Gran parte dos proxectos concedidos pertencen aos ámbitos científico e tecnolóxico, pero tamén hai do xurídico-social e humanístico.

A UVigo acada 3,7 millóns para 33 novos proxectos de investigación

O proxecto con maior financiamento, 363.000 euros, está dirixido polo catedrático David Posada

A Universidade de Vigo conseguiu atraer 3,7 millóns de euros para pór en marcha 33 novos proxectos de investigación. Fíxoo na convocatoria da Axencia Estatal de Investigación, quen recentemente publicou a resolución da convocatoria 2019 correspondente ás modalidades de Proxectos de I+D+i, no marco do Programa Estatal de Generación de Conocimiento y Fortalecimiento Científico y Tecnológico del Sistema de I+D+i  e do Programa Estatal de I+D+i orientada a los Retos de la Sociedad, do Plan Estatal de Investigación Científica y Técnica y de Innovación 2017-2020. En total, destináronse 360,7 millóns de euros para financiar 2.882 proxectos en toda España.

“Valoramos moi positivamente os fondos acadados pola nosa Universidade nesta convocatoria”, explica a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, ao que engade que o ministerio financiou preto do 85% do total solicitado. “É importante resaltar o incremento significativo de solicitudes presentadas nesta convocatoria, o que revela o grande empuxe co que chegan as novas xeracións de investigadores e investigadoras de posdoutoramento”, recalca Rubio, quen tamén fai mención á implantación na UVigo da política europea de recursos humanos en investigación (HRS4R) coa que se está impulsando a captación e retención dos mellores investigadores mozos.

Gran parte dos proxectos concedidos pertencen aos ámbitos científico e tecnolóxico, eidos que teñen un longo percorrido na Universidade de Vigo na solicitude e captación de fondos en convocatorias competitivas, tanto nacionais como internacionais e, neste senso, a vicerreitora recalca que a institución conta con investigadores de prestixio internacional “cunha carreira investigadora moi sólida”. Pero pouco a pouco o ámbito xurídico-social e humanístico tamén se vai facendo oco dentro destas convocatorias e nesta ocasión a taxa de éxito nestes eidos superou o 55%.

A vicerreitora Belén Rubio.

“Na UVigo temos unha masa crítica suficiente e investigadores de gran nivel que poderían optar a financiamento externo sen problema, pero nestes ámbitos tradicionalmente buscáronse outro tipo de recursos”, explica Rubio, ao que engade que un dos obxectivos en investigación do novo Plan Estratéxico da UVigo –en proceso de elaboración- é precisamente, impulsar a captación de fondos externos a través de convocatorias competitivas de proxectos de investigación nos ámbitos humanístico e xurídico-social.

“No futuro próximo, propoñeranse accións de apoio para que o persoal  investigador destes ámbitos desenvolvan novas vías de financiamento e que co tempo opten tamén nas convocatorias europeas”, recalca a vicerreitora.

363.000 euros para entender o proceso de metástase no cancro

Da convocatoria Generación de Conocimiento, o proxecto con maior financiamento busca entender como se produce o proceso de metástase no cancro. Dirixido polo catedrático vigués David Posada, director do Laboratorio de Filoxenómica da Universidade de Vigo, este traballo conta cun orzamento de 363.000 euros e vaise levar a cabo coa colaboración do grupo de Oncoloxía Médica Traslacional, Oncomet, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela e, máis concretamente, co doutor Roberto Piñeiro, experto no estudo das células tumorais circulantes, principais responsables do proceso de metástase.

Este é o sexto proxecto de investigación que lle concede o ministerio ao laboratorio de Filoxenómica e supón un novo voto de confianza para que , nesta ocasión facendo unha aproximación á súa bioloxía molecular, continúen a afondar no estudo do cancro. “O obxectivo é tentar entender que papel xogan as células tumorais circulantes. É importante afondar en como viaxan, cando e a onde o fan, se van xuntas ou van solas… Xa sabemos que nalgún caso se xuntan pero queremos entender, empregando técnicas de xenómica e de evolución e un modelo animal, as súas principais rutas de emigración”, explica Posada, adiantando así unha das principais novidades que supón para eles este proxecto, que é o feito de traballar por primeira vez cun modelo animal realizando experimentos con ratos.

“Queremos averiguar se a súa configuración xenómica nos indica que cooperan, é dicir, saber se neses grupos de células que viaxan xuntas hai tipos distintos con diferentes funcións, así como comprobar se colaboran entre si para ser máis efectivas á hora de colonizar un novo órgano”, recalca o investigador.

A investigación de David Posada céntrase nas células do cancro e a metástase

O proceso de traballo consistirá en inxectar unha liña celular tumoral de cancro de mama a ratos,  liña que estará marcada con unha fluorescencia verde para poder ver, con diferentes técnicas de imaxe, como se dispersa nos exemplares inxectados.  O que farán é deixar que medre o tumor no rato para logo sacrificalo e estudar a configuración xenómica destas células, pois este é o mellor xeito de saber como se producen estes procesos de cooperación clonal.

“Trátase, en definitiva, de coñecer como e cando viaxan as células á hora de establecer unha metástase en ratos, xa que, evidentemente, con humanos non é posible este tipo de ensaios e, cun ordenador, sería moito menos realista”, explica Posada.

Este proxecto, de catro anos de duración, supón un novo paso na traxectoria do laboratorio de Filoxenómica. “Fai cinco anos non tiñamos o laboratorio húmido, senón que era todo  computacional. Neste tempo abrimos estas novas instalacións e, agora, damos un novo paso ao incluír os ensaios cun modelo animal, para o que buscamos o asesoramento e axuda dun colaborador”, salienta Posada, facendo fincapé en que o aspecto bioinformático e xenómico xa o teñen controlado, pero non o traballo con animais vivos.

Toda a parte relacionada coa experimentación en animais farase pois en colaboración co grupo Oncomet, combinando así dous equipos de investigación moi distintos, pero tamén moi complementarios, xa que ambos levan moito tempo traballando en temáticas relacionadas co estudo do cancro. “Solapamos o xusto e necesario, é dicir, somos grupos cun elevado interese en entender esta enfermidade, pero facémolo desde puntos de vista moi distintos e, neste senso, a unión é a que fai a forza”, recalca o investigador vigués, quen se amosa totalmente seguro de que esta colaboración vai ser “moi frutífera”.

Traballarán neste proxecto arredor de cinco investigadores. Empezaron hai uns meses e xa acadaron algúns resultados preliminares.  “O primeiro é pór a punto estas técnicas, xa que se trata duns ratos moi particulares”. En grandes liñas pódese dicir que os dous primeiros anos farase todo o traballo cos animais e os dous últimos serán de análise bioinformático e, probablemente, tamén de deseño de algún experimento máis pequeno.

314.000 euros para deseñar novos métodos de detección mediante inmunoensaio e bioimaxe

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.