Unha tese propón un sistema de predición de mareas vermellas en tempo real

O investigador Francisco Bellas cre que así se poderían optimizar os recursos de industrias como a do mexillón, moi afectada por este fenómeno

As mareas vermellas son un problema ambiental, económico e sanitario nas Rías Baixas. Foto: DUVI
As mareas vermellas son un problema ambiental, económico e sanitario nas Rías Baixas. Foto: DUVI

As mareas vermellas tóxicas fan tremer as Rías Baixas. Son unha proliferación masiva de microalgas que causan un forte impacto no medio ambiente, na economía e na saúde. De feito, os seus efectos nocivos poden ir dende unha diarrea ata procesos amnésicos máis graves. E malia a preocupación que suscita no sector, aínda non hai en Galicia un sistema preditivo a tempo real destes fenómenos mariños. Non obstante, grazas a unha tese de doutoramento comeza a chegar a luz. Froito dos estudos do enxeñeiro Francisco Bellas Aláez é posible que se consiga acadar dito obxectivo no medio prazo.

O investigador explica que por primeira vez conseguiron desenvolver un sistema de predición de mareas vermellas tóxicas cun acerto próximo ao 70%, tanto a unha semana vista como no propio día. Bellas cre que este método en tempo real axudaría a optimizar os recursos dispoñibles, sobre todo en industrias como as do mexillón. De feito, o investigador pensa que ese sistema reduciría as perdas económicas. “Se somos capaces de prever a aparición da marea vermella, pódese levar o mexillón a unha zona limpa, sacalo á depuradora ou inmobilizalo en batea”, indica Bellas, apostando por unha alternativa ao procedemento actual: péchanse todas as bateas ata que se aseguran de que o mexillón é apto para o consumo.

Novos algoritmos

Esta tese proba unha serie de algoritmos que nunca foran aplicados neste campo debido a que son relativamente recentes. Ademais, no caso das Rías Baixas, conseguiuse aumentar a variedade de datos en relación cos estudos previos, engadindo novas variables ao sistema de predición como nutrientes, niveis de clorofila e variacións de temperatura, co que se consegue mellorar os resultados. Así se recolle na tese de Bellas, que foi dirixida polos docentes Jesús Torres e Luis González Vilas do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo.

Francisco Bellas Aláez, autor da tese. Foto: DUVI
Francisco Bellas Aláez, autor da tese. Foto: DUVI

“Dado que en Galicia actualmente non hai ningún sistema preditivo en funcionamento en tempo real, estase actuando por observación e análise de mostras dentro do programa de monitorización do Intecmar, identificando as especies potencialmente tóxicas, analizando a súa toxicidade e actuando en consecuencia”, incide o investigador. Uns datos que foron facilitados, ademais de por por Intecmar, por Puertos del Estado e que foron recollidos ao longo das últimas décadas.

Finalmente, o investigador insiste en que conseguir ese sistema preditivo a medio prazo é “perfectamente viable”. “De feito xa empezamos a preparar dito sistema, pero é un proxecto que agora mesmo está parado por motivos económicos e temporais”, salienta o autor da tese. Mais el mesmo insiste en que para que dito sistema se poida poñer en marcha fai falla máis investimento en recursos materiais e humanos, posto que non só sería preciso lanzalo, tamén mantelo.

Investigación e docencia no ensino medio

Enxeñeiro de Telecomunicación pola Universidade de Vigo, Francisco Bellas leva anos compatibilizando o labor investigador co de docente de Formación Profesional no Colexio Vivas en Vigo e na propia Universidade, onde durante dez anos exerceu como profesor asociado da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. “No 2012 contactei co Departemento de Física Aplicada da Facultade de Ciencias do Mar para colaboracións puntuais, pois é un equipo moi multidisciplinar no que colaboramos profesionais de distintos ámbitos para poder facer desenvolvementos en conxunto”, recalca Bellas, quen desde 2014 centrou o seu labor investigador na realización desta tese de doutoramento.


Podes ler a noticia do DUVI nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.