Xoves 28 Marzo 2024

Unha ameaza que se desvanece: novo revés á mina de Touro

A Xunta desestima o recurso de reposición presentado pola empresa que pretende a reapertura do polémico xacemento

A Consellería de Economía, Empresa e Innovación vén de desestimar o recurso de reposición presentado por Cobre San Rafael, tras acreditar a legalidade da resolución negativa —en febreiro de 2021— que freaba o proxecto da mina de Touro fundamentada na inviabilidade medioambiental manifestada na Declaración de Impacto Ambiental. Agora, á promotora só lle cabe interpoñer recurso contencioso–administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses.

Pese aos intentos frustrados de sacar adiante o proxecto de extraer cobre a ceo aberto e do plan de restauración nos municipios de Touro e O Pino, Atalaya Mining —unha das empresas promotoras detrás do proxecto— ampárase no récord de beneficios acadados na mina que opera en Huelva para seguir co seu polémico plan en Galicia.

Publicidade

Legalidade da resolución impugnada

A consellería desestima o recurso de Cobre San Rafael e confirma a legalidade da resolución negativa, alegando que existe material probatorio máis que suficiente para acreditar a legalidade da resolución impugnada. No documento oficial da consellería aparece textualmente “a especial trascendencia, para os efectos probatorios, que ten a Declaración de Impacto Ambiental do 28 de xaneiro de 2020, ao provir do órgano administrativo tecnicamente especializado en materia ambiental”.

Os informes de alertaban de impactos negativos no ciclo hídrico e do “risco moi elevado para a poboación en caso de desastre”

Tanto os informes de Augas de Galicia como os da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, advertían do impacto negativo no ciclo hídrico de toda a zona, que afecta a bacía do Ulla, e de non dar “resposta completa ás medidas de xestión a adoptar en caso de escenario accidental” de producirse unha catástrofe debido á rotura dalgunha dos depósitos proxectados. A Dirección Xeral de Patrimonio Natural, xa no seu primeiro informe, datado en abril de 2018, falaba dun “risco moi elevado para as poboacións humanas próximas e ao medio ambiente, en caso de desastre”.

Argumentos de Cobre San Rafael

Entre os argumentos que a promotora expuxo para presentar o recurso de reposición, segundo informa a Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino NON, non dudaba en acusar á Autoridade Ambiental de actuar de xeito arbitrario e de facer unha interpretación nesgada dos informes técnicos de Patrimonio Natural e Augas de Galicia, decisivos na resolución negativa do proxecto.

A Plataforma Veciñal tamén sinala que “do escrito no recurso presentado por Cobre San Rafael dedúcese un claro interese da promotora por alongar o máximo posible os prazos, querendo estender no tempo a súa presencia en Touro e O Pino para que a veciñanza e a opinión pública crea nun proxecto inexistente”. Por este motivo, engaden, “non escatiman en gastos no patrocinio de toda clase de actividades alleas ao seu fin empresarial”.

O debate da mina de Touro-O Pino

O proxecto da explotación mineira, que estaba previsto desenvolverse nunha zona onde xa se extraera cobre nos anos 70 e 80 do século XX, xerou un amplo debate na zona, con partidarios e detractores da iniciativa. Plataformas veciñais como Mina Touro-O Pino Non e a rede Contaminacción organizaron sucesivas mobilizacións para protestar contra o novo proxecto, ao tempo que denunciaban o mal estado no que quedara a zona non recuperada pola anterior explotación, causante de vertidos periódicos nos regatos da zona.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Ouro blanco en España: onde hai litio e por que non hai minas activas

A autora, científica do IGME, explica a relevancia do litio como mineral estratéxico e analiza os xacementos existentes na península ibérica

As pontes sobre o Ulla en Gundián: arte por duplicado para salvar unha xeoloxía singular

Os viadutos que se erguen no paso de San Xoán da Cova unen as beiras do río nun afloramento de cuarzo de grande interese mineral

Unha tese analiza a restauración con estériles no oco mineiro das Pontes

Ivana María Rivas avalía as diversas estratexias para reducir a contaminación, incidindo na importancia do manexo selectivo dos estériles piríticos

As claves que frearon a mina de Touro e O Pino: risco de “catástrofe” e impacto nas augas

A Declaración de Impacto ambiental desfavorable cara ao controvertido proxecto mineiro foi difundida este venres pola Xunta