Venres 19 Abril 2024

A UVigo reduciu a súa pegada de carbono nun 7,7% no ano 2015

Fixar as emisións de CO₂ que a Universidade de Vigo emite á atmosfera precisaría de 3791 hectáreas de bosque. Polo tanto, a pegada ecolóxica da institución é de 3791 hectáreas por ano ou 0,176 hectáreas por persoa e ano. Estas cifras recollidas no informe anual da Oficina de Medio Ambiente da Universidade A pegada ecolóxica 2015, amosan que as emisións de CO₂ á atmosfera derivadas da actividade dos tres campus reducíronse nun 7,7% respecto a 2014, pasando de 21397 a 19.749 Tm. Nunha comparativa máis ampla, durante o período 2011-2015 os valores da pegada de carbono por persoa non variaron de forma significativa, sendo sempre as emisións inferiores á tonelada de CO₂ por persoa que existía en anos anteriores (2008 e 2009). En termos absolutos obsérvase unha tendencia negativa nos valores de emisión, pasando dun máximo histórico en 2009 (23.686 Tm) ao mínimo rexistrado en 2015 (19749 Tm).

Fraga no campus de Vigo.
Fraga no campus de Vigo.

O obxectivo desta publicación é avaliar as emisións de gases de efecto invernadoiro derivados das actividades da Universidade e as causas que as producen, para chegar así a coñecer a pegada de carbono, iniciativa que pon de manifesto o compromiso da institución para a redución destas emisións e a mellora enerxética.

Publicidade

A mobilidade segue a ser a principal fonte de emisións, case o 50% do total da institución. Polo tanto, calquera variación nos número de desprazamentos ou nos hábitos de transporte da comunidade universitaria xera cambios determinantes na pegada de carbono da Universidade. De feito, as cifras de maiores de emisións producíronse en 2008, 2009 e 2011, coincidindo coa anos de maior número de usuarios dos tres campus.

Das 19.749 Tm de CO₂ emitidas á atmosfera en 2015, 12.332 corresponden ao campus de Vigo, o máis extenso en superficie e en número de usuarios. 3826 Tm saíron do campus de Ourense e 3679 do de Pontevedra, sendo en todos os casos a mobilidade a maior fonte emisora (54%), seguida pola edificación (18%) e electricidade (16%). Menos incidencia ten o gasóleo (9%), combustible empregado para calefacción en todas as instalacións, excepto os centros do campus histórico de Vigo, algúns edificios da Cidade Universitaria e o CITI de Ourense, que utilizan gas natural. Por último, o papel, os residuos, o gas natural e a auga supoñen unha achega moi baixa de emisións en comparación coas fontes principais, un 3% entre todas.

A UVigo calcula que botou a atmosfera no 2015 case vinte mil toneladas de CO2

A Oficina de Medio Ambiente comezou no ano 2002 a estudar o impacto ambiental derivado do consumo de recursos, desenvolvendo o Estudo de Consumos Enerxéticos da Universidade de Vigo. Esta análise amosaba consumos anuais de electricidade, auga, gas natural e gasóleo, nos distintos centros universitarios, detectando problemas e oportunidades de aforro. Pero en 2008, cando a institución consigue certa estabilidade en relación á construción de edificacións, é cando se comeza a estimar o impacto global das actividades universitarias mediante o cálculo da pegada de carbono e da pegada ecolóxica, que é a superficie de terra e auga que require unha poboación para producir os recursos que consome absorber os residuos que produce.

Dende que se comezou a realizar este estudo, foi no ano 2015 cando a institución viguesa acadou o mínimo histórico de emisións á atmosfera e a pegada ecolóxica calculada pola OMA é de 3791 hectáreas/ano de bosque, ou ben 0,176 hectáreas por persoa e ano. Neste sentido, a Universidade, especialmente o campus de Vigo, conta con amplas zonas de masas vexetais que contribúen á captura desas emisións, actuando como sumidoiros de CO₂. Estas zonas ocupan arredor dunhas 112 ha, presentando unha grande heteroxeneidade en canto ao seu tipo e composición: xardíns, pradarías ornamentais, espazos naturalizados, zonas forestais e espazos verdes en infraestruturas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O festival CinVigo volve esta fin de semana á Porta do Sol con ciencia e diversión

A programación do CINBIO inclúe unha feira científica, obradoiros infantís, unha xincana, maxia e espectáculos

Un proxecto da UVigo sérvese da IA para mellorar a detección de cancro colorrectal

A rede AI4PolypNet está formada por oito grupos de investigación de Galicia, Estremadura, País Vasco e Cataluña

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático