O poder dos escándalos na primeira campaña de Feijóo

Fotografía publicada polo xornal ABC de Anxo Quintana no iate de Jacinto Rey. / ABC

“As noticias icona funcionan como recordos imperecedoiros, que seguen aparecendo nas páxinas dos xornais semanas, meses ou anos despois da súa primeira publicación, conferindo un poder permanente á representación simbólica do escándalo político”, sostén o investigador Javier Presas, que na súa tese de doutoramento analizou a influencia dos medios de comunicación e as consecuencias dos escándalos políticos nas campañas electorais. Centrándose nas eleccións autonómicas do ano 2009, nas que o presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijóo, logrou a súa primeira maioría absoluta, Presas estudou o papel xogado pola prensa á hora de “configurar imaxes de gran contido simbólico” vinculadas ao escándalo político.

Quintana e Touriño durante unha xuntanza
Quintana e Touriño durante unha xuntanza

Imaxes como as xeradas naquela campaña a través das novas relativas ao Audi A8 que empregaba o por aquel entón presidente, Emilio Pérez Touriño, aos gastos realizados polo bipartito na sede administrativa de San Caetano ou á fotografía do vicepresidente, Anxo Quintana, no barco do empresario Jacinto Rey. Noticias icona que, como sinala, “tiveron a influencia suficiente como para fixar parte da axenda da campaña” e que perduraron no tempo, converténdose en “temas recorrentes da narración política galega”.

Na súa tese Corrupción y escándalo político en las campañas electorales. La noticia icono en las elecciones gallegas de 2009 y 2012, dirixida pola profesora da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo Mercedes Román, Presas analizou as novas publicadas polas principais cabeceiras autonómicas e polos dous xornais estatais que contaban entón con edición galega, El País e ABC, durante os 15 días de campaña. Fíxoo poñendo o foco no “poder dos escándalos” suscitados a raíz da aparición de cinco novas icona, entre as que tamén figuran o desprazamento dun grupo de maiores a un mitin de Quintana en Oia e os gastos realizados pola Consellería de Cultura na Feira do Libro da Habana. A súa relevancia, sinala, “pódese medir de maneira rigorosa en termos da súa frecuencia de aparición”, xa que en todos os días da campaña de 2009 atópanse referencias a estas noticias, “con picos que roldan o medio cento de mencións”.

“O estudo buscaba demostrar as posibilidades dos medios de comunicación de crear imaxes cargadas de gran contido simbólico, capaces de perdurar no tempo”, sinala o autor dunha investigación que non trataba de analizar a súa influencia no resultado electoral, “algo dificilmente cuantificable”, senón afondar nesa capacidade dos medios de “crear percepcións colectivas”.

“A través dos medios, o escándalo político e a súa representación simbólica fanse moito máis visibles, xerando unha serie de repercusións sociais para o implicado”, sinala Presas, que incide na importancia do marco interpretativo á hora de determinar o “poder simbólico” que obterán esas novas. De aí que destaque que o “poder dos escándalos” suscitados a raíz de determinadas novas icona non vén motivado tanto polas fotografías e informacións publicadas, como polo “marco de crise económica no que se deron”, que contribuíu a que esta serie de novas se convertesen en “poderosas imaxes condensadas”, a través da súa vinculación “con conceptos máis amplos”, en noticias nas que figuraban con frecuencia “palabras como austeridade, luxo ou malgasto”.

Ademais dunha análise do “modelo narrativo” dos medios para o chamado “escándalo político”, Presas propón tamén na súa tese unha análise cuantitativa e cualitativa sobre a presenza destas noticias icona na prensa galega. Unha análise que terá como eixo central ao xornal ABC, “por considerarse como o principal catalizador das news icon” daquela campaña, na que, entre outras cuestións, o xornal levou á súa portada a foto de Quintana e Rey. Nese senso, Presas destaca que en 13 dos 15 días da campaña, en seis ocasións en portada, este xornal inclúe “algún tipo de representación simbólica” vinculada á idea do “malgasto do Goberno galego”.

Pero, máis aló da súa presenza nesta cabeceira, estas noticias icona tiveron tamén “a capacidade de determinar a axenda” daquela campaña, de tal xeito que en 283 das 2424 noticias analizadas por Presas para a súa tese figuraban referencias ás cinco novas que centraron o seu estudo. Cuestións que mesmo tiveron a capacidade de permanecer vivas na seguinte campaña, como engade Presas, que na súa análise das novas publicadas nas xornadas previas ás elección de 2012, na que Nuñez Feijóo reeditou a súa maioría absoluta, atopou un total de 55 noticias vinculadas a esas cinco imaxes simbólicas xurdidas nos anteriores comicios.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.