Xoves 25 Abril 2024

A UVigo contrata catro novos investigadores distinguidos

Sergio Gómez, Marta Conde, Cristina Delgado e Santiago Pozo incorpóranse ao Programa de Retención de Talento Investigador

Sergio Gómez, Marta Conde, Cristina Delgado e Santiago Pozo están a piques de comezar unha nova etapa profesional como investigadoras e investigadores distinguidos da Universidade de Vigo, para seguir desenvolvendo os seus proxectos nos eidos da química física, a fisioloxía, a ecoloxía e bioloxía animal e a conservación de patrimonio cultural inmoble, respectivamente.  Eles e elas son os seleccionados no Programa de Retención de Talento Investigador da UVigo 2020, que ten como finalidade a contratación de persoas de traxectoria destacada que tiveran desenvolvido a súa actividade de posdoutoramento na Universidade de Vigo. O contrato como persoal laboral temporal a tempo completo, na modalidade de investigador/a distinguido/a, terá unha duración de tres anos prorrogables a outros dous.

Sergio Gómez.

Sergio Gómez

Sergio Gómez leva na Universidade de Vigo máis de dez anos, na última etapa como investigador Juan De La Cierva no Departamento de Química Física, centrando o seu traballo na síntese, caracterización e autoensamblaxe de nanopartículas plasmónicas (ouro e prata). Explica que este programa da UVigo “supón que non se pare a miña carreira investigadora e docente. Agora mesmo, teño 3+2 anos para conseguir financiación tanto en plans nacionais como internacionais, demostrando así que os egresados da UVigo somos competitivos a todos os niveis”.

Publicidade

Gómez formouse na UVigo e continuou na institución viguesa para facer a tese de doutoramento. “Ao acabar, tiven que emigrar como moitos outros, e despois de cinco anos conseguín unha axuda estatal para volver á miña universidade”. Mentres estivo no estranxeiro xurdiulle a posibilidade de realizar “un sensor baseado en nanopartículas de ouro, e cando volvín, continuamos traballando nel”. Agora “estamos a desenvolver novas sínteses de nanopartículas que lles conceden novas propiedades, e a idea é utilizalas para a detección precoz de biomoléculas, como catalizadoras de reaccións de interese para a sociedade e, finalmente pero non menos importante, para o tratamento de cancro mediante hipertermia”.

Respecto ás oportunidades futuras de estabilización, recoñece a perspectiva é moi complicada. “Dende que iniciei a miña carreira investigadora pensei pouco a pouco: primeiro a tese, despois o primeiro posdoc, o segundo, o terceiro… e agora, a pesar de que xa teño unha idade, teño que seguir igual, pensando que teño tres anos máis para demostrar á Universidade a miña valía”. Por outro lado, tamén fai fincapé en que actual situación de pandemia non axuda, xa que “por mor da covid-19 os orzamentos do Estado destinados ás universidades poden variar, podendo afectar isto ás vindeiras prazas da taxa de reposición que oferte a Universidade”.

Marta Conde.

Marta Conde

Marta Conde é outra das catro persoas seleccionadas, ata agora persoal de posdoutoramento da Xunta de Galicia na modalidad B no Departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde, en concreto na Área de Fisioloxía. A investigadora do Centro de Investigación Mariña explica que esta é unha oportunidade de seguir traballando e mellorando o CV para poder optar a programas ou contratos de estabilización na Universidade. “Tamén me permite poder continuar coa liña de investigación propia que iniciei hai dous anos e seguir dirixindo as dúas teses de doutoramento que están en marcha neste momento”, engade.

Conde cursou Ciencias do Mar en Vigo e, tras o paso pola empresa privada, regresou cunha bolsa FPI para realizar a tese de doutoramento baixo a dirección de José Luis Soengas e Jesús Míguez e posteriormente continuar coa etapa de posdoutoramento. A súa actividade investigadora céntrase no estudo dos sistemas neuroendocrinos e metabólicos que controlan o apetito en especies de peixes de interese na acuicultura. Recentemente, iniciou unha liña de investigación propia baseada no estudo da regulación hedónica do apetito en peixes, e en concreto da implicación dos sistemas cannabinoide e opioide nesta regulación. Coa vista posta nos próximos tres anos como investigadora distinguida plantéxase “seguir desenvolvendo e afondando nesta liña, codirixindo as teses que están en marcha e tamén pretendo dirixir novos TFG/TFM. Nos vindeiros anos espero tamén poder ter a posibilidade de conseguir financiamento propio para algún novo proxecto como investigadora principal e, ao mesmo tempo, seguirei cos labores docentes e intentarei conseguir a acreditación de Profesor Titular, o cal me daría a posibilidade de seguir contratada dous anos”.

Cristina Delgado.

Cristina Delgado

Cristina Delgado, tamén persoal de posdoutoramento da Xunta de Galicia na modalidade B no Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal, pasará tamén a ser investigadora distinguida para serguir traballando en ecoloxía e taxonomía das diatomeas, tanto en ecosistemas mariños como en auga doce. Segundo explica, o seu interese principal é “afondar no uso destas algas como bioindicadores” e este contrato, recoñece, é un “gran paso” na súa carreira. “Levo moitos anos traballando intensamente para chegar a un momento como este” e valora moi positivamente que a Universidade de Vigo “fora pioneira neste tipo de programas de retención, porque é unha oportunidade que hai anos non existía, e que nos permite poder continuar coas nosas liñas de investigación e os nosos proxectos, e ogallá se puidera continuar no tempo”. Con todo, asume que o mundo da investigación é “duro e complicado” pero agarda que este contrato lle permita ter unha oportunidade de estabilización. “Nunca sabes con certeza o que pode pasar”, remarca, “son das poucas que decidín ser nai antes incluso de rematar a miña tese, e se todo era complicado pois complicóuseme todo un pouco mais. Agora estou moi contenta de todo o traballo realizado e todo o esforzo que fixen eu e a miña familia para poder conciliar vida laboral e familiar e xa con iso estou contenta!”.

Nos próximos tres anos tratará de afondar no coñecemento ecolóxico das diatomeas e recoñece tamén que agarda “identificar algunha especie nova máis para a ciencia”, xa que durante as súas etapas de pre e posdoutoramento xa describiu catro novas especies, unha delas dedicada o Prof. Ramón Margalef (Cymbopleura margalefii C.Delgado, M.H. Novais, S. Blanco & L. Ector 2013). “Agardo ahora xa dende a Universidade de Vigo poder avanzar con este tema da taxonomía que tamén me apasiona”.

José Santiago Pozo.

Iago Pozo

Finalmente, completa a listaxe de novos investigadores distinguidos José Santiago Pozo, ata agora no Departamento de Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente como persoal do programa Juan de la Cierva e actual subdirector de Relacións Exteriores e Mobilidade da Escola de Enxería de Minas e Enerxía. Pozo forma parte do grupo de investigación de Explotación de minas e, xunto coa profesora Teresa Rivas, céntrase na conservación de patrimonio cultural inmoble. “Dedícome á avaliación e desenvolvemento de tecnoloxías e metodoloxías destinadas á conservación das obras, como son monumentos e fachadas en pedra, morteiros de cal ou cemento, pinturas murais tanto históricas como contemporáneas, etc”. A súa investigación céntrase, principalmente, “na limpeza de obxectos de patrimonio empregando técnicas mecánicas, químicas ou láser, aínda que tamén realizo estudos de consolidación e hidrofugación das obras. Por isto, este contrato dentro do programa de retención de talento é “unha pílula de tempo para continuar no que en España e en Galicia resulta tan difícil acadar profesionalmente: dedicarse ao mundo da investigación”.

Pozo láiase de que, a pesar de que os ritmos de produción científica son moi valorados para acadar boas posicións nos ránkings, “a inversión para reter a investigadores noveles con carreiras punteiras é pequena e en moitas ocasións fai que teñan que buscar novas oportunidades noutros países”. No seu caso, leva máis de dez anos “inmerso nesta carreira de fondo a través de bolsas e diferentes contratos da Xunta de Galicia e do Ministerio de Ciencia, realizando estadías nos EUA, Portugal, Grecia, etc. e deste xeito seguir nadando, grazas a este contrato poderei continuar cunha das miñas vocacións: a de ser investigador”. Remarca que este contrato lle outorga “máis tempo para poder seguir ensinando, xestionando, publicando, asistindo a conferencias, dirixindo TFG, TFM e teses de doutoramento coas que estou comprometido e deste xeito, seguir facendo méritos para acadar o contrato por excelencia no ámbito investigador nacional, os contratos Ramón y Cajal do Ministerio de Ciencia e Innovación, xa que é o único  contrato a través do cal podo acadar a estabilización na Universidade”.

No que se refire á investigación, durante os próximos tres anos centrarase en dous piares principais. “Por un lado, realizaremos a limpeza láser de obras en pedra con volumes a través de sistemas robotizados, para automatizar as limpezas das obras de maneira que se consiga extraer o depósito do substrato sen danalo, como consecuencia da dificultade de manter o láser sempre á mesma distancia do obxecto. Por outra banda, ao abeiro do proxecto europeo CAPuS (Conservation of Art in Public Spaces), dedicareime ao desenvolvemento de metodoloxías de limpeza e protección de pinturas acrílicas, alquídicas e vinílicas empregadas nos murais contemporáneos que hoxe en día forman parte do escenario urbano”.

Aquí podes ler a nova no DUVI

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Obradoiros prácticos e charlas divulgativas para conmemorar o 11F

A 6ª edición do programa Elas fan Cientec, destinado a rapazas de secundaria, completa a programación respecto ao 11 de febreiro na Universidade de Vigo