Denise Gastaldo, nunha visita ao Campus de Ferrol o pasado mes de xullo. Foto: UDC.

A profesora Denise Gastaldo será ‘honoris causa’ pola Coruña

Investigadora no eido da saúde como fenómeno social, actualmente é profesora na Universidade de Toronto

A profesora da Universidade de Toronto Denise Gastaldo será nomeada Doutora Honoris Causa pola Universidade da Coruña, o vindeiro xoves 19 de setembro, nun acto presidido polo reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, no Teatro Jofre de Ferrol. A profesora da Facultade de Enfermaría e Podoloxía e directora do Departamento de Ciencias da Saúde, María Jesús Movilla Fernández, será a encargada de pronunciar a correspondente laudatio.

A actividade investigadora de Denise Gastaldo céntrase no estudo da saúde como fenómeno social. Nos seus traballos, a profesora e enfermeira afonda en como se produce a saúde a través dos procesos sociais, políticos e económicos, sinalando a migración e o xénero como factores determinantes.

Durante os últimos dez anos, a investigadora ten colaborado en numerosas ocasións cun grupo de profesoras da Facultade de Enfermaría e Podoloxía do Campus de Ferrol vinculadas ao Laboratorio de Investigación Cualitativa en Ciencias da Saúde pertencente ao Grupo de Investigación GRINCAR.

Un referente en docencia e investigación

Denise Gastaldo (Porto Alegre, Brasil) graduouse en Enfermaría na Escola de Enfermagen da Universidade Federal de Río Grande do Sul en Brasil. Nese mesmo ano, obtivo tamén o Diploma de Nursing Education na Facultade de Educaçao da Universidade Federal de Río Grande do Sul.

En España, no ano 1987, acadou o Diploma en Saúde Pública da Escola Nacional de Sanidade na Universidade Complutense de Madrid. Dous anos despois, cursou en Brasil un Mestrado en Educación dentro do Programa de Pós-Graduaçao en Educaçao da Universidade Federal de Río Grande do Sul. Entre os anos 1991 e 1995 cursou o doutoramento en Socioloxía no Institute of Education da University of London (UK). Posteriomente, realizou a súa estancia post-doutoral na Universidade de Montreal (Canadá).

Actualmente é profesora na Facultade de Enfermaría da Universidade de Toronto (Canadá), cargo que compaxina coa dirección do Centro for Critical Qualitative Health Research nesa mesma institución. Ao longo da súa traxectoría, Gastaldo ten participado en máis de 22 proxectos de investigación, redactado máis de 60 artigos en revistas de impacto a nivel internacional e colaborado en numerosas comunicacións en congresos por todo o mundo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.