O que podería ser un mero traballo para unha titulación da Universidade da Coruña (UDC) converteuse nas últimas horas nun asunto de importante trascendencia por mor da resposta dunha profesora da institución a un alumno que lle entregou unha redacción escrita en galego. “Paréceme xusto comentarche que non podo corrixir a redacción en galego, como xa imaxinarás. Os textos que non entendo tradúzoos en Google, e valorarei a redacción segundo o texto que me dea”, é a resposta da docente, e que dou pé a unha situación na que xa interveu a propia institución.
Acábame de chegar esta resposta dunha profesora da UDC por enviar un traballo en galego, ANO 2020 UNIVERSIDADE PÚBLICA GALEGA pic.twitter.com/xOLlOqJNpP
— tonhin (@antonio_cendan) November 29, 2020
Fontes da UDC consideran “moi grave” o acontecido, e manifestaron o seu apoio ao alumno que difundiu a resposta, publicada nas redes sociais e que acadou unha importante repercusión. Ao parecer, máis alumnos da mesma materia se viron nunha situación semellante. O alumno que denunciou os feitos avanzou a súa intención de presentar unha queixa formal, aínda que declinou realizar máis comentarios ao respecto á espera da resposta e as medidas tomadas pola UDC.
Bo día! Trasládovos a ti e á túa compañeira a disculpa da institución! É lamentable. Calar non é unha opción cando traballamos arreo por unha universidade pública, galega e feminista!
— Universidade da Coruña (@UDC_gal) November 30, 2020
Contexto
En declaracións a GCiencia, o secretario xeral da UDC e responsable de Normalización Lingüística, Carlos Aymerich, expuxo que se trata dunha docente que se acaba de incorporar á universidade coruñesa. “A todos os docentes que se incorporan indicámoslles cal é a normativa, e que deberes e dereitos asumen ao converterse en empregados públicos da universidade; e entre eles está, en materia lingüística, saber que a lingua propia da UDC é o galego, e que temos un compromiso coa normalización da lingua”.
Deste xeito, continúa Aymerich, “os docentes teñen o deber de coñecer o galego, e non se pode discriminar a ningún alumno por usalo”. Para isto, expón, “a UDC ten cursos en liña, que ademais contan con moi boa acollida nos últimos anos, para mellorar o coñecemento do galego, e en todo caso, de non ter a destreza suficiente coa lingua, poden recabar a axuda dos servizos de normalización lingüística, con ferramentas e tradutores, que non son o de Google precisamente”.
Medidas
Diante da situación xerada, a UDC advertiu a profesora da situación. “Agardemos que non se persista nisto, e esperemos que non sexa necesario tomar medidas disciplinarias, que simplemente se trate dunha cuestión de axuste e adaptación á chegada á universidade. Agora xa non poderá alegar o descoñecemento da norma, e nós imos amparar o exercicio dos dereitos lingüísticos do alumnado”, conclúe o secretario xeral da universidade coruñesa.
As imaxes que amosan a desigualdade do galego no ensino universitario
Ben se ve o que pasa co tratamento do galego na universidade …
Como é posible que poida haber profesores que sexan incompetentes no noso idioma …?
Como se admite un profesor sen os coñecementos necesarios para poder calificar un exame en galego?
Algo está fallando na universidade …