viaxes que facía con seu pai a ver xacementos e petroglifos. Recordos de infancia que marcaron un futuro laboral vinculado ao estudo da acción humana desde a prehistoria.

Ilustracións das investigadoras.

Apaixonada dos grandes avances científicos, Nieves Lorenzo, investigadora do grupo EphysLab do Centro de Investigación Mariña CIM-UVigo, soñaba con ser astronauta, pero, a medida que pasou o tempo, foi deixando de lado as súas ansias espaciais para centrarse nunha carreira científica centrada en estudar as causas e os efectos do cambio climático sobre o planeta e en diferentes ámbitos da sociedade, xa que tal e como ela mesma lembra, “afecta tanto á agricultura coma á saúde, á enerxía ou ao transporte”.

“Non pensedes que na mercadotecnia se deixa algo ao azar”.

LORENA RODRÍGUEZ

Lorena Rodríguez, investigadora do grupo OC2, transmítelle aos lectores a idea de que para ser investigadora non é necesario traballar nun laboratorio. No seu caso estudiou Ciencias Empresariais e hoxe fai estudos sobre marketing turístico, comportamento das persoas… Trátase de achegarlles información aos xestores empresariais para mellorar a planificación estratéxica dos produtos e dos servizos que ofrecen. “Non pensedes que na mercadotecnia se deixa algo ao azar”.

Para Beatriz Legerén, especialista en videoxogos, interacción e deseño, “a ciencia non é algo pechado e circunscrito a unha sola disciplina”. Foi pioneira no campo de deseño de proxectos interactivos na primeira axencia dixital de Galicia, presidenta fundacional do Clúster das TIC de Galicia e impulsora do Clúster Audiovisual de Galicia. “Cantas primeiras veces! Pero xa sabes que o máis importante non é ser a que inicia o sendeiro, senón manter a túa estela ao longo do tempo para avanzar cara á meta”.

“A investigación é unha forma de vida que achega moitas satisfaccións e alegrías”

ISABEL PASTORIZA

As páxinas dedicadas a Isabel Pastoriza, coordinadora do Grupo Nanobiomateriais Funionais (FunNanoBio) do Centros de Investigacións Biomédicas, Cinbio, son un retrato de como a investigación é unha forma de vida “que achega moitas satisfaccións e alegrías”. No seu caso traballa en proxectos relacionados co deseño de nanomateriais avanzados co fin de desenvolver dispositivos miniaturizados para o diagnóstico médico do cancro de mama mediante a detección de células tumorais.

Especialista en bioxeografía, cambio climático e paleontoloxía, Sara Varela, do grupo de Ecoloxía Animal do CIM-UVigo, tivo claro dende pequena que quería traballar con plantas e animais. Agora, con dezasete anos de traxectoria profesional, puido participar en moitas escavacións paleontolóxicas extraendo fósiles de especies extintas e foi unha das primeiras persoas en usar modelos de distribución (“serven para predicir onde poden vivir as especies”) para predicir a situación das especies no pasado.

Eva Lantarón

Eva Lantarón, actual vicerreitora do campus de Pontevedra, é investigadora do Grupo FS1, onde estudan diversos aspectos vinculados á fisioterapia respiratoria e á fisioterapia en oncoloxía. Fala con orgullo da súa profesión. “Creo que é unha investigación moi importante para as persoas, porque se os resultados son positivos, melloraría a calidade de vida dos e das pacientes e, en moitos casos, podería ser unha solución ao seu problema de saúde”.

“Compromiso, paciencia, humildade, perseveranza e, sobre todo, nunca perder a ilusión”. Estes son os consellos da enxeñeira Belén Riveiro, investigadora do Grupo Xeotecnoloxías Aplicadas, onde desenvolve diferentes proxectos no ámbito do mantemento de infraestruturas, combinando coñecementos da enxeñaría estrutural, a xeomática (ciencia que se ocupa da xestión da información xeoespacial) ou a intelixencia artificial.

O catálogo péchase con Marián Fernández, do Grupo REMOSS. “Admito que sempre fun unha nena cargada de enerxía”, explica nun texto no que tamén fala da parte central do seu traballo:  investigar sobre a alfabetización física e a educación física de calidade. “Trato de estudar e de demostrar como desde a educación física escolar podemos desenvolver un estilo de vida activo e saudable”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O CIM impulsa a súa presenza na investigación mariña europea

O centro vigués busca converterse nun referente establecendo colaboracións con persoal investigador e institucións internacionais

A UVigo reivindica no Día Mundial da Auga a importancia do seu acceso universal

A universidade impulsa a concienciación través dunha serie de pódcast con nenos e nenas e dun concurso escolar de microrrelatos

Por que a clonación é tan rara na natureza

A partenoxénese é un tipo de reprodución asexual que empregan as femias dalgunhas especies para realizar copias de si mesmas

Aumenta a matriculación feminina en Enxeñaría Informática na UDC e na UVigo

Na universidade coruñesa as rapazas xa representan un 18% das incorporacións, mentres que na viguesa acadan o 19%