O químico Manuel Casalderrey, Premio de Divulgación da Real Academia Galega de Ciencias

A RAGC recoñece a súa “ampla e frutífera” traxectoria, coa publicación de libros de temática diversa que relacionan a ciencia coa vida cotiá

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) concedeu o Premio de Divulgación Científica 2022 ao químico Manuel Luis Casalderrey García, en recoñecemento da súa “ampla e frutífera traxectoria persoal no eido da divulgación científica en Galicia”, particularmente a publicación regular desde o ano 1989 de artigos de divulgación sobre temas de actualidade e ámbito moi diverso. 

Manuel Casalderrey (A Coruña, 1941) licenciouse en Ciencias Químicas pola Universidade de Santiago. Realizou a súa tese de doutoramento sobre a interpretación teórica do espectro electrónico da benzofenona, dirixida polo profesor Miguel Ángel Ríos Fernández e presentada no ano 1986.

No plano docente traballou en diferentes lugares e áreas, comezando no ensino público en Teruel e rematando antes da súa xubilación como catedrático de Física e Química no Instituto Sánchez Cantón de Pontevedra en 2011. Ademais, foi director adxunto do Instituto de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago. Impartiu cursos dirixidos á formación e perfeccionamento de profesores e ten realizado investigacións no campo da didáctica da Física e da Química e da educación do consumidor.

Columnista desde 1989

O galardoado é columnista na prensa galega desde o ano 1989, publicando artigos de alto interese científico e divulgativo. A súa traxectoria no ámbito da divulgación inclúe máis dunha ducia de libros de temática diversa, na súa maioría relacionados coa Química na vida cotiá. É o caso da publicación Láseres, emisores de luz especial, pola que recibiu o Premio Prisma a Textos Inéditos da Casa de las Ciencias. En 2021 publicou Química, benefactora de la humanidad, no que relata todas as aportacións da química para mellorar o noso día a día, en particular á Medicina, pero tamén a outros eidos como o das novas tecnoloxías ou os elementos construtivos. Nesta liña, Manuel Casalderrey afirma que “hai química boa por todas partes, está presente en todo, a vida é química e a química é vida”.

Recibiu así mesmo múltiples recoñecementos ao seu labor como divulgador da ciencia, en especial o Premio Nacional de Investigación e Innovación Educativa do Ministerio de Educación e Ciencia ou o Premio Giner de los Ríos, entre outros. Toda esta traxectoria faino merecedor do premio da RAGC, que o enxalza como “figura senlleira da divulgación da ciencia en Galicia”.

“A ciencia necesita intermediarios para que os ciudadanos entendan o os avances científicos e tecnolóxicos”

MANUEL LUIS CASALDERREY

“A divulgación científica é fundamental. A ciencia necesita intermediarios para que os cidadáns entendan os avances científicos e tecnolóxicos. A miña achega neste campo estivo centrada na publicación de máis de 2.000 artigos en La Voz de Galicia desde hai 33 anos, achegándome aos lectores e tratando de conectar con eles a través de pequenas pinceladas”, salienta o galardoado.

Casalderrey manifesta a súa “grandísima satisfacción” ao recibir este premio. “Xa levo bastantes anos xubilado e é unha enorme alegría saber que un é valorado, que gusta o que fai. Un recoñecemento deste nivel é realmente unha honra”, asegura.

O xurado desta edición estivo composto polos académicos da RAGC Ángel Carracedo, que actuou como presidente; Minia Manteiga como secretaria; ademais de Antonio BallesterAntonio Rigueiro e José Ramón Cancelo.  

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.