A quiniela galega xa conta cun deseño propio

Pablo López recibiendo o premio

Un primeiro premio para o traballo de Pablo López sobre o deseño dunha quiniela galega e dous accésits: un para Andrés López polo seu estudo da teoría de colas aplicado a un gran hipermercado e outro para Alejandro Rodríguez polo seu traballo sobre responsabilidade social corporativa e performance financiera. Estes son os galardoados nos IV Premios de Investigación que outorga cada ano a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e o Colexio de Economistas de Ourense, coa colaboración da Deputación Provincial, co obxectivo de distinguir os mellores traballos fin de grao do centro.

Premiados e autoridades
Premiados e autoridades

O primeiro premio foi para o ourensán Pablo López, titulado no grao de Administración e Dirección de Empresas, polo seu traballo fin de grao Deseño dunha Quiniela Galega, que titorizaron os profesores Ángel Barajas e Patricio Sánchez. No seu traballo, explicou o premiado, analizou “os diferentes modelos de quinielas existentes sobre as principais ligas europeas” tendo en conta o obxectivo principal do traballo, consistente en deseñar unha quiniela galega o máis adapta posible ás características deste territorio. Realizada a investigación, o estudo conclúe que “o modelo máis axeitado” para a quiniela galega é aquel que contén 13 xogos base, co sistema de xogo tradicional (1X2) e propón a existencia do partido adicional, baseado en opcións de selección de número de goles, e da aposta Os 9, consistente en acertar os resultados dos nove primeiros partidos do boleto.

Ao longo do estudo, o investigador sinala que para a posta en marcha da quiniela sería recomendable asociarse cunha empresa existente do sector das apostas deportivas, utilizando as súas terminais de apostas a cambio dunha comisión, e crear unha páxina web para as apostas on line. Unha quiniela galega, apuntou o premiado, podería alcanzar os resultados estimados no escenario moderado cun total de 255.342 apostas por xornada, que equivalerían a 23.200 apostantes. O seu traballo, engadiu o galardoado, forma parte do informe encargado pola Federación Galega de Fútbol ao Grupo Gen da Universidade de Vigo co obxectivo de pór en marcha efectivamente unha quiniela galega.

A entrega dos galardóns celebrouse este martes nun acto que contou coa participación de Elena Rivo, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo; Manuel Baltar, presidente da Deputación Provincial, Jesús Vázquez, alcalde de Ourense, e Guillermo Díez, decano do Colexio de Economistas de Ourense. Durante a presentación salientouse a calidade dos 18 traballos que se presentaron a esta edición e a importancia de fomentar e premiar con eles a investigación académica. O acto tamén contou cunha conferencia de Ricardo Capilla, director-xerente do Parque Tecnolóxico de Galicia, na que ofreceu aos asistentes a súa visión sobre a innovación, destacando como “a innovación non é inventar cousas novas, é crear valor”.

A quiniela podería alcanzar unhas 255.00 apostas por xornada que equivalerían a máis de 23.000 apostantes

Durante a gala tamén se deron dous accésit a dous traballos fin de grao tamén de Administración e Dirección de Empresas. Un deles foi para Andrés López, polo seu estudo Teoría de colas: aplicación e comparativa dos modelos M/M/1 e M/M/S, que tivo como titor a Manuel Alfredo Mosquera. Trátase, destacou o premiado, dun estudo teórico pero “claro e sinxelo” dos principais modelos de colas e da súa eficiencia, realizando un estudo empírico nun hipermercado real, neste caso no Carrefour Ourense. Facendo cola nun servizo deste tipo, apuntou o egresado, “todos nos temos preguntado se é máis eficiente unha soa cola en común ou unha para cada caixa”. En base aos resultados obtidos na análise empírica realizada, indicou, “o sistema dunha soa cola demostrouse máis eficiente que o de múltiples colas independentes”.

O outro accésit foi para Alejandro Rodríguez polo seu estudo, titorizado pola profesora Mónica Villanueva, Responsabilidade social corporativa e a performance financiera, facendo esta última referencia á análise e avaliación dos resultados empresariais durante un período determinado de tempo. “O principal resultado que se obtén é que non existen diferenzas significativas entre a performance financeira das empresas socialmente responsables e aquelas que non o son, é dicir, non se pode afirmar que as empresas socialmente responsables teñan un mellor desempeño financeiro ou que o exercicio desta responsabilidade social lles prexudique”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.